Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 15 de setembro de 2020 Páx. 36081

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación correspondentes ao primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de diversas categorías de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

Mediante a Resolución deste centro directivo do 11 de decembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 240, do 18 de decembro) publicouse o pacto subscrito pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CESM-O’MEGA, CC.OO, UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria, que se efectuará mediante unha única lista por categoría e/ou especialidade, coa opción de selección de distrito/s preferente/s.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 20 de marzo de 2019 (DOG núm. 77, do 23 de abril) iniciouse o prazo para a inscrición de aspirantes nestas listas.

A base cuarta desta resolución dispón que para a primeira xeración de listas se poderán formalizar as solicitudes desde o día seguinte ao da súa publicación ata o 30 de xuño de 2019. Os méritos computables serán os causados ata o 15 de xuño de 2019 e que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A Comisión Central de seguimento do pacto de selección temporal, en reunións que tiveron lugar en datas 8 de novembro e 20 de decembro de 2019, ao abeiro das competencias conferidas polo punto I.6.1.c) do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, adoptou diversos acordos con incidencia na xestión destas listas, publicados por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 20 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro).

Derivado de tales acordos preveuse a habilitación, con carácter previo á publicación da correspondente lista definitiva, dun prazo específico para que os/as aspirantes interesados/as poidan modificar a selección de distritos efectuada na súa inscrición.

De conformidade co que antecede, esta dirección xeral, ao abeiro das competencias conferidas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e o artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020, de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (DOG núm. 82, do 29 de abril de 2020),

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación correspondentes ao primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de diversas categorías de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia, nos termos do punto cuarto da Resolución do 20 de marzo de 2019 (DOG núm. 77, do 23 de abril).

Segundo. Conceder un prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación desta resolución, para que os/as aspirantes inscritos/as, que así o desexen, poidan modificar a selección de distritos sanitarios efectuada na súa inscrición.

A modificación deberá efectuarse a través de Fides/expedient-e, accedendo ao formulario de inscrición, que constará editable desde o día seguinte ao desta publicación.

Terceiro. As listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as coa asignación aos primeiros da puntuación e a orde de prelación provisionais acadadas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Contra a resolución provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A aceptación ou rexeitamento das reclamacións presentadas entenderanse implícitos na resolución desta dirección, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas acadadas polas persoas aspirantes.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2020

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos