Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Mércores, 9 de setembro de 2020 Páx. 35438

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 8 de setembro de 2020 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga no ámbito do ensino convocada para os días 10 e 16 de setembro de 2020.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos e o persoal preciso para prestalos.

Diversas organizacións sindicais (CIG, CC.OO., STEG e CSIF) comunicaron a esta consellería a convocatoria dunha folga para os días 10 e 16 de setembro de 2020. O día 10 de setembro de 2020, das 00.00 ás 24.00 horas, está convocado o persoal docente e non docente dos centros educativos públicos e dos sostidos con fondos públicos de ensino non universitario de Galicia que comezan as actividades lectivas nesa data (infantil, primaria e educación especial). O día 16 de setembro de 2020, das 00.00 ás 24.00 horas, está convocado o persoal docente e non docente dos centros educativos públicos e dos sostidos con fondos públicos de ensino non universitario de Galicia que comezan as actividades lectivas nesa data (secundaria, formación profesional, idiomas e réxime especial).

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan e xustifican na presente orde.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto con esta actividade docente, realízanse outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes, así como o coidado, mantemento e vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores. Dun xeito máis específico, a Lei galega 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é unha responsabilidade ineludible e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros do/a director/a ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as alíneas a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, publicada no BOE do 4 de maio de 2006, e polo tanto están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director ou directora tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das funcións que a este tipo de persoal compete respecto do coidado e vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idade cando non corresponda.

Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación, en relación con isto cómpre afirmar que cando se asume esta responsabilidade non pode desatenderse, o que motiva que deba garantirse nos centros educativos ordinarios o mantemento do servizo de comedor.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores que, como se dixo, non pode ser paralizado, inclúe a actividade básica de coidar a integridade física e hixiene daqueles que por teren diminuídas as súas capacidades necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución) por parte dos coidadores do alumnado con necesidades educativas especiais presentes nos centros docentes ordinarios. Pola súa banda, o alumnado integrado nos centros de educación especial ten unhas necesidades de cara á súa atención aínda máis reforzadas, polo que debe haber unha presenza suficiente de persoal sanitario, persoal coidador, de comedores e de limpeza.

Os centros residenciais docentes teñen como característica propia a presenza do alumnado fóra do horario lectivo, para realizar actos da vida cotiá que o resto fai no seu domicilio particular, como estudar, durmir ou comer. Nestes centros debe quedar garantida, xa que logo, a atención suficiente para que esas actividades non poidan verse alteradas con risco ou desatención para os usuarios do servizo; trátase de garantir a hixiene, a alimentación e a seguridade.

Se o que acabamos de dicir son razóns que sosteñen a necesidade de fixar servizos mínimos ante calquera convocatoria de folga no ámbito dos centros docentes non universitarios, neste caso atopámonos, como é notorio para todos, ante unhas circunstancias extraordinarias e graves que obrigan a afastarnos dos servizos mínimos fixados en anteriores convocatorias de folga. Referímonos, como é obvio, á situación de emerxencia sanitaria en que nos atopamos como consecuencia da pandemia internacional provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 que causa o COVID-19.

O artigo 43.1 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, mentres que o número 2 dese artigo sinala que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas. Pois ben, os servizos mínimos que se deben fixar para esta convocatoria de folga deben ser tales que permitan o cumprimento efectivo das medidas preventivas fixadas polos diferentes instrumentos regulatorios aprobados polas autoridades, pois con eles non só se protexe a saúde dos usuarios do servizo público educativo senón toda a poboación en xeral, como medidas destinadas a evitar a propagación da pandemia, evitar a propagación do coronavirus SARS-CoV-2 e, con iso, a infección por COVID-19. Entre eses instrumentos regulatorios cómpre salientar a Orde comunicada do ministro de Sanidade do 27 de agosto de 2020 (publicada no DOG do 28 de agosto de 2020 como anexo á Orde da Consellería de Sanidade do 28 de agosto de 2020) e as Instrucións polas que se incorpora a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde Pública (DOG núm. 174 bis, do 28.8.2020) e a actualización das recomendacións sanitarias do Comité Clínico ao protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto do COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21 (Instrucións publicadas na páxina web corporativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional). Destes instrumentos regulatorios é mester mencionar medidas preventivas tales como a limitación dos contactos, mediante a distancia social ou mediante o mantemento de grupos de convivencia estable; medidas de prevención persoal, como a hixiene de mans, que o alumnado menor de idade ou con necesidades educativas especiais non realizará por iniciativa propia, senón que precisará o estímulo e vixilancia do persoal do centro; ou as medidas de limpeza, desinfección e ventilación do centro.

Aínda máis, a convocatoria de folga está prevista para días en que se inicia a actividade lectiva, é dicir, para o primeiro día da entrada no centro e nas aulas do alumnado logo das vacacións de verán, día, polo tanto, clave para que se implanten nos centros todas as medidas preventivas previstas, especialmente aquelas que deben ser asumidas polo alumnado, inéditas para eles, coas convenientes explicacións dos profesionais do centro educativo.

Pois ben, tendo presente o anterior, consideramos que neste contexto debe acudir a cada centro educativo, como servizos mínimos, ademais do titular da dirección ou de quen o substitúa, un profesor ou profesora por cada grupo de alumnos que teña prevista actividade lectiva nos días de folga. Consideramos isto imprescindible para o cumprimento das medidas relativas á limitación de contactos ou de hixiene persoal no alumnado e, desde logo, para instruír o alumnado no cumprimento de tales medidas. Tales funcións deben reforzarse no caso do alumnado con necesidades educativas especiais, para os cales o nivel de protección debe ser absoluto, razón que nos leva a fixar como servizos mínimos o 100 % do persoal auxiliar coidador e dos educadores.

No mesmo contexto, ademais das medidas de hixiene individual, resultan tamén imprescindibles o mantemento da limpeza, desinfección e ventilación do centro, razón pola cal resulta necesario fixar como servizos mínimos o 100 % do persoal de limpeza. Das Instrucións antes mencionadas recollemos algunhas das medidas que xustifican tales servizos mínimos:

«4. Medidas xerais de limpeza nos centros.

[...]

4.1.1. Limpeza polo menos unha vez ao día, reforzándoa naqueles espazos que o precisen en función da intensidade de uso, como no caso dos aseos, onde será de polo menos dúas veces ao día.

4.1.2. Terase especial atención nas zonas de uso común e nas superficies de contacto máis frecuentes como pomos das portas, mesas, mobles, pasamáns, teléfonos, perchas e outros elementos de similares características, así como de billas elementos das cisternas e outros dos aseos.

4.1.3. Durante a xornada lectiva unha persoa do servizo de limpeza realizará unha limpeza de superficies de uso frecuente e no caso dos aseos de, polo menos, dúas veces na xornada. En todo caso, nos aseos existirán xaboeiras ou material de desinfección para ser utilizado polos usuarios voluntariamente.

[...]

4.1.8. Deberá vixiarse a limpeza de papeleiras (todas con bolsa interior e protexidas con tapa), de xeito que queden limpas e cos materiais recollidos, co fin de evitar calquera contacto accidental».

Sendo necesario o mantemento do servizo de comedor, no dito contexto de medidas preventivas para a propagación da pandemia, entendemos necesario fixar como servizo mínimo o 100 % do persoal de comedores. Ao fío do anterior, das Instrucións citadas cómpre salientar as seguintes medidas:

«14.3. Os menús serán os utilizados habitualmente segundo a tempada. Cando sexa posible, os menús serán empratados na cociña e servidos en bandexa. No caso de existiren varios pratos secuenciais, recoméndase o uso de máscara no período entre ambos.

[...]

14.5. O persoal de cociña ten a obriga de lavar e desinfectar todo o enxoval, electrodomésticos e utensilios que se utilicen no proceso de elaboración dos menús».

Para finalizar, estando como estamos nun contexto de pandemia, resulta necesario, pola súa propia natureza, o mantemento do persoal sanitario, naqueles centros que dispoñan del, que na maior parte dos casos son centros de educación especial que acollen alumnado con maior vulnerabilidade, dadas as súas necesidades educativas e de coidado.

De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e oído o comité de folga

DISPOÑO:

Artigo 1. Centros docentes non universitarios de titularidade pública

1.1. Para o persoal que desempeña o seu traballo no ámbito público da docencia non universitaria, terán a consideración de servizos mínimos os seguintes:

• A persoa titular da dirección do centro educativo ou membro do equipo da dirección que o substitúa. Nos centros de menos de 6 unidades o/a director/a poderá ser substituído/a por un membro do equipo docente.

• Ademais dunha persoa da dirección, 1 profesor ou profesora por cada grupo de alumnos que teña actividade lectiva prevista os días da folga.

• 1 subalterno ou subalterna en cada centro escolar.

• O 100 % do persoal de cociña.

• O 100 % do persoal auxiliar coidador nos centros que dispoñan de tal categoría de persoal.

• O 100 % dos educadores nos centros que dispoñan de tal categoría de persoal.

• O 100 % do persoal de limpeza en cada centro educativo.

• O 100 % dos ATS e do persoal médico nos centros que dispoñan de tales categorías de persoal.

1.2. En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros.

1.3. A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no número 1 deste artigo será feita pola dirección do centro respectivo e publicarase no taboleiro de anuncios do centro.

Artigo 2. Centros docentes non universitarios de titularidade privada

Nos centros docentes non universitarios de titularidade privada manteranse os servizos mínimos establecidos no artigo anterior para os centros docentes de titularidade pública.

Artigo 3. Garantía dos usuarios

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade