Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 4 de agosto de 2020 Páx. 31093

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2020, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a ampliación dos prazos para expedir e presentar a certificación previstos na Resolución do 22 de xuño de 2020, pola que se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Resolución do 25 de novembro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 226, do 27 de novembro), convocouse concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia.

Mediante a Resolución do 22 de xuño de 2020 acórdase a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario.

Mediante a Resolución do 6 de xullo de 2020 e como consecuencia das medidas adoptadas polas situación de crise sanitaria nas oficinas de rexistro e atención cidadá, entre elas a obriga de dispor de cita previa para o acceso ao rexistro, acórdase ampliar o prazo de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario ata o 28 de xullo.

A ampliación dese prazo xunto co alto volume de impresos de emenda que é preciso atender, así como a coincidencia deste período coa etapa estival en que se reduce considerablemente o persoal dispoñible para tramitar as certificacións correspondentes, aconsellan, para unha mellor prestación do servizo, ampliar os prazos establecidos na Resolución do 22 de xuño de 2020 no relativo á expedición e presentación das devanditas certificacións.

Polo exposto, no uso das competencias que ten atribuídas no artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública e ao abeiro do disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Ampliar en 22 días hábiles o prazo disposto para as expedicións, por parte das correspondentes unidades de persoal, dos certificados de xustificación dos méritos. O devandito prazo rematará o 29 de setembro de 2020.

Segundo. Ampliar en 25 días hábiles o prazo disposto para a presentación, por parte dos concursantes, dos certificados realizados polas unidades de persoal. O devandito prazo rematará o 9 de outubro de 2020.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública