Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 7 de agosto de 2020 Páx. 31445

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 28 de xullo de 2020 pola que se reaxusta a dotación orzamentaria por anualidades e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga), e se procede á súa convocatoria plurianual 2020 a 2022.

No Diario Oficial de Galicia núm. 16, do venres 24 de xaneiro de 2020, publicouse a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga), e se procede á súa convocatoria plurianual 2020 a 2022, co fin de promover a posta en marcha de iniciativas innovadoras coas que romper o círculo de exclusión e preparar as persoas para a súa efectiva incorporación ao mercado laboral actual. Trátase dunha actuación innovadora, orientada a resultados, coa cal se pretende realizar unha verdadeira posta a punto para o emprego.

O artigo 30 da convocatoria establecía o remate do prazo para presentar solicitudes en dous meses desde o seguinte á publicación, é dicir, o 24 de marzo de 2020. O dito prazo quedou suspendido polas disposicións adicionais terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que decreta a suspensión dos prazos.

Na mesma liña, o Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do COVID-19, publicado pola Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 51, do 15 de marzo), no seu punto sétimo, dispón a suspensión e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Posteriormente, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de abril de 2020 sobre a continuación de procedementos de adxudicación e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, determinou aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se aprobasen e publicasen as correspondentes bases reguladoras e convocatoria, pero non se ditase resolución de concesión nese momento.

De conformidade co dito acordo, mediante a Orde do 6 de maio de 2020, da Consellería de Emprego, Economía e Industria, acordouse a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma. Entre os procedementos que se enumeran nesta orde, noméase o procedemento TR351H, que regula o Programa de posta a punto para o emprego, para o cal se dispón que se deixe sen efecto a suspensión dos prazos administrativos e se declara que se restableza o prazo de solicitudes polos días que restan, tendo en conta o período que faltaba para a súa finalización na data de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, é dicir, 11 días contados desde o seguinte á publicación da dita orde (DOG núm. 90, do 11 de maio).

O artigo 7.6 das bases reguladoras establece que os programas se desenvolverán durante 2 anos, que deben estar comprendidos integramente no período de execución das subvencións da convocatoria (que se establece no artigo 33 como o comprendido entre a data da notificación da resolución da axuda e o 30 de setembro de 2022).

Debido á suspensión de prazos administrativos derivada da pandemia provocada pola crise do COVID-19 e o consecuente atraso na concesión das axudas respecto do inicialmente previsto, non é viable executar as accións nos prazos comprendidos na convocatoria, polo que cómpre modificalos e como consecuencia deberanse modificar tamén os prazos de xustificación e a dotación orzamentaria por anualidades sen que se vexa alterado o orzamento total.

Polo anteriormente exposto, considérase axeitado ampliar o prazo de execución de accións ata o 16 de novembro de 2022, o prazo de xustificación desta anualidade ata o 5 decembro de 2022 e consecuentemente redistribuír o crédito das anualidades 2020 e 2022, de xeito que se minore en 600.000 € a primeira e se incremente na mesma contía a última.

Noutra orde de cousas, cómpre sinalar que mediante esta orde se subvencionan proxectos de intervención integral dirixidos a persoas desempregadas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou integrantes de unidades de convivencia beneficiarias da dita renda, co fin de dotalas das motivacións, habilidades, competencias e capacidades que require o tecido empresarial para o acceso ao emprego, de xeito que a través da inserción laboral se poida reverter a súa situación de exclusión social.

A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no seu título I regula a renda de inclusión social de Galicia e no artigo 6.4 dispón que será subsidiaria e incompatible coas pensións non contributivas ou con calquera outra prestación ou pensión de contía igual ou superior ás das ditas pensións.

Mediante o Real decreto lei 20/2020, do 29 de maio, establécese o ingreso mínimo vital (IMV) como unha prestación económica de carácter non contributivo da Seguridade Social, cuxo obxectivo é a redución da pobreza.

A poboación destinataria de ambas as prestacións é en gran parte coincidente, e ambas son incompatibles, o que determina que unha persoa que reúna as condicións para ser perceptora da Risga perderá o dereito a esta renda se pasa a ser beneficiaria do IMV e, en consecuencia, non podería participar no Programa de posta a punto para o emprego. Por este motivo, considérase necesario asimilar a condición de perceptora do ingreso mínimo vital ao de perceptora da Risga. En consecuencia, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Equiparación da condición de persoa perceptora do ingreso mínimo vital coa de perceptora da Risga

Para todos os efectos previstos na Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga), e se procede á súa convocatoria plurianual (2020 a 2022), poderán ser destinatarias finais dos proxectos de inserción tanto as persoas perceptoras da Risga, ou aquelas que formen parte dunha unidade de convivencia, nos termos definidos no artigo 11 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, beneficiaria da Risga, como as perceptoras do IMV, ou aquelas que formen parte dunha unidade de convivencia, nos termos definidos no artigo 6 do Real decreto lei 20/2020, do 29 de maio, polo que se establece o ingreso mínimo vital.

Artigo 2. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga), e se procede á súa convocatoria plurianual 2020 a 2022

Un. Engádese unha nova letra f) ao artigo 22.1, que queda redactada como segue:

«f) Se é o caso, certificados de que as persoas participantes son perceptoras ou membros dunha unidade familiar beneficiaria do ingreso mínimo vital.».

Dous. Modifícase o artigo 31, que queda redactado como segue:

«Artigo 31. Período de execución

O período de execución de accións será o comprendido entre a data da notificación da resolución da axuda e o 16 de novembro de 2022.».

Tres. Modifícase o artigo 32, que queda redactado como segue:

«Artigo 32. Prazos de xustificación

As entidades beneficiarias das axudas deberán presentar a documentación xustificativa das axudas segundo o sinalado nas bases reguladoras e na resolución de concesión. As datas máximas para presentar esta documentación son as seguintes:

a) No caso de que se soliciten e aproben pagamentos anticipados, para as cantidades anticipadas:

– O 15 de febreiro de 2021 para a xustificación correspondente á anualidade 2020.

– O 15 de febreiro de 2022 para a xustificación correspondente á anualidade 2021.

– O 15 de decembro de 2022 para a xustificación correspondente á anualidade 2022.

b) No caso de que non se aproben pagamentos anticipados, e para as cantidades non anticipadas:

– O 15 de decembro de 2020 para a xustificación correspondente á anualidade 2020.

– O 15 de decembro de 2021 para a xustificación correspondente á anualidade 2021.

– O 15 de decembro de 2022 para a xustificación correspondente á anualidade 2022».

Catro. Modifícase o artigo 33.1, que queda redactado como segue:

«1. O crédito asignado inicialmente a esta convocatoria é de 3.000.000 euros con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324C.481.7, código de proxecto 2019 00018, coa seguinte distribución por anualidades:

– 2020: 600.000,00 €.

– 2021: 1.500.000,00 €.

– 2022: 900.000,00 €.».

Artigo 3. Prazo de solicitudes

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida Orde do 30 de setembro de 2019 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria