Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 26 de agosto de 2020 Páx. 33810

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ao impulso do sector escénico galego, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT403D).

Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

A axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, pola súa vez, aumentar a exportación. Os destinatarios da Axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así como de espectáculos ao vivo.

O día 14 de marzo, en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declárase o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, crise que se fíxo extensible a todos os sectores económicos e sociais. A situación provocada pola epidemia da COVID-19 e a consecuente declaración do estado de alarma polo Real decreto lei 463/2020, do 14 de marzo, o futuro incerto xerado pola pandemia, está a ter un impacto na actividade escénica que se enfronta a grandes dificultades de liquidez económica pola interrupción da actividade económica que impide que o sector continúe coa súa actividade dunha forma segura e estable.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, sendo sensible ao impacto producido pola pandemia nas empresas do sector escénico, a través da Consellería de Cultura e Turismo elevou ao Consello da Xunta de Galicia para a súa valoración as propostas relativas a aqueles expedientes de subvencións para os cales se propoñía a continuidade, así como de modificacións dos que estaban en execución por estaren vinculados con carácter maioritario ao funcionamento de servizos públicos esenciais e á protección do interese xeral. Este, por Acordo do 24 de abril de 2020, determinou a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

O día 30 de abril de 2020, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, apróbase o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, adoptando un paquete de medidas dirixidas ao sector cultural co obxectivo de paliar esta crise e reactivar o sector cultural e turístico que se fixo público o día 5 de maio de 2020.

Entre as medidas que recolle o plan atópase o Programa de apoio ao sector escénico, en especial o apoio a «Residencias artísticas, ciclos, nova programación… No marco do Xacobeo 2021, a Xunta de Galicia apoiará de maneira estable ao sector escénico da Comunidade. Esa é a finalidade desta medida dirixida a proxectos de carácter plurianual. A modalidade desta convocatoria facilitará o anticipo dos gastos do ano 2020, axudando dese xeito ao mantemento das empresas».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, e no uso das atribucións que me foron concedidas, resolvo aprobar a convocatoria de impulso do sector escénico galego 2020 de acordo coas seguintes bases.

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic de apoio ao sector escénico, dentro do marco das competencias deste organismo, a través de distintas liñas de subvención, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT403D).

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura e Turismo e dos seus organismos dependentes.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para o mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.

5. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución aprobatoria das bases en réxime de concorrencia competitiva ao impulso do sector escénico galego que se convocan para o ano 2020, segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, á Lei 39/2015, do 1 de outubro de procedemento administrativo común das administracións públicas, á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, á Lei 4/2019 do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

6. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Segunda. Persoas beneficiarias

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas segundo as distintas modalidades:

Modalidade 1: persoas físicas (autónomas) ou xurídicas dedicadas profesionalmente á xestión de salas de artes escénicas de titularidade privada na Comunidade Autónoma de Galicia con capacidade igual ou inferior a 150 localidades.

Modalidades 2 e 3: persoas físicas (autónomas) ou xurídicas, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.

Terceira. Modalidades, orzamento, imputación de créditos, contía de subvención e límites máximos

1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as que seguen:

– Modalidade 1: subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada, cunha dotación máxima de 100.000 euros.

O obxecto desta modalidade é a realización de residencias artísticas na sala. O proxecto deberá conter un mínimo de dúas e un máximo de catro residencias artísticas, cunha duración mínima de cinco días e máxima de dez (10) días por cada unha. O proxecto será plurianual e desenvolverase nas anualidades 2020 e 2021.

– Modalidade 2: subvencións ao sector escénico no ámbito da danza e artes en movemento, cunha dotación máxima de 100.000 euros.

O obxecto é a reactivación de espectáculos de danza xa producidos a través da realización de residencias artísticas dunha duración mínima de cinco días e máxima de dez. O proxecto será plurianual (2020/2021) e deberá conter, como mínimo:

• Unha actividade de exhibición resultado da residencia ou unha actividade de mediación na localidade onde se realice a residencia.

• Un plan de documentación do desenvolvemento de todo o proceso.

– Modalidade 3: subvencións ao sector escénico no ámbito do teatro, novo circo e maxia, cunha dotación máxima de 300.000 euros.

O obxecto é a reactivación de espectáculos de teatro, novo circo e maxia xa producidos a través da realización de residencias artísticas dunha duración mínima de cinco días e máxima de dez. O proxecto será plurianual (2020/2021) e deberá conter, como mínimo:

• Unha actividade de exhibición resultado da residencia ou unha actividade de mediación na localidade onde se realice a residencia.

• Un plan de documentación do desenvolvemento de todo o proceso.

En calquera das modalidades o proxecto deberá iniciarase no exercicio 2020 e finalizarse no exercicio 2021.

2. Contías das subvencións e límites máximos:

– Modalidade 1, subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada: proxectos que non superen os 80.000 euros de orzamento, co límite do 80 % do orzamento e cunha contía máxima por beneficiario de 40.000 euros.

– Modalidade 2, subvencións ao sector no ámbito da danza e artes en movemento: proxectos que non superen os 20.000 euros de orzamento, co límite do 80 % e cunha contía máxima por beneficiario de 15.000 euros.

– Modalidade 3, subvencións ao sector creación escénica no ámbito do teatro, novo circo e maxia: proxectos que non superen os 20.000 euros de orzamento, co límite do 80 % e cunha contía máxima por beneficiario de 15.000 euros.

3. O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 500.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, código de proxecto 2010-0005, distribuído entre as anualidades 2020 e 2021: 250.000 euros con cargo ao exercicio 2020, e 250.000 euros con cargo ao exercicio 2021.

4. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución de concesión. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada modalidade, cando por razón de falta de solicitudes, incumprimentos de requisitos ou de falta de calidade dos proxectos presentados non se esgotase a contía establecida nunha ou varias modalidades, a comisión de valoración proporá á dirección da Agadic o incremento da cantidade establecida en calquera das outras modalidades. No caso deste traspaso, terá prioridade a modalidade en que o desequilibrio entre a cantidade solicitada e a dotación inicial sexa maior.

5. A contía que obterán os proxectos subvencionados fixarase atendendo ao plan económico-financeiro presentado, á contía solicitada e á puntuación obtida co límite do 80 % do orzamento en todas as modalidades.

6. No ámbito da presente convocatoria só poderá admitirse a presentación dun proxecto por solicitante.

Cuarta. Inicio do procedemento: presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, será requirida, para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Estas bases, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados de forma electronica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria anual e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Quinta. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta, non se achegar a documentación exixida ou non se reuniren os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sexta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ademais da solicitude (anexo I), as persoas interesadas presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

– Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

No suposto de sociedades civís e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, deberán nomear un representante ou apoderado legal único da agrupación, con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, corresponden á agrupación (deberán facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda e deberán, igualmente, facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se lle aplicará a cada un).

Así mesmo, deberáselles exixir a este tipo de agrupacións sen personalidade xurídica propia o compromiso de non disolución ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación específica:

2.1. Modalidade 1:

A. Memoria do proxecto que inclúa os seguintes puntos:

A.1. Descrición de cada unha das residencias artísticas propostas.

A.2. Duración das residencias, coa indicación dos meses en que se van desenvolver.

A.3. Actividades previstas para a presentación ao público.

A.4. Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen.

A.5. Repercusión do proxecto na creación e fomento de públicos para as artes escénicas.

B. Ficha do proxecto (anexo II).

C. Plan económico financeiro (anexo IV).

D. Copia de escritura, contrato de aluguer ou calquera documento válido en dereito que acredite a dispoñibilidade da sala.

E. Licenza de apertura da sala.

F. Declaración responsable de que os datos recollidos no anexo II son veraces.

2.2. Modalidades 2 e 3:

A. Memoria do proxecto que inclúa os seguintes puntos:

A.1. Descrición de cada unha das residencias artísticas propostas.

A.2. Duración das residencias, coa indicación dos meses en que se van desenvolver.

A.3. Actividades previstas para a presentación ao público.

A.4. Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen.

A.5. Repercusión do proxecto na creación e fomento de públicos para as artes escénicas.

B. Ficha do proxecto (anexo III).

C. Plan económico financeiro (anexo IV).

D. Declaración responsable de que os datos recollidos no anexo III son veraces.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento destas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitee a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Novena. Instrución do procedemento e competencia para a avaliación de solicitudes

1. A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderase pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura e Turismo, ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir aos solicitantes que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Décima. Comisión de valoración

1. Para a avaliación das solicitudes presentadas constituiranse unha comisións de valoración, nomeada polo director da Agadic, que estará integrada por:

– Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic, unha das cales asumirá a presidencia.

– Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros da comisión declararán por escrito non teren relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

2. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento de concorrencia competitiva, no cal a comisión de avaliación emitirá un informe motivado relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, e indicará a puntuación asignada a cada un deles, segundo os criterios de avaliación establecidos na presente convocatoria, facendo unha proposta dos que se consideran subvencionables. A asignación das contías farase en proporción á puntuación recibida e ao orzamento solicitado, sen exceder os límites establecidos.

3. Unha vez entregado o informe preceptivo, a dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas.

A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o orzamento do proxecto, o importe solicitado e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

Décimo primeira. Criterios de valoración e baremación

A valoración das solicitudes presentadas realizarase de acordo cos seguintes criterios:

1. Modalidade 1: (100 puntos).

1) Antigüidade da empresa xestora.

– De 2 a 5 anos: 1 punto.

– De 5 a 10 anos: 2 puntos.

– Máis de 10 anos: 3 puntos.

2) Nivel de contratación de persoal. Calculado sobre a media do importe das cotizacións á Seguridade Social da empresa. Socios traballadores e contratados laborais na rama de actividade de empresas de espectáculos nos últimos tres anos.

– Entre 10.000 € e 15.000 €: 10 puntos.

– Maior de 15.000 € e até 20.000 €: 20 puntos.

– Máis de 20.000 €: 30 puntos.

3) Capacidade da sala.

– De 25 a 60 lugares: 1 punto.

– De 61 a 100 lugares: 2 puntos.

– Máis de 100 lugares: 3 puntos.

4) Residencias acollidas no espazo nos anos 2017, 2018 e 2019.

– Até cinco: 5 puntos.

– Entre seis e dez: 10 puntos.

– Máis de dez: 30 puntos.

5) Número de residencias do proxecto.

– Dúas: 3 punto.

– Tres: 6 puntos.

– Catro: 9 puntos.

6) Duración media das residencias.

– Até seis días: 5 puntos.

– Entre seis e dez (10) días: 10 puntos.

7) Número de artistas implicados no proxecto (intérpretes e técnicos creativos).

– De 3 a 5 persoas: 5 puntos.

– De 6 a 10 persoas: 10 puntos.

– Máis de 10 persoas: 15 puntos.

2. Modalidades 2 e 3 (70 puntos).

1) Antigüidade da empresa.

– De 2 a 5 anos: 5 punto.

– De 5 a 10 anos: 10 puntos.

– Máis de 10 anos: 15 puntos.

2) Nivel de contratación de persoal. Calculado a partir do importe das cotizacións á seguridade social da empresa. Socio traballadores e contratados laborais na rama de actividade de empresas de espectáculos (mellor dato dos últimos tres anos).

– Entre 5.000 € e 10.000 €: 5 puntos.

– Maior de10.000 € e até 15.000 €: 10 puntos.

– Máis de 15.000 €: 15 puntos.

3) Número de artistas implicados no proxecto entre intérpretes e técnicos creativos.

– De 3 a 5 persoas: 5 puntos.

– De 6 a 10 persoas: 10 puntos.

– Máis de 10 persoas: 15 puntos.

4) Colaboración doutras compañías no proxecto en actividades de residencia, exhibición, mediación, etc.

– Participan 2 compañías: 6 puntos.

– Participan 3 compañías: 8 puntos.

– Máis de 3 compañías: 10 puntos.

5) Número de funcións realizadas nos últimos dous anos: media anual de funcións distribuídas nos últimos dous anos. Terán a consideración de funcións aquelas que supoñan unha contraprestación económica e unha duración mínima de 35 minutos. Non se exixirá duración mínima para espectáculos de danza. Para a contabilización das funcións realizadas de cada espectáculo, aplicarase a seguinte dobre ponderación:

– Ponderación 1: funcións realizadas fóra de Galicia: 1,5; funcións realizadas en Galicia, incluídas as da RGTA, RGS (salvo a propia ou xestionada): 1.

– Ponderación 2: caché ata 1.500 euros × 0,65; caché entre 1.501 e 2.500 euros × 1; caché entre 2.501 e 4.500 euros × 1,5; caché superior a 4.500 euros × 2.

• Entre 10 e 20 funcións: 2 puntos.

• Entre 21 e 50 funcións: 6 puntos.

• Entre 51 e 70 funcións: 9 puntos.

• Entre 71 e 90 funcións: 12 puntos.

• Máis de 90 funcións: 15 puntos.

Décimo segunda. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e unha vez entregado o informe preceptivo por parte da comisión de valoración, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164, do 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo terceira. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónico de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

A entidade beneficiaria deberá remitir á Agadic o plan económico financeiro (anexo III), adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada, e como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades).

A dita documentación deberase remitir no prazo máximo de dez (10) días, contados desde a notificación da resolución de concesión.

7. Deberá comunicarse por escrito ás persoas interesadas o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Décimo cuarta. Gastos subvencionables

Son gastos subvencionables os relativos ao desenvolvemento do proxecto conforme o plan económico financeiro presentado.

Modalidade 1:

1) Gastos de persoal artístico contratado por obra ou servizo asociado ao proxecto.

2) Gastos de persoal fixo incluídos no proxecto (admitiranse as nóminas do persoal fixo, así como gastos das persoas socias da empresa por un período máximo de catro meses (máximo 60 % do total do proxecto).

3) Gastos de alugueiro de equipamento técnico e servizos de produción técnica asociados.

4) Gastos xerais de mantemento e xestión durante un período máximo de catro meses (luz, auga, teléfono, seguros) (máximo 7 % do total do proxecto).

5) Gastos de promoción e publicidade, de acordo co orzamento presentado (máximo, 15 % do proxecto).

6) Gastos do rexistro documental do proxecto relativos a gravación, elaboración de textos, etc. (máximo 15 % do total do proxecto).

7) Alugueiro dos locais de ensaio (máximo tres meses). Até un 15 % do proxecto. Máximo 2.000 € por mes de aluguer.

8) Gastos derivados das residencias, exhibición e outras actividades contidas no proxecto (cachés, actividades de consultoría e servizos análogos).

9) Axudas de custo, transporte e/ou outras indemnizacións, conforme as tarifas máximas establecidas no convenio colectivo de actores e actrices de Galicia (máximo 10 % do total do proxecto).

Modalidades 2 e 3:

1) Gastos de persoal artístico contratado por obra ou servizo asociado ao proxecto.

2) Gastos de persoal fixo incluídos no proxecto (admitiranse as nóminas do persoal fixo, así como gastos das persoas socias da empresa por un período máximo de catro meses (máximo 60 % do total do proxecto).

3) Gastos de aluguer de equipamento técnico e servizos de produción técnica asociados.

4) Gastos xerais de mantemento e xestión durante un período máximo de catro meses (luz, auga, teléfono, seguros) (máximo 7 % do total do proxecto).

5) Gastos de promoción e publicidade, de acordo co orzamento presentado (máximo, 15 % do proxecto).

6) Gastos do rexistro documental do proxecto relativos a gravación, elaboración de textos etc. (máximo 15 % do total do proxecto).

7) Alugueiro dos locais de ensaio (máximo un mes). Ata un 15 % do proxecto (máximo 2.000 € por mes de aluguer).

8) Gastos derivados das residencias, exhibición e outras actividades contidas no proxecto (cachés, actividades de consultoría e outros servizos análogos).

9) Axudas de custo, transporte e/ou outras indemnizacións, conforme as tarifas máximas establecidas no convenio colectivo de actores e actrices de Galicia (máximo 10 % do total do proxecto).

Admitiranse desviacións ata un máximo do 20 %, debidamente motivadas, entre as diferentes partidas de gasto.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Décimo quinta. Pagamento e xustificación

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva da concesión e realizarase sempre que se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de anticipos e pagamentos á conta.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e o artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado –que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, e logo da presentación de certificación do inicio dos traballos, e da declaración de axudas do anexo VI e logo de resolución motivada– o importe da anualidade 2020, sempre que non supere o 50 % do importe concedido.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O prazo de xustificación da subvención será dun mes desde a data de finalización das actividades subvencionadas e rematará o 30 de setembro do 2021. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma galega; a Agadic está autorizada para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos e, no suposto de pagamentos anticipados, non se poderá estar incurso en ningunha das situacións previstas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia.

6. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos (anexo VI).

7. O órgano concedente da subvención terá a obriga de comprobar que o beneficiario cumpre os requisitos establecidos nas bases reguladoras para proceder ao pagamento das subvencións incluíndo no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada e o alcance das comprobacións practicadas de conformidade co artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Igualmente, será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a xustificación e o debido cumprimento da totalidade das obrigas económicas e de actividades correspondentes ás subvencións que sexan concedidas pola Agadic durante o exercicio 2020.

8. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

9. A documentación xustificativa da subvención estará composta por:

A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo V).

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo VI).

– Xustificantes, orixinais ou copias dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, polo importe igual ou superior ao orzamento da produción, de conformidade co enviado polo beneficiario.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

– Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos imputados á subvención concedida.

10. Do mesmo xeito, e segundo as previsións contidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o beneficiario dunha subvención da Agadic unicamente poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada ata o 50 % do seu importe, e en ningún caso poderá subcontratar unha única persoa física ou xurídica por máis do 25 % do importe total da subvención outorgada, nin tampouco se poderán subcontratar as actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Décimo sexta. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios destas axudas adquiren as obrigas que se reflicten nesta resolución e no resto da normativa de aplicación e as que se relacionan a seguir:

– Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

– Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

– Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore, comprometéndose a facer mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia no desenvolvemento das actividades subvencionadas. O beneficiario comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe corporativa do Xacobeo 2021 e a da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, marcas que deben ser descargadas do web da Xunta de Galicia: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal e https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/xacobeo-2021 respectivamente.

2. O incumprimento dos anteriores deberes previstos e obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da indicada Lei galega 9/2007, sen prexuízo do disposto na cláusula décimo sétima destas bases.

Décimo sétima. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas ou non solicitadas poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

5. A distribución de anualidades adxudicadas poderá modificarse, logo da solicitude do beneficiario na cal motive suficientemente a alteración, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias, e mediante resolución motivada do director da Agadic. A modificación da repartición entre anualidades exixirá a tramitación da correspondente modificación do expediente de gasto, de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Décima oitava. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo novena. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Agadic coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais de conformidade co disposto na lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file