Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 25 de agosto de 2020 Páx. 33705

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 6 de agosto de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se lles comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado, relativo ao deslindamento parcial do monte de Uceira e monte do Conde, no concello de Sarria (expediente 72/78).

Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 27.7.2020, figura o seguinte acordo:

Monte Uceira e monte do Conde (expediente 72/78), pertencente aos veciños da parroquia de Santa Cristina de Vilar, no termo municipal de Sarria.

O 7.11.2019, tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia unha solicitude por parte da comunidade titular do monte veciñal de Uceira e monte do Conde co obxecto de proceder a adaptar o deslindamento con propietarios particulares ao xa realizado no ano 1973 pola Administración forestal respecto do monte de Santa Cristina. Por ese motivo, a comunidade solicita que sexan adaptados parcialmente os límites do monte respecto das propiedades particulares e se acepte o seu deslindamento por estar executado desde 1973.

Como consecuencia, o Servizo de Montes elabora un informe-proposta de homologación do deslindamento partindo da premisa de que o monte de Uceira e monte do Conde, clasificado como veciñal en man común, ten unha identidade co monte de Santa Cristina e xa fora deslindado previamente, de acordo co procedemento de deslindamento previsto na Lei de montes de 1957 e no seu regulamento de 1962.

No informe consta que se trata dun deslindamento parcial que só afecta o monte denominado do Conde, quedando a parte do monte de Uceira tal e como foi clasificado polo xurado o 30.4.1979. Ademais, existe un solapamento cos expedientes de clasificación para os montes das comunidades de Vilar e de Lousadela e que non é obxecto de corrección, xa que estas dúas entidades non viñan delimitadas no expediente de deslindamento de 1973. Como consecuencia, esta liña divisoria deberá ser concretada nun expediente de deslindamento entre as comunidades implicadas ou mediante un procedemento xudicial.

Como consecuencia da delimitación e adaptación ao deslindamento parcial do monte pertencente a Santa Cristina de Vilar, o monte queda cunha superficie de 86 hectáreas, tal e como se recolle nos planos que achega o Servizo de Montes e nos termos que se describen no seu informe.

En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda aceptar a proposta de homologación do deslindamento parcial referido e proceder ás oportunas correccións no expediente, de conformidade co informe do Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun (1) mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous (2) meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 6 de agosto de 2020

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo