Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 5 de agosto de 2020 Páx. 31190

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de xullo de 2020 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da denominación de orixe protexida «Queixo tetilla»/«Queso tetilla».

O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla aprobou solicitar unha modificación do prego de condicións da dita denominación de orixe, de conformidade co establecido no artigo 53 do Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

A dita solicitude, xunto co texto do novo prego de condicións, presentouna posteriormente o consello regulador ante a Consellería do Medio Rural, de acordo co establecido tanto no Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, norma autonómica reguladora da materia.

O procedemento para a modificación dos pregos de condicións recóllese, ademais de no citado artigo 53 do Regulamento (UE) núm. 1151/2012, no artigo 6 do Regulamento delegado (UE) núm. 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, polo que se completa o Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao establecemento dos símbolos da Unión para as denominacións de orixe protexidas, as indicacións xeográficas protexidas e as especialidades tradicionais garantidas e no que atinxe a determinadas normas sobre a procedencia, certas normas de procedemento e determinadas disposicións transitorias adicionais.

A modificación que se propón afecta o prego de condicións nas súas alíneas B (descrición do produto), G (estrutura de control) e H (etiquetado). Ademais, tamén afecta o punto 3.2 do documento único publicado.

Son tres aspectos os que se modifican, de acordo co que a seguir se describe.

Por unha parte, introdúcese unha marxe de tolerancia do 10 % nas dimensións máximas da base naqueles queixos con peso superior a 1 kg. Resulta necesario introducir esta modificación debido ás lixeiras variacións que poden sufrir os queixos de peso superior a 1 kg nas dimensións das súas bases, como consecuencia do proceso de maduración. Os moldes utilizados para a elaboración de queixos amparados pola DOP, calquera que sexan os seus pesos, cumpren coas dimensións mínimas e máximas definidas no prego de condicións, de maneira que, ao retiralos, tamén os queixos cumpren con aquelas dimensións. Con todo, observouse que, coa maduración, ao adquirir a característica forma cónica, cóncava-convexa, as dimensións da base nos queixos de peso superior a 1 kg, en ocasións, poden chegar a superar lixeiramente o máximo permitido. Por iso, considérase oportuno introducir esta marxe de tolerancia aplicable unicamente aos queixos de peso superior a 1 kg. Esta modificación afecta tamén o punto 3.2 do actual documento único.

Por outra parte, tamén se pretende suprimir a necesidade de acreditar a titularidade ou a participación na titularidade da empresa elaboradora nas marcas comerciais utilizadas. Xustifícase esta modificación, que non afecta o documento único, polas distintas circunstancias en que poden atoparse as marcas utilizadas polos operadores da DOP e por resultar innecesario que os mesmos acrediten ante o Consello Regulador ser titulares ou cotitulares dos correspondentes rexistros marcarios. Efectivamente, os rexistros das marcas individuais usadas para a comercialización de Queixo Tetilla non sempre son titularidade dos elaboradores do produto, podendo darse unha ampla variedade de supostos, como a comercialización a través de marcas de terceiros, o uso de signos non rexistrados como marcas, etc. Por iso, considerouse conveniente suprimir este requisito.

Por último, no relativo á autoridade de control, modifícase a referencia ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) para substituíla pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) unha vez creada esta axencia pública autonómica que veu a asumir as funcións de autoridade competente na materia en substitución do Ingacal.

As modificacións que se formulan son de menor importancia de acordo co establecido no artigo 53.2 do Regulamento 1151/2012. Segundo o indicado no citado artigo 6, número 2, do Regulamento núm. 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ao ser unha modificación de menor importancia presentada pola mesma agrupación que solicitara anteriormente o rexistro da denominación de orixe protexida non é preceptivo levar a cabo un procedemento de oposición.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar e facer pública a decisión favorable para que as modificacións do prego de condicións da denominación de orixe protexida «Queixo Tetilla»/«Queso Tetilla» sexan inscritas no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) núm. 1151/2012, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro.

Segundo. Publicar a nova versión do prego de condicións da denominación de orixe protexida «Queixo Tetilla»/«Queso Tetilla», sobre a que se basea esta decisión favorable. O dito prego de condicións e máis o documento único figuran na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/QuesoTetillaPliego-condiciones-febrero_2020_final.pdf

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/DU_Queso_Tetilla_febrero_2020_final.pdf

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural