Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 6 de agosto de 2020 Páx. 31289

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se aproba a versión 2.2 das guías para a habilitación electrónica de procedementos.

O Consello da Xunta de Galicia do 25 de abril de 2013 aprobou tres guías que teñen o obxectivo de axudar aos órganos e unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na elaboración de normas que regulan procedementos administrativos e servizos e facilitar o cumprimento da normativa en materia de Administración electrónica e simplificación administrativa.

Con esta publicación encamiñada á modernización, racionalización e simplificación dos procedementos administrativos e servizos, propíciase a redución de trámites e cargas burocráticas, ademais de facilitar a relación entre a cidadanía e a Administración, contribuír a reducir os custos administrativos das actividades empresariais e axudar á mellora da competitividade das empresas e estimular o seu desenvolvemento grazas á promoción da sede electrónica como canle preferente na tramitación administrativa.

Así pois, as guías aprobadas están a ser unha axuda a todos os órganos e unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na elaboración de proxectos de disposicións administrativas de carácter xeral que regulen procedementos administrativos, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións, así como o establecemento de servizos á cidadanía e ao persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma e demais entidades integrantes do sector público autonómico.

Como ferramentas vivas estas guías necesitan estar actualizadas conforme á lexislación vixente en cada momento e á realidade social do tempo en que teñan que ser aplicadas. Así, a propia actividade administrativa levou a identificar desde a súa publicación melloras que poderían facelas máis eficientes.

De acordo co punto anterior, procédese á revisión e actualización do contido recollido nas guías para a habilitación electrónica de procedementos polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos, logo da identificación de melloras que inciden na axilización da tramitación administrativa dos procedementos e na claridade do servizo ofrecido á cidadanía.

Nesta liña, esta nova versión recolle a adaptación á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, que sistematiza toda a regulación relativa ás relacións dixitais ad extra e ad intra no sector público autonómico de Galicia, os dereitos das persoas nas súas relacións dixitais, promovendo un réxime xurídico novo na administración dixital do sector público autonómico de Galicia segundo as prescricións establecidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Entre as adaptacións á citada lei, atópase a incorporación de novos suxeitos obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos, como son os traballadores e traballadoras autónomas, o estudantado universitario e as persoas que representen un suxeito obrigado dos anteriormente indicados.

Así mesmo, esta nova versión tamén recolle as adaptacións á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, dando cumprimento ao previsto no artigo 1.a) desta.

Por todo o exposto,

RESOLVEMOS:

Primeiro. Aprobar a versión 2.2 das guías para a habilitación electrónica de procedementos.

Segundo. As devanditas guías estarán publicadas na intranet da Xunta de Galicia no enderezo http://intranet.xunta.es/reduce desde a publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

Terceiro. Estas guías estarán permanentemente actualizadas no enderezo anterior. Non obstante, e no suposto de que algunha modificación tivese o carácter de substancial, será necesario que a dita actualización se realice mediante a aprobación da resolución conxunta correspondente.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia