Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 7 de agosto de 2020 Páx. 31561

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2020, da Área de Planificación e Proxectos, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construcción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-551, punto quilométrico 29+000 a 32+700, de clave PO/17/149.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou, o 9 de xuño de 2020, a seguinte resolución:

Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno de tramo de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-551, p.q. 29+000 a 32+700, de clave PO/17/149.06.

Antecedentes de feito.

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 64, do 3 de abril de 2018, publicouse o Anuncio do 20 de marzo polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do citado proxecto de construción, para os efectos do establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo citado proxecto, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Segundo. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes, e no trámite de información pública formularon alegacións as persoas interesadas. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lles foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, así como para aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017, sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG nº 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que, transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, se dará resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Tras a realización dos ditos trámites, e sen prexuízo do seu resultado, comprendido no informe de alegacións do 5 de xuño de 2020 que consta no expediente, del interesa destacar nesta resolución que:

• Durante a fase de execución da obra e de acordo cos criterios de funcionamento da estrada, determinarase o punto exacto máis adecuado para situar o cruzamento peonil no p.q. 31+920.

• En cumprimento da normativa vixente (Regulamento xeral de estradas de Galicia), estudarase cada caso de xiro á esquerda para o acceso a garaxes e casas no treito considerado.

Así mesmo, despois de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as seguintes modificacións ao trazado sometido a información pública:

• Na contorna da nova glorieta proxectada no p.q. 31+580, ampliarase o largo da beirarrúa anexa á edificación existente na marxe dereita.

• No p.q. 31+630 posibilitarase o xiro cara á esquerda, desde a PO-551 para o acceso á EP-1103.

Desestímanse as demais alegacións e modificacións proposta, de acordo coas xustificacións e fundamentos que constan no expediente de información pública.

Terceiro. O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu punto 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para o trazado de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que «logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente».

Cuarto. De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

O presente proxecto contén as determinacións do planeamento do Concello de Moaña que, na súa primeira modificación ou revisión, deben ser modificadas como consecuencia desta aprobación.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: MSV no contorno de TCA na estrada PO-551, p.q. 29+000 a 32+700, de clave PO/17/149.06, coas modificacións relativas ao trazado sometido á información pública que se indican no fundamento de dereito.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: MSV no contorno de TCA na estrada PO-551, p.q. 29+000 a 32+700, de clave PO/17/149.06.

Terceiro. O Concello de Moaña deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán imterpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos