Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 7 de setembro de 2020 Páx. 35201

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 1 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas (código de procedemento SI461A).

No Diario Oficial de Galicia do 15 de xuño de 2020 publicouse a Resolución do 1 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas (código de procedemento SI461A).

No artigo 2 da antedita resolución establécese que para a concesión destas axudas se destina crédito polo importe de 1.424.016 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.11.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2020.

Este crédito, segundo o establecido no devandito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas da antedita axuda e que non poden ser atendidas co crédito asignado, así como as necesidades das potenciais beneficiarias finais (mulleres vítima da violencia de xénero que serán contratadas), resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a esta axuda.

De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

No exercicio 2019, e con cargo aos fondos do Pacto de Estado, a Secretaría Xeral da Igualdade transferiu orzamento a diferentes consellerías e departamentos da Xunta de Galicia para a execución dalgunhas das medidas previstas no dito pacto que entran no seu ámbito competencial (Educación, Sanidade, Política Social, IGVS, entre outras). Dado que parte deses fondos non foron executados na súa totalidade por algún departamento, os remanentes devolvéronse á Secretaría Xeral da Igualdade que procedeu, en consecuencia, a ampliar o seu orzamento.

Por todo o exposto e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento do financiamento

1. Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión da axuda establecida na Resolución do 1 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas (código de procedemento SI461A), na contía de 485.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313D.460.1, código de proxecto 2018 00112.

Artigo 2. Prazo de solicitude

Esta ampliación non afecta os prazos establecidos na Resolución do 1 de xuño de 2020 para a presentación de solicitudes.

Disposición adicional única. Requisitos da contratación

Os requisitos, a selección e a contratación das traballadoras serán os recollidos nos artigos 7, 8 e 9 das bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 1 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG nº 116, do 15 de xuño).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2020

A secretaria xeral da Igualdade
P.D. (Resolución do 8.6.2020; DOG nº 111, do 9 de xuño)
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa