Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 15 de setembro de 2020 Páx. 36075

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2020 pola que se convoca a xornada Protección de datos a partir da pandemia COVID-19.

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2020, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar a xornada Protección de datos a partir da pandemia COVID-19, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O obxectivo principal desta xornada é tomar coñecemento das últimas novidades na aplicación da normativa de protección de datos a partir da emerxencia sanitaria derivada da pandemia COVID-19 e analizar o impacto das medidas adoptadas sobre os dereitos recollidos na dita normativa.

2. Contidos.

Nesta xornada trataranse os seguintes contidos:

1. Dereitos fundamentais e dereito á privacidade no novo contexto a partir da COVID-19.

2. Análise xurídica do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas respecto ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (RXPD-GDPR).

a) Conceptos básicos.

b) Os principios da protección de datos.

c) Dereitos dos/das interesados/as. En especial, o «dereito ao esquecemento» e o dereito á portabilidade de datos.

d) O Privacy by design.

e) Medidas de seguridade e obriga de notificación do Data breach.

f) Avaliación de impacto en protección de datos e consulta previa.

g) O delegado de protección de datos.

h) Sancións, responsabilidade e recursos.

3. Referencias á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD).

4. Resolución de consultas frecuentes:

a) Realización de tests da COVID-19 aos/ás traballadores/as.

b) Toma de temperatura en accesos.

c) Uso de cámaras térmicas.

d) Identificación por recoñecemento facial.

e) Uso de apps de rastrexo de localización e/ou contactos.

f) Dereito á desconexión dixital a partir da pandemia.

5. Atención de dúbidas e preguntas.

3. Persoas destinatarias.

A xornada está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus entes instrumentais.

4. Desenvolvemento.

Data: martes, 29 de setembro de 2020.

Horario: das 11.30 ás 14.00 horas.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Duración: 2,5 horas lectivas.

Para o desenvolvemento da clase de xeito presencial garantirase o cumprimento das medidas de seguridade e hixiene establecidas na normativa vixente para a prevención da COVID-19. No caso de que as circunstancias sanitarias impedisen desenvolver esta sesión de forma presencial, utilizaríanse outras plataformas ou ferramentas que permitisen impartir os contidos de forma virtual.

5. Número de prazas: 60.

6. Inscrición.

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 21 de setembro de 2020.

3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

1. Para tramitar o procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenza, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

9. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado.

Na epígrafe desta xornada da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto na epígrafe segunda, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como mínimo tres días antes do comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública