Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 7 de agosto de 2020 Páx. 31436

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as subvencións previstas na Resolución do 13 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento SI427A) (Diario Oficial de Galicia número 22, do 3 de febreiro).

Mediante a Resolución do 13 de decembro de 2019 establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para o ano 2020 (código de procedemento SI427A).

Estas axudas teñen como finalidade o desenvolvemento de programas que fomenten a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, a través de programas que inclúen unha atención personalizada e especializada de cara á integración social e laboral das participantes, e responden a un dos seguintes tipos:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos nos cales concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única da Resolución do 13 de decembro de 2019.

Esta convocatoria tramitouse como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do disposto no artigo 1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro), e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito axeitado e suficiente para este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2019.

De acordo co establecido no artigo 2 da convocatoria, o crédito destinado ao financiamento destas axudas é o seguinte:

Aplicación

Proxecto

Importe

2019.05.11.313B.481.2

2015.00142

1.300.000,00

Mediante a Resolución do 13 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, publicada no DOG núm. 98, do 22 de maio, ampliouse a dotación orzamentaria da Resolución do 13 de decembro de 2019. Nesa ampliación orzamentaria o crédito dispoñible para atender as axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade quedou establecido en 1.422.128,45 euros, coa seguinte distribución por aplicación orzamentaria:

Aplicación

Crédito inicial

Ampliación

Crédito total

05.11.313B.481.2

1.300.000,00

122.128,45 €

1.422.128,45 €

Con data do 17 de xuño de 2020 publicouse no DOG núm. 118 a Resolución do 10 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as solicitudes de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, convocadas pola Resolución do 13 de decembro de 2019, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento SI427A). Segundo se reflicte no anexo II, Lista de espera desa resolución, figuran as solicitudes que quedan na lista de espera segundo a orde de puntuación e que, de ser o caso, poderán ser atendidas a través do crédito que quede sen comprometer de producirse algunha renuncia, por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou por un incremento do crédito orzamentario dispoñible destinado a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución.

Con data do 28 de xullo de 2020, no DOG núm. 150 publicouse a Resolución do 22 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía por segunda vez a dotación orzamentaria da Resolución do 13 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento SI427A). Incrementouse a dotación en 24.260,26 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313B.481.2, no código de proxecto 2015.00142, coa denominación recursos integrais para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, consignada no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Segundo o artigo 10 das bases reguladoras, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.

Unha vez rematada a fase de instrución das solicitudes recibidas na Secretaría Xeral da Igualdade, avaliadas as solicitudes pola Comisión de Valoración prevista no artigo 15 das bases reguladoras, vista a proposta de resolución formulada polo órgano instrutor e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder, logo da ampliación do crédito destinado a estas axudas, as subvencións para as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que se indican no anexo, como consecuencia da aplicación dos criterios e pautas de valoración establecidas no artigo 13 das bases reguladoras, pola contía e para o desenvolvemento das actuacións que figuran no anexo, por un importe total de 26.541,45 euros, na aplicación orzamentaria 05.11.313B.481.2 no proxecto de gasto 2015 00142, coa denominación recursos integrais para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, consignada no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Estas subvencións están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 %, a través do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, no obxectivo temático 9 «promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», prioridade de investimento 9.3 «loita contra toda forma de discriminación e fomento da igualdade de oportunidades», obxectivo específico 9.3.1 «aumentar a integración sociolaboral das persoas pertencentes a colectivos máis vulnerables, a través de actuacións que fomenten a igualdade de xénero e a conciliación da vida persoal e laboral, evitando pola súa vez a discriminación múltiple».

Segundo. Informar as entidades beneficiarias que figuran no anexo desta resolución que, de acordo co establecido no artigo 14.4 das bases reguladoras, unha vez notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

Terceiro. Informar as entidades beneficiarias de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

Cuarto. Segundo o artigo 3 das bases reguladoras, estas subvencións son incompatibles con calquera outra axuda pública para a mesma actuación ou actividade.

Quinto. De conformidade co artigo 18.2 das bases reguladoras, realizarase un primeiro pagamento do 80 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución de concesión. O 20 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo de que as entidades beneficiarias xustifiquen o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e as demais condicións exixidas na Resolución do 13 de decembro de 2019.

Sexto. A data límite de presentación da documentación xustificativa da realización do programa subvencionado, de acordo co artigo 17.1 das bases reguladoras, é o 9 de outubro de 2020.

As actuacións correspondentes aos programas subvencionados xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67, 68, 68.bis e 68.ter do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046, segundo módulo ou custo unitario por hora efectivamente traballada, calculado sobre o custo directo de persoal máis un 20 % en concepto de gastos directos e indirectos derivados do programa.

O período de referencia para o desenvolvemento do programa e para a imputación dos gastos subvencionables é o comprendido entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020.

Sétimo. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas no artigo 19 das bases reguladoras e as demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación e, en particular, as seguintes:

– Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización do programa, actuacións e actividades que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos na Resolución do 13 de decembro de 2019, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

– Manter unha pista de auditoría suficiente, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, e manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención durante, polo menos, un período de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación ante a Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado polo organismo intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos).

– Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

En todo caso, os espazos de atención ás usuarias e as comunicacións contarán co emblema da Unión Europea coa referencia ao Fondo Social Europeo, e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

– Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Igualdade) e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, así como dos obxectivos dos fondos. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás usuarias ou participantes.

– Adecuar a metodoloxía de recollida e proceso de datos de seguimento e de acreditación da realización da actividade de persoas beneficiarias ás fórmulas requiridas a través da aplicación Participa 1420, realizando as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Neste senso, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os datos dos indicadores de produtividade relativos ás entidades e ás persoas participantes referiranse á situación previa á súa participación no programa dentro do período subvencionable, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse á situación dentro das catro semanas seguintes á finalización da súa participación nese período. Así mesmo, a Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis (6) meses desde que finalice esta actividade, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, facilitaráselles ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa 1420.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de produtividade e de resultado das persoas participantes na aplicación Participa 1420. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento cos indicadores de produtividade, máis a dos de resultado inmediato de cada unha das persoas participantes, asinada pola participante e pola persoa responsable do programa, segundo o modelo dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

– Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Os datos persoais das persoas usuarias participantes nas actuacións subvencionadas serán tratados pola Xunta de Galicia-Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral de Igualdade) na súa condición de responsable, coa finalidade de xestionar o adecuado desenvolvemento desta resolución, e poderán ser comunicados ás administracións públicas competentes cando sexa necesario para a tramitación do procedemento, aos organismos financiadores e as entidades colaboradoras na xestión do proxecto. A base lexitimadora do tratamento é o cumprimento dunha misión realizada en interese público, a prestación de asistencia de tipo social e o consentimento das persoas interesadas, que poderán solicitar o acceso, a rectificación e a supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se detalla en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal requirirán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.

– Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

– Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

– Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.

No artigo 21 das bases reguladoras establécense os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará.

Oitavo. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao desta publicación, de conformidade co establecido nos artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao desta publicación, de acordo co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020

A secretaria xeral da Igualdade
P.D. (Resolución do 8.6.2020; DOG núm. 111, do 9 de xuño)
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa

ANEXO

Concesións

Nº expediente

Entidade

(por número de expediente)

NIF

Denominación programa

Nº total de horas imputadas ao programa subvencionables

Nº mínimo usuarias

Nº mínimo usuarias con atención continuada

Puntos

Tramo

Importe concesión

SI427A 2020/002

ASPNAIS-Asociación de Padres o Tutores de Personas con Discapacidad Intelectual de Lugo

G27018365

Autodeterminación e empoderamento (para a igualdade) de mulleres con discapacidade intelectual

1.620,00

38

23

36

40 %

13.396,03

SI427A 2020/039

ACCEM

G79963237

Servizo de atención psico-educativa e terapéutica para mulleres en situación de especial vulnerabilidade

1.200,00

28

17

31

40 %

10.350,72

SI427A 2020/008

Cáritas Diocesana de Ourense

R3200098F

Apoio á vivenda 2020

   324,00

8

5

30

40 %

  2.794,70