Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 27 de agosto de 2020 Páx. 33953

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 14 de agosto de 2020 pola que se procede á modificación parcial de distintas ordes de convocatorias de subvencións financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego como consecuencia da situación e evolución do COVID-19.

Durante a execución das accións formativas financiadas con cargo a diversas convocatorias do período 2019-2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo). Pola súa vez, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo), e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

Polo tanto, á vista da situación excepcional creada pola pandemia de COVID-19, e das devanditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España, cómpre posibilitar instrumentos e habilitar alternativas que permitan a continuidade ordinaria na impartición das accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego.

Nesta liña de favorecer a normal execución das accións formativas, e para os efectos de establecer medidas de flexibilidade e de adaptación da norma á situación actual, publicáronse diversas modificacións parciais no marco das ordes que regulan os procedementos TR301K, TR301P e TR302A.

Non obstante, para adecualos á situación de forza maior provocada pola pandemia COVID-19, cómpre modificar determinados artigos das bases reguladoras e convocatorias relacionados co control de asistencia dos participantes introducindo alternativas, a maiores do control biométrico baseado na impresión dixital, que acrediten o control de presenza do persoal docente e do alumnado.

Así mesmo, para os efectos de axilizar e posibilitar determinados trámites e aplicar a normativa sanitaria vixente garantindo a seguridade dos cidadáns, cómpre revisar o criterio actual relativo ao rexistro de impresións dixitais por parte do persoal traballador desempregado e do persoal docente nas oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia con carácter previo ao inicio das actividades formativas, habilitando e priorizando a opción de rexistro nas propias entidades de formación, para adecualo ao momento presente.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Modificación da Orde do 2 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación
para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2019 e 2020 (código de procedemento TR302A)

Artigo 1. Modificación do número 13 do artigo 43 das bases reguladoras

O número 13 do artigo 43 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

Dispor dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

O control de asistencia realizarase mediante control biométrico e/ou controis de asistencia que deberán asinar diariamente ao inicio e ao finalizar a actividade (de ser a acción formativa en horario de mañá ou de tarde), e catro veces ao día, de impartirse a acción formativa en xornada partida: ao inicio e á fin da xornada de mañá e ao inicio e ao remate da xornada de tarde.

Tanto o conxunto do alumnado como o persoal docente estarán obrigados a efectuar o referido control de asistencia, de entrada e saída diaria, mediante o control biométrico e, simultaneamente e con carácter subsidiario, mediante partes de asistencia.

Para os efectos de poder efectuar o devandito control de asistencia, o alumnado, ocupado e desempregado, e o persoal docente poderán rexistrar a súa impresión dixital na propia entidade formadora.

A correspondencia entre as impresións dixitais e a persoa que identifican acreditarase mediante declaración responsable, cuxo contido deberá respectar o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Esta declaración responsable deberase presentar a través da aplicación SIFO.

A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións requiridas para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedisen ou limitasen poderá ter a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 2. Redacción do artigo 43 bis das bases reguladoras

Ás bases reguladoras engádeselles o artigo 43 bis, co seguinte contido:

Artigo 43 bis. Especificacións de control de asistencia por razóns de saúde

1. As entidades beneficiarias que impartan accións formativas subvencionadas no marco do procedemento TR302A que continúen ou comecen a súa execución con posterioridade ao 13 de marzo de 2020 poderán aplicar, a partir da entrada en vigor desta orde, por razóns de saúde e para cumprir con disposicións que limiten a capacidade, o establecido neste artigo en materia de controis de asistencia e de horarios, para a parte da acción formativa que se imparta con posterioridade á referida data.

2. Na modalidade de impartición presencial, poderase seguir empregando o control biométrico de asistencia para persoal docente e alumnado mediante impresión dixital sempre que se garanta a seguridade e hixiene suficiente a través do uso de xeles ou composicións hidroalcohólicas, pero tamén se poderá substituír total ou parcialmente, para todos os efectos, a través de tarxeta de fichaxe, DNI electrónico ou sinatura electrónica mediante a captura de sinatura dixitalizada con datos biométricos e por outros métodos que permitan reflectir e ter constancia da hora, dos minutos e segundos de entrada e saída.

Se a entidade acredita suficientemente que non pode pór en funcionamento algún dos ditos sistemas de control de asistencia con anterioridade ao comezo ou continuación da acción formativa (por desabastecemento do mercado da tecnoloxía necesaria, acreditado documentalmente mediante a certificación de, cando menos, 3 empresas provedoras; por negativa, acreditada documentalmente, a empregar calquera dos anteriores métodos por parte do 75 % do alumnado; ou por imposibilidade de que a Administración competente verifique os datos biométricos), poderá solicitar a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral autorización para que o control de asistencia se limite á sinatura manual do parte de asistencias, con indicación exacta de hora, minutos e segundos de entrada e saída.

Cando a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral autorice este método de control, a entidade beneficiaria deberá presentar, a través da aplicación SIFO e no momento da solicitude de liquidación, as declaracións responsables individualizadas, asinadas por cada unha das persoas participantes, en que ratifiquen a súa asistencia a todas e cada unha das sesións e nos horarios reflectidos nos partes de asistencia, que deberán anexarse á dita declaración.

Os datos de calquera dos métodos de control de asistencia a que se refire este número deberán ser mecanizados pola empresa ou entidade beneficiaria na aplicación COBIPE, no prazo improrrogable de 3 días hábiles desde a impartición da sesión a que se refiran. Asemade, a través do sistema informático SIFO, e no momento de solicitar a liquidación, deberán incluír os partes de asistencia e as declaracións responsables escaneadas ou facilitar os medios de acceso ás aplicacións correspondentes, para o correspondente control por parte da unidade administrativa.

O incumprimento dalgunha destas obrigas de mecanización en prazo e inclusión de documentación na aplicación suporá que se perderá o dereito a percibir a liquidación correspondente á sesión non mecanizada.

CAPÍTULO II

Modificación da Orde do 13 de agosto de 2019 pola que se establecen
as bases reguladoras para o período 2019-2021 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas,
para os exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR301P), e se establecen as bases do Programa de incentivos á actividade laboral vinculada
ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata
para os exercicios 2020-2021 (código de procedemento TR349X)

Artigo 3. Modificación do número 2, alínea h, do artigo 24 das bases reguladoras

O número 2, alínea h, do artigo 24 queda redactado do seguinte xeito:

Dispor dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

O control de asistencia realizarase mediante control biométrico e/ou controis de asistencia que deberán asinar diariamente ao iniciar e ao finalizar a actividade (de ser a acción formativa en horario de mañá ou tarde), e catro veces ao día de ser a acción formativa en xornada partida (ao inicio e á fin da xornada de mañá e ao inicio e ao remate da xornada de tarde).

Tanto o conxunto do alumnado como o persoal docente estarán obrigados a efectuar o referido control de asistencia mediante o control biométrico e, simultaneamente e con carácter subsidiario, mediante partes de asistencia.

Para os efectos de poder efectuar o devandito control de asistencia, o alumnado e o persoal docente poderán rexistrar a súa impresión dixital na propia empresa ou entidade formadora.

A correspondencia entre as impresións dixitais e a persoa que identifican acreditarase mediante declaración responsable, cuxo contido deberá respectar o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Esta declaración responsable deberase presentar a través da aplicación SIFO.

A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións requiridas para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedisen ou limitasen poderá ter a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral queda facultada para determinar, se o considera oportuno, que o control de asistencia de alumnado e persoal docente se efectúe, en exclusiva, mediante control biométrico.

No relativo á realización do módulo de prácticas non laborais dos certificados de profesionalidade, o control de asistencia non requirirá o control biométrico, e estará limitado a controis de asistencia que deberán asinar diariamente (de ser a acción formativa en horario de mañá ou tarde) ao iniciar e ao finalizar a actividade, e catro veces ao día de ser a acción formativa en xornada partida (ao inicio e á fin da xornada de mañá e ao inicio e á fin da xornada de tarde).

Artigo 4. Redacción do artigo 24 bis das bases reguladoras

Ás bases reguladoras engádeselles o artigo 24 bis, co seguinte contido:

Artigo 24 bis. Especificacións de control de asistencia por razóns de saúde

1. As entidades beneficiarias que impartan accións formativas subvencionadas no marco do procedemento TR301P que continúen ou comecen a súa execución con posterioridade ao 13 de marzo de 2020, poderán aplicar, a partir da entrada en vigor desta orde, por razóns de saúde e para cumprir con disposicións que limiten a capacidade, o establecido neste artigo en materia de controis de asistencia e de horarios, para a parte da acción formativa que se imparta con posterioridade á referida data.

2. Na modalidade de impartición presencial poderase seguir empregando o control biométrico de asistencia para persoal docente e alumnado mediante impresión dixital sempre que se garanta a seguridade e hixiene suficiente a través do uso de xeles ou composicións hidroalcohólicas, pero tamén se poderá substituír total ou parcialmente, para todos os efectos, a través de tarxeta de fichaxe, DNI electrónico ou sinatura electrónica mediante a captura de sinatura dixitalizada con datos biométricos e por outros métodos que permitan reflectir e ter constancia da hora, dos minutos e segundos de entrada e saída.

Se a entidade acredita suficientemente que non pode pór en funcionamento algún dos anteditos sistemas de control de asistencia con anterioridade ao comezo ou continuación da acción formativa (por desabastecemento do mercado da tecnoloxía necesaria, acreditado documentalmente mediante a certificación de, cando menos, 3 empresas provedoras; por negativa, acreditada documentalmente, a empregar calquera dos anteriores métodos por parte do 75 % do alumnado; ou por imposibilidade de que a Administración competente verifique os datos biométricos), poderá solicitar a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral autorización para que o control de asistencia se limite á sinatura manual do parte de asistencias, con indicación exacta da hora, minutos e segundos de entrada e saída.

Cando a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral autorice este método de control, a entidade beneficiaria deberá presentar, a través da aplicación SIFO e no momento da solicitude de liquidación, as declaracións responsables individualizadas, asinadas por cada unha das persoas participantes, en que ratifiquen a súa asistencia a todas e cada unha das sesións e nos horarios reflectidos nos partes de asistencia, que deberán anexarse á dita declaración.

Os datos de calquera dos métodos de control de asistencia a que se refire este número deberán ser mecanizados pola empresa ou entidade beneficiaria na aplicación COBIPE, no prazo improrrogable de 3 días hábiles desde a impartición da sesión a que se refiran. Asemade, a través do sistema informático SIFO, e no momento de solicitar a liquidación, deberán incluír os partes de asistencia e as declaracións responsables escaneadas ou facilitar os medios de acceso ás aplicacións correspondentes, para o correspondente control por parte da unidade administrativa.

O incumprimento dalgunha destas obrigas de mecanizacións en prazo e inclusión de documentación na aplicación suporá que se perderá o dereito a percibir a liquidación correspondente á sesión non mecanizada.

CAPÍTULO III

Modificación da Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen
as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen
as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021

Artigo 5. Modificación do número 5 do artigo 16 das bases reguladoras

O número 5 do artigo 16 queda redactado do seguinte xeito:

Dispor dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

O control de asistencia realizarase mediante control biométrico e/ou controis de asistencia que deberán asinar diariamente ao inicio e ao finalizar a actividade (de ser a acción formativa en horario de mañá ou tarde), e catro veces ao día de ser a acción formativa en xornada partida (ao inicio e á fin da xornada de mañá e ao inicio e ao remate da xornada de tarde).

Tanto o conxunto do alumnado como o persoal docente estarán obrigados a efectuar o referido control de asistencia, de entrada e saída diaria, mediante o control biométrico e, simultaneamente e con carácter subsidiario, mediante partes de asistencia.

Para os efectos de poder efectuar o devandito control de asistencia, o alumnado e o persoal docente poderán rexistrar a súa impresión dixital na propia entidade formadora.

A correspondencia entre as impresións dixitais e a persoa que identifican acreditarase mediante declaración responsable, cuxo contido deberá respectar o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Esta declaración responsable deberá presentarse a través da aplicación SIFO.

A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións requiridas para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedisen ou limitasen poderá ter a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral queda facultada para determinar, se o considera oportuno, que o control de asistencia de alumnado e persoal docente se efectúe, en exclusiva, mediante control biométrico.

No relativo á realización do módulo de prácticas non laborais dos certificados de profesionalidade, o control de asistencia non requirirá o control biométrico, e estará limitado a controis de asistencia que deberán asinar diariamente (de ser a acción formativa en horario de mañá ou tarde) ao inicio e ao remate da actividade, e catro veces ao día de ser a acción formativa en xornada partida (ao inicio e ao remate da xornada de mañá e ao inicio e á fin da xornada de tarde).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria