Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 3 de agosto de 2020 Páx. 30331

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta do 30 de xullo de 2020 polo que se modifica o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 30 de xullo de 2020, adoptou o seguinte acordo:

«Acordo do Consello da Xunta do 30 de xullo de 2020 polo que se modifica o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

No mesmo punto indícase que, así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do presente acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas neste acordo que sexan necesarias.

A experiencia na aplicación do acordo indicado puxo de manifesto a necesidade, en determinados supostos e atendendo á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de adoptar medidas concretas que modifiquen ou que, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, despracen a aplicación das medidas de prevención contidas no acordo indicado, cuxa adopción, por razóns de eficacia, pode atribuírse á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade. En prol dunha maior claridade e seguridade xurídica, estímase que procede clarexar este aspecto expresamente no acordo indicado, e modificar para tal fin o parágrafo segundo do seu punto sexto.

En atención ao exposto, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, adóptase o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, queda modificado como segue:

Un. O parágrafo segundo do punto sexto queda redactado como segue:

“Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do presente acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas neste acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.”

Segundo. Eficacia

Este acordo producirá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza