Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Mércores, 9 de setembro de 2020 Páx. 35444

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2020, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se fixan as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2020, que foron convocadas mediante a Resolución do 6 de marzo de 2020 (código de procedemento PL500C).

Mediante a Resolución do 6 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocáronse as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2020 (código de procedemento PL500C) (DOG núm. 49, do 12 de marzo). Posteriormente, mediante a Resolución do 20 de maio de 2020, da Secretaría Xeral de Política Lingüística (DOG núm. 101, do 27 de maio), continuouse o prazo de presentación de solicitudes, que se interrompera tras a declaración do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e adiouse a realización das probas ata o mes de setembro e/ou outubro de 2020. Como recollen ambas as resolucións, as datas concretas de realización das probas serán debidamente publicitadas no DOG, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

De acordo con isto,

RESOLVO:

Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga) convocadas mediante a Resolución do 6 de marzo de 2020:

– Celga 4, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

26 de setembro de 2020, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: S, T, U, V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E e F.

27 de setembro de 2020, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q e R.

– Celga 2, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

3 de outubro de 2020, para todas as persoas admitidas.

– Celga 3, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

4 de outubro de 2020, para todas as persoas admitidas.

– Celga 1, en Santiago de Compostela:

10 de outubro de 2020, para todas as persoas admitidas.

Os centros e horarios de realización das probas, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade, poden consultarse na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias). Así mesmo, na web tamén se publicará a porta de acceso ao centro e mais a aula que lle corresponde a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás cales, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comunicaralles directamente a súa porta de acceso e aula.

Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta será posterior á proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar esta proba publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias), unha vez que remate a proba escrita.

Debido ás circunstancias excepcionais derivadas da pandemia do COVID-19, co fin de protexer a saúde propia e a dos demais, todas as persoas que se van presentar ás probas deberán respectar as seguintes medidas:

– Tanto o día previo á proba como o día da proba, deberán tomar a súa temperatura e observar se teñen síntomas respiratorios. As que presenten síntomas compatibles con COVID-19, as que fosen diagnosticadas coa enfermidade e as que estean en illamento ou corentena por contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada nos últimos 14 días non poderán acudir á proba.

– Ademais do documento de identificación persoal (DNI, NIE ou pasaporte) e dun bolígrafo, deberán ir provistas de máscara (cirúrxica ou FFP2), tapando o nariz e a boca. Recoméndase o uso de xel hidroalcohólico individual, ben que no centro haberá dispensadores de xel para a hixiene das mans.

– Manterán a distancia de seguridade de 1,5 metros.

– Presentaranse na porta de acceso correspondente entre as 8.00 e as 8.45 horas e dirixiranse á súa aula seguindo os sinais establecidos e as indicacións do persoal da organización. Non se permitirá a entrada de acompañantes nin doutras persoas alleas á proba, agás no caso daquelas que precisen asistencia.

– Respectarán todas aquelas outras medidas establecidas e publicadas na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias), co fin de garantir un desenvolvemento seguro de todo o proceso.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2020

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística