Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 7 de agosto de 2020 Páx. 31507

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 30 de xullo de 2020 pola que se modifica a Orde do 24 de febreiro de 2020 pola que se convocan procedementos selectivos de acceso ao corpo de inspectores de educación, ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas e ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, e de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de profesores de música e artes escénicas, ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas, profesores de artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001A).

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, suspendeu e interrompeu os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, e estableceu que o cómputo dos prazos se restablecería no momento en que perdese vixencia o citado real decreto ou as súas prórrogas.

Sucesivas prórrogas do estado de alarma impediron a apertura do prazo de presentación de solicitudes de participación nos procedementos selectivos convocados ata o día 1 de xuño de 2020. Isto fixo inviable a realización de todos os trámites administrativos necesarios para que as probas selectivas puidesen iniciarse a finais do mes de xuño e, polo tanto, obriga a adiar o inicio do desenvolvemento do probas selectivas ao mes de xuño do ano 2021.

Como consecuencia, resulta necesario modificar determinados puntos da Orde do 24 de febreiro de 2020 pola que se convocan procedementos selectivos de acceso ao corpo de inspectores de educación, ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas e ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, e de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de profesores de música e artes escénicas, ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas, profesores de artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001A).

Na súa virtude, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ACORDA:

Primeiro. Modificar os puntos da Orde do 24 de febreiro de 2020 pola que se convocan procedementos selectivos de acceso ao corpo de inspectores de educación, ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas e ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, e de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de profesores de música e artes escénicas, ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas, profesores de artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001A), que a continuación se relacionan e que quedan redactados do seguinte xeito:

O punto 3.4 queda redactado como segue:

3.4. Obriga de participación.

De conformidade co previsto no punto décimo segundo da Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto, o persoal interino ou substituto que presta servizos en calquera especialidade na Comunidade Autónoma de Galicia estará obrigado a participar no procedemento selectivo para ingreso nalgún corpo da función pública docente que se convoque neste ano por calquera das especialidades ofertadas, agás que non se convoquen prazas de ningunha da ou das súas especialidades nesta convocatoria. No suposto de que o dito persoal se presente a procedementos selectivos convocados por outras administracións educativas, deberá achegar á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos certificación de ter realizado a proba, con anterioridade ao 20 de xullo de 2021.

De non participar no procedemento selectivo ou de retirarse del, decaerá nos seus dereitos unicamente nas listas das especialidades convocadas e, se é o caso, na lista de orientación do corpo de mestres. Entenderase que se retiran do procedemento aquelas persoas que non se presenten á segunda parte da primeira proba ou non procedan á apertura dos sobres nos casos das probas escritas ou, tras superaren a primeira proba, non se presenten á segunda.

O punto 7.4 queda redactado como segue:

7.4. Tribunais suplentes.

Para cada tribunal designaranse polo mesmo procedemento, cando sexa posible, dous tribunais suplentes.

A presidencia suplente unicamente se designará no tribunal suplente número 1.

O punto 7.5 queda redactado como segue:

7.5. Sorteo público.

O sorteo público terá lugar no día que determine a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, ás nove horas, na sala de xuntas da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O sorteo poderá ser seguido, a través de medios telemáticos, polas organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria.

O punto 8.1 queda redactado como segue:

As persoas que non poidan acreditar o coñecemento do castelán de acordo co establecido na subepígrafe 3.2.1.d) deberán realizar unha proba, na cal se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión escrita desta lingua. A proba de acreditación do coñecemento do castelán terá lugar no IES As Fontiñas (rúa Estocolmo, 5, Santiago de Compostela), no día e á hora que determine a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e que se publicará na páxina web da consellería.

O terceiro parágrafo do punto 9.1 queda redactado como segue:

Esta proba, que se levará a cabo de forma escrita, consistirá na resposta a varias cuestións sobre o temario de lingua galega que figura como anexo V e nunha tradución do castelán para o galego. A proba terá lugar no IES As Fontiñas (rúa Estocolmo 5, Santiago de Compostela), no día e á hora que determine a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e que se publicará na páxina web da consellería

O punto 10.1 queda redactado como segue:

10.1. Comezo.

O procedemento selectivo dará comezo o día que determine a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no mes de xuño do ano 2021, e farase público con, polo menos, cinco días hábiles de antelación, na páxina web da consellería.

O primeiro parágrafo do punto 10.7 queda redactado como segue:

O acto de presentación de asistencia obrigatoria para todas as persoas aspirantes dos procedementos selectivos terá lugar o día que determine a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e farase público con, polo menos, cinco días hábiles de antelación, na páxina web da consellería. Este acto de presentación, que terá lugar con posterioridade á realización das probas de coñecemento do castelán e da lingua galega, ten carácter personalísimo e, en consecuencia, non se admitirán acreditacións nin poderes de representación.

Disposición derradeira primeira. Recursos

De conformidade co establecido nos artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 10, 14 e 46 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou poderá formularse directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional