Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Venres, 14 de agosto de 2020 Páx. 32420

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 8 de xullo de 2020 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos membros do Pleno do Consello Regulador da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia.

O Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, establece as normas relativas á protección das denominacións de orixe e indicacións xeográficas.

Polo Regulamento (CE) nº 1050/2007 da Comisión, do 12 de setembro, inscríbense certas denominacións no Rexistro de denominacións de orixe protexidas e de indicacións xeográficas protexidas, entre as cales figura a denominación de orixe protexida Mejillón de Galicia ou Mexillón de Galicia.

Coa aprobación da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e posteriormente do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, configurouse un novo réxime xurídico dos consellos reguladores, así como un novo réxime electoral.

Mediante a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 26 de agosto de 2014, foron convocadas as eleccións para a renovación do Consello Regulador da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia. A toma de posesión dos membros do Pleno do Consello Regulador realizouse o 26 de novembro de 2014.

Ao abeiro do establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, a duración do mandato das persoas vogais dos consellos reguladores é de catro anos, que comezarán a contarse desde o día seguinte ao da súa toma de posesión. De acordo co anterior é necesario realizar a convocatoria electoral para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia, o cal é obxecto desta orde.

Na elaboración desta convocatoria terase en conta o establecido no capítulo IV do Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia, aprobado pola Orde do 20 de marzo de 2019, referido ao réxime electoral.

Polo tanto, logo de consulta aos órganos de goberno do Consello Regulador,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria

1. De acordo co establecido no artigo 75 do Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia, aprobado pola Orde do 20 de marzo de 2019, en consonancia co artigo 36 Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, convócanse as eleccións para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia.

2. O Consello Regulador deberá dar publicidade desta convocatoria, mediante a exposición na súa sede, así como naqueles lugares e polos medios que considere máis oportunos, para acadar a máxima difusión no seu ámbito sectorial e territorial.

3. Durante o proceso electoral, que comezará no momento de entrada en vigor da presente orde, os membros do Consello Regulador estarán en funcións e poderán realizar unicamente actos de trámite e os necesarios para a axeitada marcha da denominación de orixe, entre eles os relacionados co proceso electoral. A súa función rematará coa toma de posesión dos novos membros.

Artigo 2. Calendario electoral, prazos e lugar de presentación de documentación

1. O calendario electoral establece os prazos dos diferentes actos do proceso electoral.

2. O calendario electoral será o que se recolle como anexo I desta orde e estará exposto na sede do Consello Regulador.

3. Os prazos previstos nesta norma para a presentación de escritos, candidaturas, reclamacións e recursos están sinalados por días hábiles e expirarán ás 14.00 horas do derradeiro día do prazo.

4. O lugar de presentación dos escritos, candidaturas, reclamacións e recursos será, segundo o caso, as oficinas administrativas do Consello Regulador ou da Xunta Electoral, segundo quen deba coñecelos. Dada a brevidade dos prazos establecidos, os escritos presentaranse, ademais de por rexistro ordinario, por correo electrónico ao enderezo info@mexillondegalicia.org os dirixidos ao Consello Regulador e ao enderezo de correo electrónico sxmar.cmrm@xunta.gal os dirixidos á Xunta Electoral.

Artigo 3. Persoas electoras

1. Poderán ser electores ou electoras as persoas físicas ou xurídicas que, antes da entrada en vigor da presente convocatoria, estean debidamente inscritas e con actividade nalgún dos censos do Consello Regulador, non carezan do dereito de sufraxio activo consonte o disposto pola normativa de réxime electoral xeral e non fosen sancionadas con carácter firme coa suspensión da súa inscrición no rexistro correspondente.

2. As persoas xurídicas exercerán o seu dereito ao voto a través do seu representante legal.

3. O dereito de sufraxio exercerase, con carácter xeral, unha soa vez, é dicir, cada persoa electora ten dereito a un único voto por cada inscrición individual que conste en cada rexistro en que se encontre inscrita.

4. No caso de que unha mesma persoa titular figure inscrito en máis dun censo electoral, poderá ser persoa electora en cada un deles.

5. Así mesmo, para poder ser persoa electora deberá estar ao corrente no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións nos rexistros.

Artigo 4. Elixibles

1. Serán elixibles como membros do Consello Regulador aquelas persoas físicas ou xurídicas que reúnan os requisitos para seren persoa electora e que non estean incursas nas causas de inelixibilidade previstas na normativa de réxime electoral xeral.

2. No caso de que unha mesma persoa titular figure inscrita en máis dun censo, só poderá ser elixible por un deles, debendo optar polo que máis lle interese.

3. Unha mesma persoa física ou xurídica, aínda que estea inscrita en varios rexistros do Consello Regulador, non poderá ter neste dobre representación, nin directamente nin a través de empresas vinculadas ou socios delas.

4. No caso de persoas xurídicas inscritas, a persoa candidata a membro do Pleno será a propia persoa xurídica, que estará representada no Consello Regulador, de resultar elixida, pola persoa física que en cada momento designe o seu órgano de goberno.

Artigo 5. Sistema electoral

1. O sistema electoral aplicable será de carácter proporcional directo, considerando todas as candidaturas sen que sexa necesario reunir unha porcentaxe mínima de votos válidos emitidos.

2. A representación por sectores, así como o número de persoas vogais correspondentes a cada censo debe ser conforme coa configuración plenaria establecida na Orde do 20 de marzo de 2019. Polo tanto a súa estrutura será a que segue a seguir:

a) Seis persoas vogais, en representación do subsector produtor, elixidas democraticamente por e entre as persoas titulares de bateas inscritas.

b) Seis persoas vogais, en representación das empresas comercializadoras, elixidas democraticamente por e entre as persoas titulares de centros de expedición/depuración e empresas transformadoras inscritas respectivamente. Tres persoas vogais corresponderán aos centros de depuración e/ou expedición de mexillón fresco e tres ás empresas de transformación.

Artigo 6. Xunta Electoral

1. A Xunta Electoral é o órgano supremo de supervisión do proceso electoral e nela estarán representados os tres subsectores nomeados no artigo anterior que concorren ao proceso electoral e persoal técnico da Consellería do Mar.

2. A Xunta Electoral deberá exercer as funcións establecidas no punto 2 do artigo 79 do Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia.

3. A Xunta Electoral terá a súa sede nas dependencias da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar.

4. A Xunta Electoral estará presidida pola persoa que ocupe a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e terá como suplente a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Pesca e Mercados da Pesca; estará integrada, ademais, por:

a) Cinco persoas vogais:

i. Dúas persoas funcionarias dos grupos A1 ou A2 da Consellería do Mar ou dos seus entes e organismos dependentes. Suplentes: tres persoas funcionarias cos mesmos requisitos que as persoas titulares.

ii. Tres representantes das entidades organizativas sectoriais vinculadas ao Consello Regulador, preferentemente unha persoa representante por cada subsector, na medida en que exista o número suficiente de candidaturas, que serán elixidos na forma establecida no artigo 8.

b) Unha persoa secretaria: persoa funcionaria do grupo A1 da Consellería do Mar ou dos seus entes e organismos dependentes, con licenciatura en dereito. Suplente: unha persoa funcionaria cos mesmos requisitos que a persoa titular.

5. Ningún membro, titular ou suplente, da Xunta Electoral poderá presentarse como persoa candidata a vogal nin ser membro do pleno do Consello Regulador.

Artigo 7. Presentación de persoas candidatas a vogais da Xunta Electoral en representación do sector

1. O proceso electoral dará comezo o día de entrada en vigor da presente orde. No prazo dos catro (4) días hábiles seguintes á data de comezo do proceso electoral, as persoas representantes das entidades organizativas sectoriais vinculadas ao Consello Regulador poderán presentar persoas candidatas a vogais da Xunta Electoral.

2. A presentación de persoas candidatas á Xunta Electoral en representación de entidades organizativas sectoriais farase mediante solicitude acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade propoñente.

b) Acordo do órgano de goberno en que se propoña a persoa representante ou a súa suplente.

c) Currículo das persoas candidatas titular e suplente.

d) Enderezo de correo electrónico autorizado pola organización para os efectos de recepción das convocatorias e comunicacións relacionadas co proceso electoral.

3. No suposto de entidades organizativas sectoriais integradas noutras de ámbito superior, aquelas unicamente poderán presentar persoas candidatas se estas non o fixeren.

4. As candidaturas irán dirixidas á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar e deberán conter cada unha un membro titular e un suplente. As candidaturas deberán presentarse para as persoas xurídicas na sede electrónica que a Xunta de Galicia pon á disposición da cidadanía, tal e como dispón o artigo 16.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso deberá usarse o procedemento PR004A; as persoas físicas, ademais da opción antes referenciada, poderán facelo presencialmente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela) ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da devandita Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 8. Designación de membros da Xunta Electoral

1. O décimo día posterior á data de comezo do proceso electoral designaranse os membros da Xunta Electoral, titulares e suplentes, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar. Na dita designación teranse en conta a formación académica e a experiencia das persoas candidatas, así como, no caso das persoas representantes de entidades organizativas sectoriais, o seu grao de implantación na actividade da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia.

2. A designación dos membros da Xunta Electoral será comunicada tanto ás persoas designadas para tales efectos como ás persoas candidatas. Tamén se realizará a difusión da devandita resolución a través do taboleiro de anuncios das oficinas do Consello Regulador como a través da súa páxina web.

3. Contra esta resolución poderase interpor recurso no prazo de tres (3) días hábiles ante a persoa titular da Consellería do Mar, que resolverá dentro dos tres (3) días hábiles seguintes ao da súa recepción.

4. O terceiro día hábil seguinte á resolución dos ditos recursos terá lugar a sesión constitutiva da Xunta Electoral.

5. O mandato dos membros da Xunta Electoral concluirá 100 días despois da celebración das eleccións.

Artigo 9. Comisión Electoral

1. A Comisión Electoral será designada polo Pleno do Consello Regulador da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia. Estará composta pola persoa que exerza a presidencia e tres persoas vogais, unha en representación de cada sector, e unha persoa representante nomeada pola Consellería competente en produtos mariños, con voz, pero sen voto. Como persoa titular da secretaría actuará a do Pleno do Consello Regulador.

2. Ningún membro da Comisión Electoral poderá presentarse como persoa candidata a membro do Pleno do Consello Regulador.

3. No caso de incorrer na incompatibilidade anterior, o Pleno elixirá os membros da Comisión Electoral de entre persoas vogais suplentes e, no seu defecto, aleatoriamente de entre os rexistros do Consello Regulador.

4. A Comisión Electoral deberá reunirse en sesión constitutiva como moi tarde o terceiro día hábil desde seu nomeamento polo Pleno do Consello. Para unha válida constitución da Comisión Electoral requírese a asistencia de, polo menos, a persoa que exerza a presidencia, a que exerza a secretaría e a metade dos seus membros. Os acordos tomaranse por maioría.

Artigo 10. Funcións da Comisión Electoral

Corresponderá á Comisión Electoral realizar as funcións establecidas no artigo 87 do Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia, que se lle encomendan con obxectividade e transparencia e someténdose ás instrucións de la Xunta Electoral, creada no artigo 6.

Artigo 11. Censo electoral

1. O censo electoral será elaborado pola Comisión Electoral para o seu uso no proceso electoral. Será único e indivisible. Estará constituído por todas e cada unha das persoas titulares inscritas e con actividade nos rexistros correspondentes do Consello Regulador, de acordo co que se establece na Orde do 20 de marzo de 2019 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia e o seu Consello Regulador e na orde desta convocatoria.

2. O censo electoral axustarase ao modelo que figura no anexo II, e terá a seguinte estrutura:

– Censo do subsector produtor, constituído polas persoas titulares de bateas inscritas no Rexistro de Bateas do Consello Regulador.

– Censo do subsector da comercialización de mexillón fresco, constituído polas persoas titulares inscritas no Rexistro de Centros de Depuración/Expedición.

– Censo do subsector da transformación, constituído polas persoas titulares inscritas no Rexistro de Centros de Transformación.

3. Nos censos figurarán exclusivamente as persoas titulares inscritas e con actividade nos rexistros correspondentes e deberán estar ao día nas súas obrigas co Consello Regulador. Deberán figurar ordenados por entidades asociativas e alfabeticamente, asignándolle un número de orde.

Artigo 12. Publicidade dos censos

1. A Comisión Electoral, despois das comprobacións que xulgue oportunas, dilixenciará os censos coas sinaturas da persoa titular da secretaría da Comisión e a conformidade da persoa titular da presidencia nos tres días hábiles desde a sesión constitutiva da devandita Comisión Electoral.

2. No prazo de cinco (5) días hábiles seguintes á súa aprobación, ordenará a exposición dos censos electorais por orde alfabética na sede do Consello Regulador e remitiraos aos lugares seguintes, para a súa exposición:

– Ás xefaturas territoriais da Consellería do Mar, onde se exporán, cando menos, os censos correspondentes ás persoas inscritas na provincia.

– Ás xefaturas comarcais da Consellería do Mar, onde se exporán, cando menos, os censos correspondentes ás persoas inscritas do seu ámbito xeográfico.

– Ás entidades organizativas sectoriais vinculadas ao Consello Regulador.

3. A remisión dos censos provisionais aos lugares citados deberá realizarse achegando oficio da persoa titular da secretaría do Consello Regulador.

4. As persoas interesadas poderán formular, no prazo de tres (3) días hábiles, reclamacións contra os censos, que a Comisión Electoral resolverá en igual prazo (tres (3) días hábiles), contado desde a súa presentación.

5. Resoltas as reclamacións presentadas contra o censo electoral, a Comisión Electoral ordenará publicar de igual forma os censos electorais definitivos no prazo de tres (3) días hábiles.

Artigo 13. Persoas candidatas e candidaturas

1. De acordo co establecido no artigo 56.1 do Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia, corresponde elixir as seguintes persoas vogais correspondentes a cada censo ou subcenso:

– Seis (6) en representación do subsector produtor.

– Seis (6) en representación das empresas comercializadoras: tres (3) persoas vogais corresponderán aos centros de depuración e/ou expedición de mexillón fresco e tres (3) ás empresas de transformación.

2. Serán elixibles as persoas pertencentes a cada un dos censos electorais que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde, sempre e cando non se encontren incursos nas causas de inelixibilidade previstas nos artigos 6.2 e 7 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

Artigo 14. Presentación de candidaturas

1. Segundo se establece no artigo 94.1 do Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia, poderán propoñer candidaturas ás eleccións grupos de persoas inscritas, cooperativas, asociacións e organizacións profesionais vinculadas ao Consello Regulador sempre que cumpran os requisitos legais e sexan avaladas, polo menos, polo 5 % do total de persoas electoras do censo de que se trate.

2. As candidaturas, e demais documentación e trámites electorais, presentaranse nas oficinas administrativas do Consello Regulador mediante solicitude de proclamación ante a Comisión Electoral no prazo de dez (10) días hábiles seguintes á data de publicación dos censos definitivos.

3. As candidaturas presentaranse mediante lista pechada de persoas candidatas que non poderán superar en número os membros establecidos no artigo 13 desta orde, e conterá unha persoa suplente por cada persoa titular. As listas expresarán claramente os datos seguintes:

a) O nome, apelidos e NIF das persoas candidatas, tanto titulares como suplentes, así como o nome da entidade organizativa sectorial vinculada ao Consello Regulador a que pertence ou a indicación independente.

b) A orde de colocación das persoas candidatas dentro de cada lista.

c) A sinatura de todas e cada unha das persoas candidatas a vogal.

4. A identidade das persoas asinantes acreditarase perante a Comisión Electoral, que comprobará se as persoas propostas figuran nos censos correspondentes.

5. No caso de que as persoas candidatas fosen persoas xurídicas, xuntarase acordo de aceptación polo órgano de goberno ou reitor.

6. As listas deberán presentarse acompañadas de declaración de aceptación das candidaturas, subscritas polas persoas candidatas, que deberán reunir as condicións de elixibilidade.

7. Coa lista de persoas candidatas xuntarase declaración xurada de cada unha delas conforme non incorren en causa de inelixibilidade.

8. De acordo co punto 12 do artigo 49 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, a secretaría do Consello Regulador expedirá dilixencia na que faga constar a data e a hora de presentación de cada lista, e expedirá recibo desta. A cada unha asignaráselle un número correlativo coa orde de presentación.

9. No caso de falta de designación expresa, entenderase que a persoa que encabeza a lista actuará como representante seu e será encargada de realizar todas as xestións da respectiva candidatura ante a Comisión Electoral, así como será chamado a recibir as notificacións que esta poida realizar.

Artigo 15. Proclamación provisional de candidaturas

1. Rematado o prazo de presentación das candidaturas, e dentro dos cinco (5) días hábiles seguintes, a Comisión Electoral comprobará que a documentación presentada para cada unha delas é correcta e está completa e, de ser así, proclamará provisionalmente as candidaturas.

2. No caso de que se presente unha única candidatura ou lista para un censo ou subcenso, ou o número total de persoas candidatas das listas presentadas non fose superior á de vogais a elixir, esta lista ou listas serán proclamadas pola Comisión Electoral, que dará traslado á Xunta Electoral, sen necesidade de que continúe o proceso electoral para ese censo ou subcenso.

Artigo 16. Exposición e proclamación definitiva de candidaturas

1. Unha vez proclamadas as distintas candidaturas, a Comisión Electoral acordará a súa exposición pública nos mesmos lugares establecidos para a exhibición dos censos, indicados no artigo 12, durante tres (3) días hábiles e fará a comunicación á Xunta Electoral.

2. Expostas as distintas candidaturas, poderán presentarse reclamacións no prazo dos tres (3) días hábiles ante a Comisión Electoral.

3. A Comisión Electoral deberá resolver estas reclamacións no prazo de dous (2) días hábiles a partir da finalización do prazo do número 2 deste artigo, proclamando as candidaturas definitivas e acordando a súa exposición pública. A resolución destas poderá ser impugnada pola Xunta Electoral.

4. Contra as resolucións da Comisión Electoral poderán interpoñerse recursos ante a Xunta Electoral no prazo de tres (3) días hábiles, que serán resoltos nos tres (3) días hábiles seguintes á finalización do prazo indicado para a presentación dos devanditos recursos. Resoltos os recursos, a Xunta Electoral procederá á proclamación definitiva das persoas candidatas e acordará a exposición pública nos mesmos lugares establecidos para a exhibición das candidaturas provisionais.

5. Unha vez proclamadas definitivamente as candidaturas pola Xunta Electoral, se a totalidade das correspondentes a un censo chegan a un acordo na repartición das vogalías, e o dito acordo subscrito polas persoas representantes de cada candidatura fose presentado por escrito ante a Xunta Electoral antes da finalización da campaña electoral, darase por concluído o proceso electoral para ese censo, e as persoas candidatas serán proclamadas vogais.

Artigo 17. Circunstancias especiais das candidaturas

Cando non se presentasen candidaturas, a mesa electoral disporá de tantas urnas como censos e procederase do seguinte xeito:

– Nas papeletas de voto, específicas para o caso, as persoas votantes escribirán os números que figuran no censo e que identifica cada persoa física ou xurídica ás cales desexan dar o seu voto.

– O número máximo de persoas físicas ou xurídicas que se poden designar nas papeletas de voto de cada censo está limitado ao estipulado no artigo 11 desta orde.

– A cada un dos censos correspóndelle elixir un número de persoas vogais conforme a composición do Consello Regulador establecido no artigo 13 desta orde.

Artigo 18. Campaña electoral

1. Enténdese por campaña electoral para os efectos desta orde o conxunto de actividades lícitas levadas a cabo polas persoas candidatas encamiñadas á captación de sufraxios.

2. A campaña electoral iniciarase ás 00.00 horas do día hábil posterior ao de proclamación definitiva de candidaturas e finalizará ás 24.00 horas do sétimo día de campaña.

3. O Consello Regulador poderá realizar durante o período electoral unha campaña de carácter institucional destinada ao fomento do voto, así como a informar as persoas electoras sobre a data de votación, o procedemento para votar e os requisitos, sen influír en ningún caso na orientación do voto.

Artigo 19. Papeletas e sobres

1. A Comisión Electoral aprobará os modelos oficiais de papeletas e sobres e ordenará a súa confección. Ademais, proverá as mesas electorais de mobiliario, urnas, papeletas de voto, sobres e de todo o material necesario para a realización das eleccións.

2. Cada papeleta conterá unha única candidatura ou, no caso de ausencia destas, espazos habilitados para a identificación das persoas ás cales se desexa dar o voto.

Artigo 20. Persoas apoderadas e interventoras

De conformidade co establecido nos artigos 54 e 55 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, ata o terceiro día anterior ao da votación, a persoa representante de cada candidatura poderá solicitar ante o Consello Regulador as credenciais de nomeamento de persoas interventoras e apoderadas, utilizando para iso os modelos que figuran nos anexos III e IV respectivamente.

Artigo 21. Mesas electorais

1. A mesa electoral central é o órgano encargado de presidir as votacións, realizar o escrutinio, publicar os resultados e velar pola pureza do sufraxio.

A Comisión Electoral designará a mesa electoral central e as mesas electorais periféricas, que estarán integradas por unha persoa que exerza a presidencia e dúas persoas vogais, elixidas por sorteo entre o censo de persoas electoras que corresponda a cada unha delas, maiores de idade, que saiban ler e escribir.

2. Igualmente procederase ao nomeamento de dúas persoas suplentes por cada un dos membros da mesa.

3. Unha vez realizada a proclamación provisional de persoas candidatas, a Comisión Electoral iniciará o sorteo para a designación das persoas compoñentes das mesas electorais, tanto titulares como suplentes.

4. Co obxecto de facilitar aos inscritos o acceso ao voto, as entidades asociativas vinculadas ao Consello Regulador poderán solicitar á Comisión Electoral que unha mesa electoral periférica se constitúa no seu ámbito territorial. Tal solicitude deberase presentar ante a Comisión Electoral no prazo que vai desde a data de convocatoria de eleccións ata o remate do prazo de presentación de candidaturas.

5. Os membros das mesas electorais teñen dereito á indemnización de gastos e axudas de custo, que se lles aboarán no día da votación, polo mesmo importe que se teña establecido para os membros do Pleno do Consello Regulador.

Artigo 22. Designación dos membros das mesas electorais

1. Os cargos de presidente ou presidenta e de persoa vogal da mesa electoral son obrigatorios e non poderán exercelos aquelas persoas que se presenten como candidatas.

2. Unha vez realizada a súa designación, deberalles ser notificada ás persoas interesadas no máis breve prazo, dispoñendo estes dun prazo de catro (4) días hábiles para alegaren ante o Consello Regulador a causa xustificada que lles impida aceptar o cargo.

3. A Comisión Electoral resolverá no prazo de dous (2) días hábiles sen ulterior recurso. De resultar necesario, o Consello Regulador realizará novos sorteos para cubrir as vacantes daquelas a quen se aceptaron as escusas.

Artigo 23. Constitución das mesas electorais

1. A votación realizarase entre as 11.00 horas e as 17.00 horas do primeiro sábado inmediatamente posterior ao día de finalización da campaña electoral.

2. Os membros da mesa electoral e os seus suplentes reuniranse ás 10.00 horas da mañá do día das votacións no local designado para a votación.

3. Se a persoa que exerza a presidencia non acode, substituirase pola persoa suplente. No caso de faltar esta, tomará posesión como presidente ou presidenta a primeira persoa vogal ou a segunda por esta orde. As persoas vogais que non acudisen ou que tomasen posesión como presidenta ou presidente serán substituídas polas súas persoas suplentes.

4. En ningún caso poderá constituírse a mesa sen presenza da persoa titular da presidencia e dúas persoas vogais. No caso de que non se poida cumprir este requisito, os membros da mesa presentes e os suplentes que acudisen estenderán e subscribirán unha declaración dos feitos acontecidos e, de inmediato, a Comisión Electoral nomeará as persoas máis idóneas para constituír a mesa electoral.

5. A mesa recibirá as credenciais das persoas interventoras que se presenten, comparándoas coa copia que constará en poder da mesa, e daralles, se é o caso, posesión do cargo.

Artigo 24. Acta das mesas electorais periféricas

1. As persoas que exerzan a presidencia das mesas electorais periféricas expedirán unha acta no momento da constitución da mesa que pecharán ao finalizar as súas funcións como tal, asinándoa todos os membros da mesa. Nela expresarán as persoas compoñentes da mesa, a identificación de persoas interventoras, a suficiencia de material, a hora de inicio das votacións, as anomalías ou aspectos que, pola súa relevancia e transcendencia, sexan merecentes de quedaren reflectidos ao longo da xornada, a hora do peche das votacións, as reclamacións formuladas coa identificación das persoas reclamantes e a resolución dada a estas, e o número de votos emitidos segundo os marcados no documento do censo.

2. Finalizadas as votacións, as persoas que exerzan a presidencia serán responsables de precintar as urnas de votación, da súa custodia e transporte inmediato á mesa electoral central, xunto coa acta, o documento do censo utilizado nelas, e demais documentación, se a houber.

Artigo 25. Acta da mesa electoral central

1. A persoa que exerza a presidencia da mesa electoral central expedirá unha acta no momento da constitución da mesa que pechará ao finalizar as súas funcións como tal, asinándoa todos os membros da mesa. Nela expresará as persoas compoñentes da mesa, a identificación de persoas interventoras, a suficiencia de material, a hora de inicio das votacións, as anomalías ou aspectos que, pola súa relevancia e transcendencia, sexan merecentes de quedaren reflectidos ao longo da xornada, e a hora do peche das votacións.

2. Igualmente, fará constar a recepción de cada acta e demais documentación de cada mesa electoral periférica e da correspondente urna precintada, da súa apertura e reconto do número de sobres de votación que introducirá na urna da mesa electoral central, e que será conforme co establecido na acta da correspondente mesa periférica.

3. Finalmente, fará constar as condicións de transparencia do escrutinio e a expresión detallada do resultado, cos votos emitidos, os nulos, en branco e os asignados a cada candidatura, as reclamacións formuladas coa identificación das persoas reclamantes e a resolución dada a estas, asinándoa todos os membros da mesa.

Artigo 26. Do voto

1. O voto será presencial, acreditando o dereito de voto pola inscrición da persoa electora nas listas certificadas do censo. A persoa física que o vai exercer, directamente ou en calidade de representante que teña demostrado tal condición, deberá acreditar a súa identidade mediante o DNI, pasaporte ou permiso de condución, en que apareza a fotografía do seu titular.

2. Denegaráselle o exercicio do voto a quen, no momento de exercelo, se teña constancia de que o emitiu con anterioridade.

Artigo 27. Escrutinio das votacións

1. Concluída a votación, a persoa titular da presidencia da mesa electoral central procederá ao reconto dos votos, extraendo as papeletas da urna e lendo en voz alta o nome das candidaturas ou persoas candidatas votadas, os emitidos en branco e os considerados nulos. Realizado o reconto, a persoa titular da presidencia preguntaralles ás persoas asistentes se hai algunha protesta contra o escrutinio, resolvendo e deixando constancia dela.

2. A seguir, formulará en voz alta o seu resultado especificando o número de votos emitidos, de votos válidos, nulos e en branco e o de votos obtidos por cada candidatura, deixando expresión escrita deles na acta de votacións.

3. Este procedemento repetirase para cada un dos censos referidos.

4. A continuación, a mesa electoral central preparará a documentación electoral. O expediente electoral estará composto polos seguintes documentos:

– Toda a documentación orixinal recibida das mesas electorais periféricas sinalada no segundo parágrafo do artigo 24.

– Orixinal da acta de constitución da mesa.

– Orixinal da acta da sesión ou acta de escrutinio.

– Relación de persoas interventoras.

– Lista do censo electoral utilizada.

– Lista numerada das persoas votantes e papeletas ás que se lles negou validez ou que fosen obxecto dalgunha reclamación.

– Certificacións censuais entregadas.

5. Unha vez introducida esta documentación nun sobre, os tres membros da mesa e os interventores asinarán por encima dos pregos que os pechan.

6. Unha vez rematada a xornada electoral, a persoa que exerza a presidencia da mesa faralle entrega á Comisión Electoral de toda a documentación derivada do proceso e do material utilizado.

7. Como moi tarde, no seguinte día hábil ao da súa recepción, a Comisión Electoral debe mandar copia do expediente electoral á Xunta Electoral.

Artigo 28. Asignación dos resultados e proclamación de persoas vogais electas

1. A Comisión Electoral, con base na documentación recibida, procederá á asignación dos postos de elección para cada un dos censos por asignación proporcional directa dos votos válidos emitidos.

2. Cando non se presentasen candidaturas, as vogalías serán asignadas ás persoas físicas ou xurídicas segundo os votos recibidos.

3. No segundo día posterior ao da votación, a Comisión Electoral procederá á proclamación provisional das persoas vogais electas. Para esta asignación de vogalías, de acordo co establecido no artigo 5, aplicarase o sistema proporcional directo. Como anexo V acompáñase unha explicación da repartición de vogalías segundo este sistema, cun exemplo práctico e deberá comunicarllo como máis tarde no primeiro día hábil seguinte á Xunta Electoral.

4. Contra o acordo de proclamación provisional poderase interpor recurso no prazo de tres (3) días hábiles, que a Xunta Electoral resolverá en igual prazo.

Artigo 29. Constitución do Pleno e elección das persoas que exerzan os cargos de presidente e vicepresidentes

1. Pasado o prazo de recurso sen que se recibise ningún ou unha vez contestados os recursos recibidos, a Xunta Electoral proclamará definitivamente as persoas vogais electas, e convocará o Pleno do Consello Regulador respectando os prazos establecidos para tales efectos no seu regulamento, no cal tomarán posesión as persoas vogais electas dos seus cargos e quedará constituído o Pleno.

2. A sesión estará presidida por unha persoa representante da Administración, designado para o efecto pola persoa titular da Consellería do Mar, cuxo nome se fará constar na devandita convocatoria. Para a realización desta sesión precisarase un quorum de dous terzos.

3. A seguir, na mesma sesión, o Consello en Pleno elixirá por maioría as persoas que van exercer os cargos de presidente e vicepresidentes. En caso de empate na elección dalgún dos cargos, procederase no terceiro día hábil seguinte a unha nova votación. De persistir o empate, procederase de novo de igual xeito e, en caso de non se desfacer, decidirase por sorteo que realizará a Xunta Electoral entre as persoas candidatas que obtivesen o mesmo número de apoios na última votación.

4. As persoas elixidas para os cargos de presidente e vicepresidente serán nomeadas posteriormente pola persoa titular da Consellería do Mar.

5. Unha vez constituído o Pleno do Consello Regulador, as vacantes que se producisen por finamento, abandono, dimisión, cesamento na actividade ou calquera outra causa, dalgún dos seus membros, serán cubertas a partir da lista a que pertencía o dito membro e pola orde nela establecida.

Disposición adicional única. Composición equilibrada dos órganos colexiados

Na composición do Consello Regulador, da Xunta Electoral e da Comisión Electoral procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Disposición derrogatoria única. Derrogación da Orde do 26 de agosto de 2014

Queda derrogada a Orde do 26 de agosto de 2014 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación do Consello Regulador da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Disposicións supletorias

No non previsto nesta orde, haberá que aterse ao disposto na Orde do 20 de marzo de 2019 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia/Mejillón de Galicia e do seu Consello Regulador, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar cantas instrucións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

ANEXO I

Calendario electoral

Fase do proceso electoral

Número de días

Data do comezo do proceso electoral

Data de entrada en vigor da orde de convocatoria de eleccións

Fin do prazo de presentación de persoas candidatas á Xunta Electoral

4 días hábiles seguintes á data de comezo do proceso electoral

Sesión constitutiva da Comisión Electoral.

3 días hábiles desde o seu nomeamento polo Pleno

Designación dos membros da Xunta Electoral (Resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica).

10º día posterior á data de comezo do proceso electoral

Fin do prazo para a presentación de recursos ante a persoa titular da Consellería do Mar contra a designación dos membros da Xunta Electoral

3 días hábiles desde a emisión da Resolución

Resolución da persoa titular da Consellería do Mar dos recursos contra a designación dos membros da Xunta Electoral

3 días hábiles desde a recepción do recurso

Sesión constitutiva da Xunta Electoral

No prazo de 3 días desde a resolución dos recursos pola persoa titular da Consellería do Mar

Aprobación dos censos provisionais pola Comisión Electoral

3 días hábiles desde a sesión constitutiva da Comisión Electoral

Inicio da exposición dos censos provisionais

5 días hábiles desde a aprobación pola Comisión Electoral

Prazo para a reclamación sobre estes

3 días hábiles desde a exposición dos censos provisionais

Data límite para a resolución das reclamacións sobre os censos pola Comisión Electoral

3 días hábiles desde a presentación do recurso

Publicación dos censos definitivos

3 días hábiles desde a resolución dos recursos

Prazo de presentación de candidaturas ante a Comisión Electoral

10 días hábiles seguintes á publicación dos censos definitivos

Proclamación provisional de candidaturas pola Comisión Electoral

Primeiro sorteo para a designación dos membros das mesas electorais

5 días hábiles seguintes ao remate do prazo de presentación de candidaturas

Período de exposición pública de candidaturas
Comunicación á Xunta electoral das Candidaturas

3 días hábiles desde a proclamación provisional

Fin do prazo de presentación de reclamacións sobre a proclamación provisional de persoas candidatas

3 días hábiles desde o inicio de exposición pública de candidaturas

Data límite para a resolución das reclamacións e proclamación candidaturas definitivas pola Comisión Electoral

2 días hábiles desde a finalización do prazo de presentación dos recursos

Fin do prazo de presentación de recursos sobre a proclamación de persoas candidatas ante a Xunta Electoral

3 días hábiles desde a súa publicación

Data límite para a resolución dos recursos pola Xunta Electoral e proclamación definitiva de persoas candidatas

3 días hábiles desde a finalización do prazo de presentación dos recursos

Comezo da campaña electoral

Ás 00.00 horas do día hábil posterior ao de proclamación definitiva de candidaturas

Fin do prazo para a presentación dos acordos electorais polas candidaturas

Antes da finalización da campaña electoral

Fin da campaña electoral

Ás 24 horas do sétimo día de campaña

Solicitude por parte das persoas representantes de cada candidatura ante o Consello Regulador das credenciais de nomeamento de persoas interventoras e apoderadas

Ata o terceiro día anterior ao da votación

Prazo para que as entidades asociativas vinculadas ao Consello Regulador poidan solicitar á Comisión Electoral que unha mesa electoral periférica se constitúa no seu ámbito territorial

Desde a data de convocatoria de eleccións ata o remate do prazo de presentación de candidaturas

Notificación da designación dos membros das mesas electorais

Prazo de notificación (o máis breve)

Data límite dos candidatos a membros das mesas electorais para presentar de alegacións

4 días hábiles desde a notificación da designación

Resolución da Comisión Electoral sobre as alegacións anteriores

2 días hábiles desde a recepción da alegación

Constitución das mesas electorais e votacións

2º día posterior á finalización da campaña electoral.

Prazo para que a Comisión Electoral remita copia á Xunta Electoral

No seguinte día hábil

Proclamación de persoas vogais electas pola Comisión Electoral

2º día posterior ao da votación

Comunicación das persoas vogais electas á Xunta Electoral

1º día hábil seguinte ao da proclamación pola Comisión electoral

Fin do prazo de presentación de recursos sobre a proclamación de persoas vogais electas

3 días hábiles desde o acordo de proclamación

Data límite para a resolución dos recursos sobre a proclamación de persoas vogais electas

3 días hábiles desde a recepción dos recursos

Proclamación definitiva das persoas vogais pola Xunta Electoral
Convocatoria do Pleno do Consello Regulador

Pasado o prazo de recurso sen que se recibise ningún ou unha vez contestados os recursos recibidos

Pleno constitutivo, toma de posesión nos seus cargos e proposta de persoas para ocupar a Presidencia ou Vicepresidencia ou Vicepresidencias

Oitavo día hábil seguinte ao da proclamación definitiva das persoas vogais

ANEXO II

Modelo de impreso para a presentación dos censos do Consello Regulador da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia

Eleccións 2020

Censo ................................................ Folla nº ...............

Apelidos e nome ou razón social

DNI/NIF

Enderezo

Representante (soamente no caso de persoas xurídicas)

Observacións

Rúa ou lugar

Parroquia

Concello

DNI/NIF

Nome e apelidos

A persoa titular da secretaría do Consello Regulador da denominación de orixe Mexillón de Galicia.

Conforme

A persoa titular da presidencia

ANEXO III

Eleccións ao Consello Regulador da denominación de orixe protexida
Mexillón de Galicia

Eleccións 2020

Asunto: CREDENCIAL DE NOMEAMENTO DE PERSOA INTERVENTORA

DATA:

DATOS DA PERSOA PROPOSTA

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NOME

DNI

ENDEREZO

C.P.

CONCELLO

DATOS DA PERSOA REPRESENTANTE

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NOME

DNI

ENDEREZO

C.P.

CONCELLO

PERSOA REPRESENTANTE DA CANDIDATURA PRESENTADA POR ........................................................................................................................................

Conforme o disposto no artigo 54 do Decreto 4/2007, nomea persoa interventora a persoa enriba indicada.

A persoa representante

ANEXO IV

Eleccións ao Consello Regulador da denominación de orixe protexida
Mexillón de Galicia

Eleccións 2020

Asunto: CREDENCIAL DE NOMEAMENTO DE PERSOA APODERADA

DATA:

DATOS DA PERSOA PROPOSTA

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NOME

DNI

ENDEREZO

C.P.

CONCELLO

DATOS DA PERSOA REPRESENTANTE

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NOME

DNI

ENDEREZO

C.P.

CONCELLO

PERSOA REPRESENTANTE DA CANDIDATURA PRESENTADA POR ...........................................................................................................................................

Conforme o disposto no artigo 55 do Decreto 4/2007, nomea persoa apoderada a persoa enriba indicada.

A persoa representante

ANEXO V

Asignación de vogalías polo sistema proporcional directo

O sistema proporcional directo atribúe as vogalías segundo a mecánica que a seguir se detalla:

Divídense os votos de cada candidatura entre un número, que se obtén pola súa vez de dividir o número de votos válidos totais obtidos polas distintas candidaturas entre o número de persoas vogais que se van elixir. Os resultados das divisións darán un valor para cada candidatura. A parte enteira do valor resultante será o número de persoas vogais. Se aínda queda algunha persoa vogal por asignar, esta será para a candidatura que teña un valor máis alto da parte decimal, e se queda algunha persoa vogal máis, para a seguinte que teña a parte decimal máis alta, e así sucesivamente. O seguinte exemplo ilustra o procedemento que se vai aplicar:

Censo: 5.000 persoas electoras.

Persoas vogais para elixir 7.

Repartición de votos entre as distintas candidaturas:

A: 1.500.

B: 1.000.

C: 700.

D: 600.

E: 200.

Votos válidos obtidos polas distintas candidaturas: 4.000.

4.000/7= 571,428.

1.500/571,428= 2,62. A obtén 2+1= 3 vogais.

1.000/571,428= 1,75. B obtén 1+1= 2 vogais.

700/571,428= 1,22. C obtén 1 vogal.

600/571,428= 1,05. D obtén 1 vogal.

200/571,428= 0,35. E obtén 0 vogais.