Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Venres, 14 de agosto de 2020 Páx. 32513

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2020 pola que se modifica a Resolución do 10 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

No DOG núm. 4, do 7 de xaneiro de 2019, publicouse a Resolución do 10 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

De conformidade co punto 4 do artigo 16 de Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas, establecíase:

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e deberán, se e o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

Tendo en conta que a situación mundial provocada pola emerxencia sanitaria COVID-19 motivou a cancelación a nivel internacional de numerosos eventos promocionais e viaxes de prospección, o que afectou considerablemente a execución normal dos programas de internacionalización das empresas, impedindo en ocasións a súa realización e quedando noutras ocasións pospostos para datas futuras aínda incertas e dependentes da evolución internacional da pandemia. O que ten unha repercusión directa no desenvolvemento do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios.

O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decretábase a suspensión de prazos administrativos. O Decreto 465/2020, do 17 de marzo (BOE nº 73, do 18 de marzo) dá nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira e establece que as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se tivesen aprobado e publicado no momento da entrada en vigor do devandito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión, entre os cales se atopa o programa Galicia Exporta Organismo Intermedios, e aspectos relativos á modificación das bases reguladoras para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se for o caso, de xustificación e comprobación da dita execución.

O día 23 de maio de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se retoma, ou se reinicia, o cómputo dos prazos administrativos que fosen suspendidos en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con efectos desde o 1 de xuño.

Coa intención de mitigar os prexuízos ocasionados polo impacto do COVID-19 nas accións de promoción do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios 2019, e apoiar os esforzos realizados polos organismos intermedios no eido da internacionalización das empresas, o Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 18 de maio de 2020, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2019) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020,

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificar a Resolución do 10 de decembro 2018 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, no seguinte sentido:

O punto 4 do artigo 16 de Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas, queda redactado do seguinte xeito:

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e deberán, se for o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica