Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Sábado, 29 de agosto de 2020 Páx. 34540

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de agosto de 2020 pola que se aproba o Protocolo de actuación da Consellería de Sanidade en materia de saúde pública en relación con illamentos e corentenas para a prevención e o control da infección polo SARS-CoV-2 e se ditan instrucións para a tramitación dos procedementos sancionadores nestes casos.

O 11 de marzo de 2020 a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional. Esta expansión está a xerar unha crise sen precedentes recentes na saúde pública que afecta todos os sectores e individuos. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra a pandemia.

Así, o 13 de marzo de 2020, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego) como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Posteriormente, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. O estado de alarma, previsto cunha duración inicial de quince días, foi obxecto de ata seis prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados.

O Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, recolle as medidas que hai que observar, unha vez levantado o estado de alarma, mentres se manteña a situación de crise sanitaria.

Neste contexto de crise sanitaria resulta esencial o mantemento de medidas axeitadas de prevención e control da propagación da enfermidade, tendo en conta a súa transmisibilidade e a ausencia dunha vacina ou tratamento efectivo.

Dentro das medidas de loita contra a propagación entre a poboación da infección revisten singular importancia tanto o illamento dos casos sospeitosos e dos casos confirmados como a identificación e a corentena precoz dos contactos. Neste sentido cómpre salientar que a única maneira de interromper a cadea de transmisión dunha infección como a do SARS-CoV-2, transmisible a través das secrecións de persoas infectadas, principalmente por contacto directo con gotas respiratorias de máis de 5 micras (capaces de transmitirse a distancias de ata 2 metros) e as mans ou os fomites contaminados con estas secrecións seguido do contacto coa mucosa da boca, nariz ou ollos, é identificando e illando canto antes os casos sospeitosos e os casos confirmados, asegurando ao tempo a súa curación e a evitación de contaxio a outras persoas, así como identificando os contactos estreitos dos casos confirmados para os efectos da realización por estes dunha corentena, co mesmo obxectivo de interromper a transmisión e de evitar novos contaxios.

O Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, antes citado, impón á cidadanía, no seu artigo 4, un deber de cautela e protección, debendo adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos, e no seu artigo 7.2 prescribe de maneira taxativa que as persoas que presenten síntomas compatibles con COVID-19 ou estean en illamento domiciliario debido a un diagnóstico por COVID-19 ou que se atopen en período de corentena domiciliaria por ser contacto estreito con algunha persoa con COVID-19 non deberán acudir ao seu centro de traballo.

Pola súa parte, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. No número 1.5 do anexo do dito acordo, na súa redacción vixente, introducida polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de xuño, establécese que as persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por ter infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible con COVID-19, ou que se atopen pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado, deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas.

Debe terse en conta que, segundo a Organización Mundial da Saúde, a enfermidade por coronavirus causada polo SARS-CoV-2 propágase dunha persoa a outra pola transmisión de gotículas respiratorias ou por contacto directo. As intervencións de control da propagación da COVID-19 teñen que romper as cadeas de transmisión de persoa a persoa co fin de lograr que o número de casos xerados por cada caso confirmado se manteña por debaixo de 1 (número de reprodución eficaz < 1). A localización de casos, o illamento, as probas e a asistencia, así como o rastrexo de contactos e a corentena, como parte dunha estratexia integral, son actividades indispensables para reducir a transmisión e controlar a epidemia. Tendo en conta, ademais, que as persoas poden transmitir o COVID-19 antes de que aparezan os síntomas ou se a infección é asintomática, recalca a importancia de poñer en corentena os contactos para reducir aínda máis a transmisión secundaria.

En suma, todos os cidadáns deben adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos. Unha das principais medidas para protexer a saúde e seguridade dos cidadáns e así conter a progresión da enfermidade é o correcto cumprimento do illamento e corentena dos casos COVID-19, así como dos seus contactos estreitos. O illamento é a medida que se adopta para separar as persoas infectadas polo virus SARS-CoV-2, que causa o COVID-19, doutras persoas que non están infectadas. A corentena serve para que unha persoa que puido estar exposta ao COVID-19 se manteña afastada doutras persoas e evitar propagar o contaxio en caso en que finalmente poida desenvolver a infección.

A curación dun enfermo depende, especialmente, da aceptación de todas as medidas hixiénico-terapéuticas prescritas, pero, xunto á atención ás necesidades de saúde individual da persoa enferma, é necesaria a adopción de medidas de protección da saúde colectiva, para evitar a diseminación da pandemia da infección polo SARS-CoV-2.

O artigo 43 da Constitución española recoñece o dereito á saúde e dispón que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios.

A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, prevé, no seu artigo primeiro, que, co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na dita lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

O artigo segundo habilita as autoridades sanitarias competentes para adoptar medidas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolve unha actividade. E, para o caso concreto de enfermidades transmisibles, o artigo terceiro dispón que, co fin de controlalas, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou estivesen en contacto con estes e do contorno inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible.

Pola súa banda, o artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, prevé a posibilidade de que as autoridades sanitarias poidan adoptar as medidas preventivas que consideren pertinentes cando exista ou se sospeite razoablemente da existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde. A duración das ditas medidas fixarase para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, e non excederá o que exixa a situación de risco inminente e extraordinario que as xustificou. E, conforme o artigo 28 da mesma lei, as medidas preventivas deben atender ao principio de preferencia da colaboración voluntaria coas autoridades sanitarias.

A Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, recolle, así mesmo, nos seus artigos 27.2 e 54, a posible adopción de medidas por parte das autoridades sanitarias en situacións de risco para a saúde das persoas. A mesma lei impón no seu artigo 8 un deber de colaboración da cidadanía consistente en facilitar o desenvolvemento das actuacións de saúde pública e de absterse de realizar condutas que dificulten, impidan ou falseen a súa execución. E o artigo 9 impón ás persoas que coñezan feitos, datos ou circunstancias que poidan constituír un risco ou perigo grave para a saúde da poboación a obriga de poñelos en coñecemento das autoridades sanitarias, velando pola protección debida de datos de carácter persoal. A dita obriga, como salienta o mesmo precepto, enténdese sen prexuízo das obrigas de comunicación e información que as leis impoñen aos profesionais sanitarios.

No ámbito autonómico, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no seu artigo 34, inclúe, entre as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde, no seu número 12, a de adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes en caso de que exista ou se sospeite razoablemente da existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde, cuxa duración debe fixarse para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, non excedendo do que exixa a situación de risco extraordinario que as xustificase e sendo un dos principios aplicables para a súa adopción, conforme o artigo 36 da mesma lei, o de preferencia da colaboración voluntaria coas autoridades sanitarias.

E o artigo 38 prevé que as autoridades sanitarias poderán levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, antes citados.

Así mesmo, o artigo 49 da mesma lei, na súa letra d), establece que a prestación de saúde pública polo Sistema público de saúde de Galicia comprende, entre outros aspectos, a prevención e o control das enfermidades transmisibles. E o seu artigo 52.4, pola súa banda, recolle a previsión de que, ante situacións de crise, alerta ou alarma de saúde pública, o Sistema público de saúde de Galicia responderá con mecanismos e accións precisas que garantan a protección da saúde da poboación.

Pola súa banda, o artigo 15 menciona expresamente, entre os deberes sanitarios da cidadanía, o consistente en cooperar coas autoridades sanitarias na protección da saúde e a prevención das enfermidades.

O artigo 33 da mesma lei atribúe a condición de autoridade sanitaria á persoa titular da consellería con competencias en sanidade e ás persoas titulares dos órganos de dirección da consellería con competencias en materia de sanidade de quen dependan a inspección de servizos sanitarios e a inspección no ámbito da saúde pública, e corresponde, segundo o número 2 do mesmo precepto, aos titulares dos ditos órganos establecer as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía.

Conforme o Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, a inspección no ámbito da saúde pública depende da Dirección Xeral de Saúde Pública, polo que a persoa titular da dita dirección ten a condición de autoridade sanitaria.

Finalmente, o artigo 8.6 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, prevé que corresponde aos xulgados do contencioso-administrativo a autorización ou ratificación xudicial das medidas que as autoridades sanitarias consideren urxentes e necesarias para a saúde pública e impliquen privación ou restrición da liberdade ou doutro dereito fundamental. Esta previsión debe completarse cos supostos excepcionais en que tal intervención xudicial ten que solicitarse dos xulgados de garda nos termos previstos no 42.5 do Acordo do 15 de setembro de 2005, do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, polo que se aproba o Regulamento 1/2005, dos aspectos accesorios das actuacións xudiciais, que atribúe ao xuíz que desempeñe en cada circunscrición o servizo de garda, en función de substitución, as actuacións que, correspondendo aos órganos da xurisdición contencioso-administrativa, sexan instadas en días e horas inhábiles e exixan unha intervención xudicial inmediata en supostos, entre outros, de medidas sanitarias urxentes e necesarias para protexer a saúde pública, conforme o artigo 8.6, parágrafo segundo, da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

No contexto normativo citado, e tendo en conta o risco sanitario derivado da propagación da infección polo SARS-CoV-2, dado o seu carácter transmisible, procede a adopción do presente protocolo de actuación que inclúe as medidas de prevención e control da dita infección relacionadas co illamento de persoas con síntomas compatibles ou diagnosticadas de COVID-19 e coa identificación e corentena dos contactos estreitos.

Conforme prescribe o artigo 28 da Lei 14/1986, do 25 de abril, as medidas previstas neste protocolo parten da preferencia da colaboración voluntaria coas autoridades sanitarias de xeito que, só no caso de falta de cumprimento voluntario, se adoptarán medidas de illamento ou corentena con carácter forzoso, coas debidas garantías de proporcionalidade, limitación temporal e de intervención xudicial.

Así mesmo, o incumprimento das medidas de prevención e control da expansión da infección por parte dos casos de COVID-19 e dos seus contactos estreitos, que lles sexan expresamente indicadas polos profesionais sanitarios, leva asociada a conseguinte infracción administrativa e o inicio de procedemento sancionador correspondente por parte das autoridades da Consellería de Sanidade. Co obxecto de establecer criterios homoxéneos na tramitación dos procedementos sancionadores que instrúa nestes casos a Consellería de Sanidade, considérase conveniente ditar instrucións ao respecto.

Por outro lado, sen prexuízo das medidas de seguimento a que se refire este protocolo, e tendo en conta o risco grave para a saúde da poboación que supón o incumprimento do illamento ou da corentena por parte de quen o teña prescrito, debe lembrarse expresamente que as persoas que teñan coñecemento de tal incumprimento deberán comunicalo ás autoridades sanitarias, de acordo co previsto no artigo 9 da Lei 33/2011, do 4 de outubro.

En atención ao exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobación do Protocolo de actuación da Consellería de Sanidade en materia de saúde pública en relación con illamentos e corentenas para a prevención e o control da infección polo SARS-CoV-2

Apróbase o Protocolo de actuación da Consellería de Sanidade en materia de saúde pública en relación con illamentos e corentenas para a prevención e o control da infección polo SARS-CoV-2, que se recolle como anexo.

Segundo. Instrucións para a tramitación dos procedementos sancionadores que se instruirán nos casos correspondentes

Apróbanse, de acordo co artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as instrucións para a tramitación dos procedementos sancionadores que se instruirán nos casos correspondentes que se recollen no anexo II, dirixidas aos órganos administrativos da Consellería de Sanidade competentes para a instrución e resolución dos indicados procedementos.

Terceiro. Deber de colaboración

Sen prexuízo das medidas de seguimento a que se refire o protocolo recollido no anexo, e tendo en conta o risco grave para a saúde da poboación que supón o incumprimento do illamento ou da corentena por parte de quen o teña prescrito, as persoas que teñan coñecemento de tal incumprimento deberán comunicalo ás autoridades sanitarias, de acordo co previsto no artigo 9 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, mediante chamada telefónica ao número 900 400 116.

Cuarto. Denuncia

As forzas e corpos de Seguridade Cidadá (policía local, autonómica, nacional ou Garda Civil), os profesionais sanitarios e o persoal que desenvolvan ou teñan asignadas tarefas de inspección do Servizo Galego de Saúde ou da Consellería de Sanidade, no caso de detectar o incumprimento dos deberes de illamento ou corentena individual, trasladarán o correspondente informe ou denuncia á xefatura territorial correspondente para os efectos do inicio do correspondente procedemento sancionador.

Quinto. Eficacia

A presente orde terá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Será obxecto de revisión e adaptación continua atendendo á evolución da situación sanitaria, co fin de garantir a súa adecuación ás obrigas ou recomendacións sanitarias existentes en cada momento.

A persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para o desenvolvemento e a aplicación deste protocolo, así como as medidas complementarias que sexan precisas de acordo coas circunstancias.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Protocolo de actuación da Consellería de Sanidade en materia de saúde pública en relación con illamentos e corentenas para a prevención e o control da infección polo SARS-CoV-2

I. Medidas en relación con persoas con síntomas compatibles ou con diagnóstico confirmado de infección por SARS-CoV-2

1. Con motivo da atención sanitaria, presencial ou telefónica, a persoas con síntomas compatibles coa infección por SARS-CoV-2, sen diagnóstico confirmado, así como a persoas con diagnóstico confirmado da dita infección que, polo seu estado de saúde, non deban permanecer hospitalizadas, ademais das medidas hixiénico-terapéuticas que procedan, indicarase ás ditas persoas a medida de illamento no seu domicilio, ou en lugar adecuado para isto, ata transcorridos tres días desde a resolución da febre e do cadro clínico cun mínimo de 10 días desde o inicio dos síntomas, ou ata o momento que determine o protocolo correspondente segundo as evidencias científicas. O indicado entenderase sen prexuízo da realización a todo caso sospeitoso de COVID-19 dunha proba diagnóstica por PCR (reacción en cadea da polimerasa) ou outra técnica de diagnóstico, tan pronto como sexa posible desde o coñecemento dos síntomas.

2. Así mesmo, serán informadas de que a dita medida está xustificada para evitar un risco grave para a saúde da poboación ao tratarse de persoas susceptibles de propagar a enfermidade, atendidos o grao e a forma de transmisibilidade desta, de que se efectuará un seguimento do seu cumprimento e das posibles infraccións e sancións en que poden incorrer de non cumpriren coas especificacións sanitarias indicadas para previr a propagación da infección.

3. O profesional sanitario do Servizo Galego de Saúde que se poña en contacto co caso COVID-19 para informalo do resultado e darlle as indicacións de illamento establecidas deberá rexistrar expresamente na historia clínica do paciente este aspecto.

II. Deber de identificación dos contactos

1. Cando unha persoa sexa diagnosticada de infección polo SARS-CoV-2, procederase de maneira inmediata á identificación dos seus contactos estreitos.

2. A persoa afectada ten o deber de dar toda a información pertinente que se lle requira ao respecto, e deberáselle lembrar, en caso necesario, que a negativa a subministrar datos, facilitar información ou prestar colaboración ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes no desenvolvemento dos labores de inspección ou control sanitarios e investigacións epidemiolóxicas de abrochos ou situacións de especial risco para a saúde da poboación constitúe unha infracción grave de acordo co artigo 42.d) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

3. Os establecementos, medios de transporte ou calquera outro lugar, centro ou entidade pública ou privada en que as autoridades sanitarias identifiquen a necesidade de realizar rastrexabilidade de contactos terán a obriga de facilitar ás autoridades sanitarias a información de que dispoñan ou que lles sexa solicitada relativa á identificación e datos de contacto das persoas potencialmente afectadas, de acordo co establecido no artigo 26 do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19.

III. Medidas en relación cos contactos estreitos

1. Unha vez identificados os contactos estreitos, a Central de Seguimento de Contactos ou calquera outro axente de saúde pública que teña encomendadas estas funcións daralles a estes, ademais doutras recomendacións hixiénico-terapéuticas que procedan, a indicación expresa da necesidade de realizar unha corentena domiciliaria durante 14 días contados desde a data do último contacto coa persoa diagnosticada de que sexan contacto estreito.

2. Xunto a esta indicación expresa, a persoa que sexa contacto estreito deberá ser informada de que a indicación de corentena domiciliaria está xustificada para evitar un risco grave para a saúde da poboación, ao ser unha persoa que, se tivese adquirido a infección, é susceptible de propagar a enfermidade, atendidos o grao e a forma de transmisibilidade desta, e de que se efectuará un seguimento do seu cumprimento.

3. A Central de Seguimento de Contactos, sen prexuízo do rexistro expreso da formulación da indicación de corentena na aplicación informática correspondente, nas chamadas que se realicen aos contactos estreitos localizados, unha vez comprobada a identificación da persoa con que se contacta, informaraos da gravación da chamada e da necesidade de seguir as condicións de corentena e das posibles infraccións e sancións en que poden incorrer de non cumprir coas especificacións sanitarias indicadas para previr a propagación da infección. Así mesmo, os axentes de saúde pública que teñan encomendadas estas funcións deixarán constancia documental das indicacións de corentena que realicen.

IV. Medidas no caso de falta de cumprimento voluntario do illamento ou da corentena

1. A falta de cumprimento voluntario do illamento ou da corentena nos termos indicados, respectivamente, nos puntos anteriores, supón, dada a transmisibilidade da infección anteriormente exposta, un risco para a saúde de terceiras persoas á vez que dificulta o control da propagación da enfermidade.

En consecuencia, tal comportamento poderá levar consigo a adopción, coas necesarias garantías de proporcionalidade, limitación temporal e intervención xudicial, da medida de illamento forzoso ou de corentena forzosa como medida necesaria para o control das persoas que, ben polo seu estado de saúde (enfermo con diagnóstico confirmado) ou ben polas súas circunstancias persoais (persoas con presenza de síntomas compatibles coa infección por SARS-CoV-2 que se negan a someterse ás probas para a posible confirmación de diagnóstico ou persoas que son contacto estreito dunha persoa con diagnóstico confirmado), son susceptibles de propagar a enfermidade. O indicado entenderase sen prexuízo de que, no caso de que a persoa se negue a someterse ás probas para a confirmación de diagnóstico, poida valorarse atendendo ás circunstancias a adopción de medidas de realización forzosa das probas, logo de autorización xudicial.

En particular, poderá tamén valorarse a adopción das medidas de illamento ou corentena forzosa nos supostos en que, polas circunstancias concorrentes, poida concluírse razoadamente que existen elementos que poñen de manifesto a vontade do/a paciente de non cumprir a medida de illamento ou corentena, ou existe un alto risco de incumprimento, como nos casos de incumprimentos previos, falta total de colaboración, resistencia ou obstrución, coacción, ameaza, desacato ou calquera outra forma de presión sobre as autoridades sanitarias ou os seus axentes, ou sobre os profesionais ou as profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, no exercicio das súas funcións.

2. O anterior enténdese sen prexuízo da aplicación, á persoa incumpridora do illamento ou da corentena, do correspondente réxime sancionador, en atención ao risco sanitario creado co seu comportamento.

3. En concreto, o modo de proceder nestes casos para a adopción da medida de illamento ou de corentena forzosa será o seguinte:

a) Persoas con síntomas compatibles ou con diagnóstico confirmado de infección polo SARS-CoV-2.

Cando se constate a falta de cumprimento voluntario, por parte dun/dunha paciente con diagnóstico de infección activa polo SARS-CoV-2 ou dun/dunha paciente con alta sospeita de infección activa polo SARS-CoV-2 que se nega a realizar as probas diagnósticas indicadas para confirmar a existencia de infección, da medida de illamento que teña indicada, o/a profesional responsable elevará sen demora á persoa que desempeñe a xefatura do servizo ou á persoa responsable da unidade un informe en que consten os motivos médicos polos que o/a paciente se considera altamente sospeitoso de ter unha infección activa polo SARS-CoV-2, así como a súa negativa a realizar as probas complementarias pertinentes (incluíndo a data desde a cal se considera caso sospeitoso) ou ben que o/a paciente cumpre a definición de caso de infección activa polo SARS-CoV-2 (incluíndo a data de diagnóstico) e que persiste a contaxiosidade no momento actual, segundo proceda, así como, tanto nun como noutro caso, os elementos que poñen de manifesto a vontade do/a paciente de non cumprir a medida de illamento.

O/a xefe/a de servizo ou responsable da unidade comunicarao inmediatamente, xunto co informe do/a facultativo/a, á dirección da área sanitaria correspondente, a cal, á vista do dito informe, elaborará, de ser o caso, a proposta de adopción da medida de illamento forzoso.

Tamén poderá realizar proposta de adopción da medida de illamento forzoso a xefatura territorial da Consellería de Sanidade correspondente cando se teña coñecemento da falta de cumprimento voluntario da medida de illamento, a través dos servizos de epidemioloxía correspondentes, de comunicación da Central de Seguimento de Contactos ou calquera outro axente de saúde pública, por denuncia, ou por calquera outro procedemento.

Na proposta de adopción da medida de illamento forzoso deberá recollerse a debida motivación tanto da necesidade da medida como da súa proporcionalidade e das condicións de lugar e tempo en que deberá desenvolverse, e deberanse ter en conta, necesariamente, os seguintes criterios:

a) Que o/a paciente supón un risco grave para a saúde da poboación por ser susceptible de propagar a infección por SARS-CoV-2.

b) Que a medida de illamento é imprescindible para a preservación da saúde pública fronte ao risco sanitario indicado e que é a única que permitirá evitar tal risco, sen que este fin poida acadarse con medidas menos restritivas para os dereitos do/a paciente.

c) Preferencia, sempre que sexa posible, da medida de illamento no propio domicilio.

d) De non darse as condicións adecuadas para o illamento no domicilio, motivar este aspecto e determinar o lugar en que se propón o cumprimento da medida de illamento e as razóns que xustifican tal determinación.

e) Limitación da medida ao tempo estritamente necesario para facer fronte ao risco sanitario que representa o/a paciente.

Ademais, a dita proposta deberá pronunciarse sobre se pode solicitarse, previamente á eficacia e á execución da medida a autorización xudicial ou se, por razóns de urxencia que exixen unha actuación inmediata, a medida deberá adoptarse e executarse sen demora e someterse a posterior ratificación xudicial.

A proposta remitirase á Dirección Xeral de Saúde Pública (Consellería de Sanidade), a través do seguinte enderezo electrónico: saude.publica@sergas.es e, en caso de que a remisión se realice en festivo ou en fin de semana, ademais da remisión ao enderezo indicado, deberá darse aviso de tal remisión ao SAEG (teléfono móbil: 649 829 090).

A persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública estudará e avaliará a proposta e, no caso de que á vista dela e dos restantes elementos concorrentes considere necesaria e proporcionada a medida de illamento forzoso, ditará resolución motivada en que, tras os antecedentes de feito e os fundamentos de dereito, se acordará a medida de illamento forzoso e se fixarán as condicións do seu desenvolvemento, singularmente, o lugar (con preferencia, sempre que se dean as condicións necesarias, de illamento domiciliario), a duración da medida (que deberá ser polo tempo estritamente necesario para facer fronte ao risco sanitario que representa a persoa) , os medios e a forma de seguimento do seu cumprimento (incluída, se procede, a necesidade de solicitar a colaboración dos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado), os órganos e as persoas a que se comunicará a resolución, así como a necesidade de solicitar autorización ou ratificación xudicial.

En relación con este último aspecto, no caso en que, malia a necesidade e a urxencia da medida, esta poida ser sometida, con carácter previo á súa eficacia e execución, a autorización xudicial, da resolución darase traslado á Asesoría Xurídica Xeral para os efectos de solicitar a correspondente autorización xudicial. Unha vez autorizada xudicialmente a medida, a resolución notificarase ao/á paciente e comunicarase á dirección da área sanitaria e á xefatura territorial da Consellería de Sanidade correspondente, sen prexuízo das disposicións que, en materia desta notificación, acorde o órgano xudicial que autorizou a medida.

Entenderase, para estes efectos, que procede a solicitude de autorización xudicial da medida, previamente á súa eficacia e execución, cando, malia a súa necesidade e urxencia, poida esperarse a execución desta, sen incremento do risco para a saúde pública, ata un prazo de 72 horas.

De concorreren, en cambio, razóns de urxencia que exixan unha actuación inmediata, o que deberá xustificarse na resolución, a medida producirá efectos e executarase sen demora, unha vez comunicada á dirección da área sanitaria, e deberá ser notificada ao paciente no momento da súa execución, sen prexuízo do seu sometemento a ratificación xudicial. Para os efectos da necesaria ratificación xudicial, darase traslado inmediato da resolución á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

As resolucións de adopción da medida de illamento forzoso serán tamén comunicadas á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

Ademais, no caso de ser necesario, solicitarase, polas canles oportunas, o auxilio dos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado para facer efectiva a medida sanitaria adoptada, sen prexuízo, de ser o caso, das disposicións que para o cumprimento da medida dispuxese o órgano xudicial na resolución pola que procede á autorización ou ratificación da medida.

O equipo responsable do/a paciente supervisará todo o proceso e comunicaralle calquera incidencia inmediatamente á Dirección Xeral de Saúde Pública, así como a conveniencia de levar a cabo un cambio de medidas.

Como consecuencia do seguimento do/a paciente, a persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública poderá acordar, motivadamente, o levantamento da medida de illamento forzoso con carácter previo á duración inicialmente prevista, cando a dita medida deixe de ser necesaria e proporcionada ao non existir o risco sanitario que a motivou. A resolución notificarase ao/á paciente, comunicarase á dirección de área sanitaria e tamén se dará traslado dela á Asesoría Xurídica Xeral para a súa comunicación ao xulgado que tivese autorizado ou ratificado a medida de illamento forzoso obxecto de levantamento ou ao xulgado do contencioso-administrativo que, de ser o caso, fose competente.

O anterior enténdese sen prexuízo, igualmente, de todas as comunicacións que proceda realizar ao xulgado por razón da evolución da persoa sometida á medida de illamento ou das que o órgano xudicial acordase na súa resolución.

As resolucións da persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública, de adopción da medida de illamento forzoso e de levantamento da dita medida non esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da correspondente resolución, de conformidade co disposto no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Persoas que sexan contactos estreitos.

Cando se constate a falta de cumprimento voluntario, por parte dunha persoa que sexa contacto estreito, da medida de corentena que tivese prescrita, o/a profesional responsable elevará sen demora á persoa que desempeñe a xefatura do servizo ou á persoa responsable da unidade un informe en que consten os motivos médicos polos que a dita persoa debe permanecer en corentena por ser un contacto estreito que pode ser susceptible de propagar a infección SARS-CoV-2, así como os elementos que poñen de manifesto a vontade da dita persoa de non cumprir a medida de corentena.

O/a xefe/a de servizo ou responsable da unidade comunicarao inmediatamente, xunto co informe do/a facultativo/a, á dirección da área sanitaria correspondente, a cal, á vista do dito informe, elaborará, de ser o caso, a proposta de adopción da medida de corentena forzosa.

Tamén poderá realizar proposta de adopción da medida de corentena forzosa a xefatura territorial da Consellería de Sanidade correspondente cando se teña coñecemento da falta de cumprimento voluntario da medida de corentena por parte dunha persoa que sexa contacto estreito, a través dos servizos de epidemioloxía correspondentes, de comunicación da Central de Seguimento de Contactos ou calquera outro axente de saúde pública, por denuncia, ou por calquera outro procedemento.

Na proposta de adopción da medida de corentena forzosa deberá recollerse a debida motivación tanto da necesidade da medida como da súa proporcionalidade e das condicións de lugar e tempo en que deberá desenvolverse, e deberanse ter en conta, necesariamente, os seguintes criterios:

a) Que a persoa supoña un risco grave para a saúde da poboación por ser susceptible de propagar a infección por SARS-CoV-2.

b) Que a medida de corentena é imprescindible para a preservación da saúde pública fronte ao risco sanitario indicado e que é a única que permitirá evitar tal risco, sen que este fin poida acadarse con medidas menos restritivas para os dereitos da persoa.

c) Preferencia, sempre que sexa posible, da medida de corentena no propio domicilio.

d) De non darse as condicións adecuadas para a corentena no domicilio, motivar este aspecto e determinar o lugar en que se propón o cumprimento da medida de corentena e as razóns que xustifican tal determinación.

e) Limitación da medida ao tempo estritamente necesario para facer fronte ao risco sanitario que representa o/a paciente.

Ademais, a dita proposta deberá pronunciarse sobre se pode solicitarse, previamente á eficacia e á execución da medida a autorización xudicial ou se, por razóns de urxencia que exixen unha actuación inmediata, a medida deberá adoptarse e executarse sen demora e someterse a posterior ratificación xudicial.

A proposta remitirase á Dirección Xeral de Saúde Pública (Consellería de Sanidade), a través do seguinte enderezo electrónico: saude.publica@sergas.es e, en caso de que a remisión se realice en festivo ou en fin de semana, ademais deberá darse aviso de tal remisión ao SAEG (teléfono móbil: 649 829 090).

A persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública estudará e avaliará a proposta e, no caso de que á vista dela e dos restantes elementos concorrentes considere necesaria e proporcionada a medida de corentena forzosa, ditará resolución motivada en que, tras os antecedentes de feito e os fundamentos de dereito, se acordará a medida de corentena forzosa e se fixarán as condicións do seu desenvolvemento, singularmente, o lugar (con preferencia, sempre que se dean as condicións necesarias, de corentena domiciliaria), a duración da medida, os medios e a forma de seguimento do seu cumprimento (incluída, se procede, a necesidade de solicitar a colaboración dos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado), os órganos e as persoas ás cales se comunicará a resolución, así como a necesidade de solicitar autorización ou ratificación xudicial.

En relación con este último aspecto, no caso no que, malia a necesidade e a urxencia da medida, esta poida ser sometida, con carácter previo á súa eficacia e execución, a autorización xudicial, da resolución darase traslado á Asesoría Xurídica Xeral para os efectos de solicitar a correspondente autorización xudicial.

Entenderase, para estes efectos, que procede a solicitude de autorización xudicial da medida, previamente á súa eficacia e execución, cando malia a súa necesidade e urxencia, poida esperarse a execución desta, sen incremento do risco para a saúde pública, ata un prazo de 72 horas.

Unha vez autorizada xudicialmente a medida, a resolución notificarase ao contacto estreito do caso e comunicarase á dirección da área sanitaria e á xefatura territorial da Consellería de Sanidade correspondente, sen prexuízo das disposicións que, en materia desta notificación, acorde o órgano xudicial que autorizou a medida.

De concorreren, en cambio, razóns de urxencia que exixan unha actuación inmediata, o que deberá xustificarse na resolución, a medida producirá efectos e executarase sen demora, unha vez comunicada á dirección da área sanitaria, e deberá ser notificada ao paciente no momento da súa execución, sen prexuízo do seu sometemento a ratificación xudicial. Para os efectos da necesaria ratificación xudicial, darase traslado inmediato da resolución á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

As resolucións de adopción da medida de corentena forzosa serán tamén comunicadas á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

Ademais, no caso de ser necesario, solicitarase, polas canles oportunas, o auxilio dos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado para facer efectiva a medida sanitaria adoptada sen prexuízo, de ser o caso, das disposicións que para o cumprimento da medida dispuxese o órgano xudicial na resolución pola que procede á autorización ou ratificación da medida.

O equipo responsable supervisará todo o proceso e comunicaralle calquera incidencia inmediatamente á Dirección Xeral de Saúde Pública, así como a conveniencia de levar a cabo un cambio de medidas.

Como consecuencia do seguimento, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública poderá acordar, motivadamente, o levantamento da medida de corentena forzosa con carácter previo á duración inicialmente prevista, cando a dita medida deixe de ser necesaria e proporcionada ao non existir o risco sanitario que a motivou. A resolución notificarase á persoa afectada, comunicarase á dirección de área sanitaria e tamén se dará notificación dela á Asesoría Xurídica Xeral para a súa comunicación ao xulgado que autorizase ou ratificase a medida de illamento forzoso obxecto de levantamento ou ao xulgado do contencioso-administrativo que, de ser o caso, sexa competente.

O anterior enténdese sen prexuízo, igualmente, de todas as comunicacións que proceda realizar ao xulgado por razón da evolución da persoa sometida a medida de illamento ou das que o órgano xudicial acordase na súa resolución.

As resolucións da persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública, de adopción da medida de corentena forzosa e de levantamento da dita medida, non esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da correspondente resolución, de conformidade co disposto no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ANEXO II

Instrucións para a tramitación dos procedementos sancionadores que se instruirán como consecuencia do incumprimento das normas de illamento e corentena e de colaboración coas autoridades sanitarias na investigación epidemiolóxica

I. Obxecto

O obxecto das presentes instrucións é establecer uns criterios homoxéneos na tramitación dos procedementos sancionadores que se instruirán como consecuencia do incumprimento das normas de illamento e corentena e de colaboración coas autoridades sanitarias na investigación epidemiolóxica dos casos.

II. Destinatarios

De acordo co artigo 6, Instrucións e ordes de servizo, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as presentes instrucións van dirixidas aos órganos administrativos desta Consellería de Sanidade competentes para a instrución e resolución dos procedementos sancionadores.

III. Obriga ou deber de cumprimento individual

Consonte a normativa sanitaria vixente e as medidas de prevención aprobadas, e co fin de protexer a saúde e seguridade dos cidadáns, así como conter a progresión da enfermidade, existe un deber de cumprimento individual das directrices e requirimentos de illamento e corentena establecidos polas autoridades sanitarias para os casos do COVID-19 e os seus contactos estreitos.

IV. Tipificación do incumprimento das obrigas de corentena e illamento.

1. Segundo cada caso, atendendo aos criterios de risco para a saúde, ao grao de intencionalidade, á gravidade da alteración sanitaria e social producida, á xeneralización da infracción e á reincidencia, e independentemente do cadro de infraccións leves relacionadas na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, o incumprimento das obrigas de corentena e illamento que sexan establecidas considerarase incluído, con carácter xeral, nos supostos tipificados como infraccións graves no artigo 42.c) e e) da lei, que tipifica:

42.c) O incumprimento dos requirimentos específicos e das medidas cautelares ou definitivas que formulen as autoridades sanitarias, sempre e cando se produzan por primeira vez e non concorran dano grave para a saúde das persoas e

42.e) (...) Calquera outro comportamento que supoña imprudencia grave, sempre e cando ocasionen alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade. E o mesmo incumprimento e comportamento cando, cometidos por neglixencia simple, produzan risco ou alteración sanitaria grave.

2. Non obstante o anterior, o incumprimento das obrigas de corentena e illamento establecidas poderíanse tipificar como infraccións moi graves, de conformidade co previsto no artigo 43.c) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, cando se aprecie un incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, das obrigas ou das prohibicións establecidas na normativa sanitaria, ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave.

3. Estas infraccións serán sancionadas gardando a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, e establecerase unha gradación desta de mínimo, medio e máximo para o nivel de cualificación establecido, en función do incumprimento das advertencias previas, o número de persoas afectadas, os prexuízos causados e a permanencia e transitoriedade dos riscos, entre outros.

V. Tipificación do incumprimento da obriga de colaboración coas autoridades sanitarias na investigación epidemiolóxica de casos COVID-19

A falta de colaboración coas autoridades sanitarias na investigación e busca de contactos en casos de COVID-19 será tipificada como infracción grave de acordo co previsto no artigo 42.d) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que tipifica:

Artigo 42.d) A negativa a subministrar datos, facilitar información ou prestar colaboración ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes no desenvolvemento dos labores de inspección ou control sanitarios e investigacións epidemiolóxicas de brotes ou situacións de especial risco para a saúde da poboación.

En particular, considerarase falta de colaboración a negativa a identificar contactos e a subministración de datos incorrectos ou inveraces.

Poderá apreciarse a falta de colaboración nos supostos que polas circunstancias concorrentes poida concluírse, razoadamente, que existen elementos probatorios que poñen de manifesto a ocultación de datos, a resistencia ou a obstrución.

Valorarase en cada caso a concorrencia das circunstancias de risco para a saúde, do grao de intencionalidade, a gravidade da alteración sanitaria e social producida, a xeneralización da infracción e a reincidencia, e poderase chegar a cualificar a conduta como moi grave.

VI. Sancións

1. As infraccións serán obxecto, logo da incoación e tramitación do oportuno expediente, das sancións administrativas establecidas no artigo 44 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, sen prexuízo da responsabilidade civil, penal ou doutra orde que puidese concorrer.

2. Estas infraccións serán sancionadas gardando a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, establecéndose no artigo 44 da Lei 8/2008 unha gradación desta de mínimo, medio e máximo para o nivel de cualificación establecido, en función do incumprimento das advertencias previas, o número de persoas afectadas, o carácter vulnerable destas, os prexuízos causados, a permanencia e transitoriedade dos riscos, entre outros.

Así mesmo, debe terse en conta que o artigo 40 da Lei 8/2008 menciona tamén como circunstancias agravantes o risco para a saúde, a contía do eventual beneficio obtido, o grao de intencionalidade, a gravidade da alteración sanitaria e social producida, a xeneralización da infracción e a reincidencia.

Así mesmo, debe terse en conta que serán aplicables os criterios establecidos no artigo 29.3 da Lei 40/2015, que establece que:

«3. Na determinación normativa do réxime sancionador, así como na imposición de sancións polas administracións públicas deberase observar a debida idoneidade e necesidade da sanción para impoñer e a súa adecuación á gravidade do feito constitutivo da infracción. A gradación da sanción considerará, especialmente, os seguintes criterios:

a) O grao de culpabilidade ou a existencia de intencionalidade.

b) A continuidade ou persistencia na conduta infractora.

c) A natureza dos prexuízos causados.

d) A reincidencia, por comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme en vía administrativa».

Para os efectos de establecer criterios homoxéneos, establécense as seguintes directrices orientadoras das propostas de resolución en canto ás contías, sen prexuízo do criterio de cada instrutor para valorar cada caso concreto e adaptar sempre a sanción ás singularidades do caso:

a) Incumprimento da obriga de corentena:

a.1. Incumprimento da obriga de corentena

No caso do incumprimento simple da obriga de corentena, tendo en conta a tipificación como infracción grave, e se non concorren outras circunstancias agravantes, proporase a sanción no seu grao mínimo, polo que a súa contía será de 3.005,07 a 6.010,12 euros, valorando as circunstancias de cada caso.

No caso do incumprimento da obriga de corentena, tendo en conta a tipificación como infracción grave e, ademais, que concorran outras circunstancias agravantes, proporase a sanción no seu grao medio ou máximo, valorando as circunstancias concorrentes, polo que a súa contía será de 6.010,13 a 10.517,71 euros, no caso do grao medio, e de 10.517,72 a 15.025,30 euros, no caso do grao máximo.

En particular, considerarase a circunstancia agravante de «grave alteración sanitaria e social», entre outros, nos casos en que a persoa rompa a corentena para acudir a eventos sociais multitudinarios, festas ou celebracións, establecementos abertos ao público, ou a realización doutras actividades que impliquen a existencia de aglomeracións de persoas. Así mesmo, considerarase como circunstancia agravante, en especial, o contacto estreito con persoas de carácter vulnerable á enfermidade. Tamén se considerará a existencia desta agravante nos casos en que a conduta de incumprimento da corentena non sexa illada, senón que sexa repetida.

a.2. Incumprimento da obriga de corentena no caso de resultar finalmente a persoa positiva

No caso do que a persoa que incumpre a corentena fose finalmente nese momento positiva por COVID-19, cando polas circunstancias específicas concorrentes se aprecie que non ten existido contacto estreito ou relación con outras persoas, a infracción será considerada como grave e proporase a sanción no seu grao mínimo, polo que a súa contía será de 3.005,07 a 6.010,12 euros, valorando as circunstancias concorrentes.

Noutro caso, proporase a sanción no seu grao medio ou máximo, valorando as circunstancias concorrentes e o risco e alteración sanitaria producida, polo que a súa contía será de 6.010,13 a 10.517,71 euros, no caso do grao medio, e de 10.517,72 a 15.025,30 euros, no caso do grao máximo.

No caso de que se aprecie a produción de alteración, danos ou riscos sanitarios graves, a infracción será considerada como moi grave. Nestes casos, proporase a sanción atendendo ás concretas circunstancias concorrentes, sendo o seu grao mínimo, de 15.025,31 a 120.202,42 euros, e poderase propoñer a sanción moi grave no seu grao medio, ou máximo, valorando as circunstancias do caso.

En particular, consideraranse as circunstancias agravantes de «grave alteración sanitaria e social» e de «número de persoas afectadas», entre outras, nos casos en que a persoa rompa a corentena para acudir a eventos sociais multitudinarios, festas ou celebracións, establecementos abertos ao público, ou a realización doutras actividades que impliquen a existencia de aglomeracións de persoas, especialmente cando o indicado incumprimento provoque contaxios ou corentenas doutras persoas.

Considerarase, así mesmo, a existencia desta agravante nos casos en que a conduta de incumprimento da obriga de corentena non sexa única, senón que sexa repetida.

Tamén se considerarán como circunstancias agravantes, en especial, o contacto estreito con persoas de carácter vulnerable á enfermidade e os prexuízos causados no caso de que o incumprimento da corentena teña provocado a necesidade de peche de actividades ou establecementos.

b) Incumprimento da obriga de illamento:

No caso de incumprimento da obriga de illamento, cando polas circunstancias específicas concorrentes se aprecie que non ten existido contacto estreito ou relación con outras persoas, a infracción será considerada como grave e proporase a sanción no seu grado mínimo, polo que a súa contía será de 3.005,07 a 6.010,12 euros, valorando as circunstancias concorrentes.

Noutro caso, proporase a sanción no seu grao medio ou máximo, valorando as circunstancias concorrentes e o risco e alteración sanitaria producida, polo que a súa contía será de 6.010,13 a 10.517,71 euros, no caso do grao medio, e de 10.517,72 a 15.025,30 euros, no caso do grao máximo.

No caso de que se aprecie a produción de alteración, danos ou riscos sanitarios graves, a infracción será considerada como moi grave. Nestes casos, proporase a sanción atendendo ás concretas circunstancias concorrentes, sendo o seu grao mínimo, de 15.025,31 a 120.202,42 euros, e poderase propoñer a sanción moi grave no seu grao medio, ou máximo, valorando as circunstancias do caso.

En particular, consideraranse as circunstancias agravantes de «grave alteración sanitaria e social», e de «número de persoas afectadas», entre outros, nos casos en que a persoa rompa o illamento para acudir a eventos sociais multitudinarios, festas ou celebracións, establecementos abertos ao público, ou a realización doutras actividades que impliquen a existencia de aglomeracións de persoas, especialmente cando o indicado incumprimento provoque contaxios ou corentenas doutras persoas.

Considerarase, así mesmo, a existencia desta agravante nos casos en que a conduta de incumprimento da obriga de illamento non sexa única, senón que sexa repetida.

Tamén se considerará como circunstancias agravantes, en especial, o contacto estreito con persoas de carácter vulnerable á enfermidade, e os prexuízos causados no caso de que o incumprimento da obriga de illamento teña provocado a necesidade de peche de actividades ou establecementos.

c) Incumprimento da obriga de colaboración coas autoridades sanitarias na investigación epidemiolóxica de casos COVID-19.

Nos casos en que a falta de colaboración coas autoridades sanitarias na investigación e busca de contactos en casos do COVID-19 se tipifique como infracción grave de acordo co previsto no artigo 42.d) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, se non concorren outras circunstancias agravantes, proporase a sanción no seu grao mínimo, polo que a súa contía será de 3.005,07 a 6.010,12 euros.

Se se aprecian circunstancias agravantes, proporase a sanción no seu grao medio ou máximo, valorando as circunstancias concorrentes e o risco e alteración sanitaria producida, polo que a súa contía será de 6.010,13 a 10.517,71 euros, no caso do grao medio, e de 10.517,72 a 15.025,30 euros, no caso do grao máximo.

VII. Competencia para a instrución dos procedementos sancionadores

Corresponderalle ao persoal funcionario das xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade e ao persoal da Inspección de Servizos Sanitarios da Consellería de Sanidade ou da Dirección Xeral de Saúde Pública que se designe para o efecto desenvolver a instrución destes procedementos sancionadores.