Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 21 de setembro de 2020 Páx. 36684

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 18 de setembro de 2020 pola que se crea o Comité Educativo de Persoas Expertas para afrontar a emerxencia sanitaria derivada da pandemia.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Por outra banda, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde adoptou o día 27 de agosto, en coordinación coa Conferencia Sectorial de Educación, un acordo sobre a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte ao COVID-19 para centros educativos durante o curso 2020/21. Do mesmo xeito, foron declaradas polo Ministerio de Sanidade, o mesmo día, como actuación coordinada en saúde pública para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19, de acordo co establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, unha serie de medidas e recomendacións relativas a estes centros educativos para o curso 2020/21.

Esta declaración de actuacións coordinadas vén referida a un ámbito material no cal a Administración xeral do Estado ten atribuídas funcións de coordinación xeral da sanidade, de acordo coa orde constitucional de distribución de competencias, e inclúe todas as comunidades autónomas e cidades autónomas de Ceuta e Melilla para os efectos previstos no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde.

Cabe destacar que, de acordo co número 2 do artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, as medidas contidas na declaración de actuacións coordinadas polo Ministerio de Sanidade resultan de obrigado cumprimento, polo que se debe proceder á adaptación das medidas autonómicas.

No Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, no cal se adoptaron medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, xa se incorporaron unha serie de medidas relativas a centros docentes, entre as cales se atopaba a elaboración e aprobación, por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, dun protocolo de prevención e organización do regreso á actividade lectiva, onde se recollían as recomendacións sanitarias aprobadas ata o momento. Este protocolo, elaborado polo grupo de traballo constituído para tal fin e consensuado no seo da Comisión clínica para a xestión da crise sanitaria do COVID-19, xa incorporaba a práctica totalidade das medidas recollidas no referido acordo do Consello Interterritorial de Saúde, pero, en calquera caso, considérase necesario dispoñer formalmente a necesaria adaptación do protocolo ás medidas recollidas na orde comunicada.

Con tal motivo publícase a Orde do 28 de agosto de 2020, pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e disponse a publicación da orde comunicada do ministro de Sanidade, do 27 de agosto de 2020, mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte ao COVID-19 para centros educativos durante o curso 2020/21.

Porén, as medidas previstas baséanse na mellor evidencia científica dispoñible e naqueles coñecementos psicopedagóxicos e de organización escolar que poidan ser relevantes na situación, pero a súa capacidade para dar resposta ás situacións e casuísticas que, necesariamente, xorden nos centros educativos derivados do seu normal funcionamento nunha situación excepcional, precisa dunha avaliación e proposta de axuste constante.

É necesario que os retos e demandas da adaptación do sistema educativo a esta situación de pandemia derivada do COVID-19 sexa abordada con rigor científico e de xeito colexiado desde ópticas educativas complementarias e coordinadamente co traballo doutros comités científicos e autoridades sanitarias competentes.

De acordo ao anterior, mediante a presente orde,

RESOLVO:

Artigo 1. Creación e adscrición do Comité Educativo de Persoas Expertas para afrontar a emerxencia sanitaria derivada da pandemia á Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Créase o Comité Educativo de Persoas Expertas para afrontar a emerxencia sanitaria derivada da pandemia adscrito á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, como un órgano colexiado dos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Composición

1. O Comité Educativo de Persoas Expertas para afrontar a emerxencia sanitaria derivada da pandemia (en diante, Comité Educativo de Persoas Expertas) estará composto:

– Pola persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidades, que o presidirá.

– Por unha persoa representante da Secretaría Xeral Técnica.

– Por unha persoa representante da Inspección educativa.

– Por unha persoa representante da dirección xeral competente en materia de persoal.

– Por unha persoa representante da unidade responsable en materia de servizos educativos complementarios.

– Por unha persoa representante de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

– Por unha persoa representante de cada unidade responsable en materia de ordenación académica e programas educativos.

– Por unha persoa representante da unidade administrativa competente en materia protección de datos da consellería.

– Por unha persoa representante da Rede de Formación Permanente do Profesorado.

– Por unha persoa representante da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) competente na área educativa.

– Por nove persoas directoras de centros educativos e, se é o caso, outros membros de equipos directivos, representativos das diferentes tipoloxías de centros.

– Por unha persoa representante dos departamentos de Orientación Escolar.

– Por unha persoa representante dos equipos de orientación específicos.

– Por unha persoa especialista no ámbito da psicoloxía educativa.

– Por catro persoas coa condición de persoal sanitario especializado.

– Por unha persoa representante da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

– Por dous docentes especialistas en prácticas de innovación educativa e/ou materia de educación virtual e uso de recursos dixitais.

– Por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito da educación.

O Comité Educativo de Persoas Expertas poderá contar con representantes doutras instancias relevantes cando se analicen propostas que afecten os seus ámbitos sectoriais.

Exercerá as funcións da secretaría do órgano, sen voz e sen voto, unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral Técnica da consellería designada pola Presidencia do comité.

2. As persoas integrantes do Comité Educativo de Persoas Expertas serán nomeadas e cesadas pola persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Artigo 3. Ámbito de actuación

O Comité Educativo de Persoas Expertas terá como ámbito de actuación os aspectos relativos á adaptación do sistema educativo á situación de pandemia derivada do COVID-19, co fin de que sexa abordada con rigor científico e de xeito colexiado desde ópticas educativas complementarias e coordinadamente co traballo doutros comités científicos e autoridades sanitarias competentes.

Artigo 4. Funcións

O Comité Educativo de Persoas Expertas terá as seguintes funcións dentro do seu ámbito de actuación:

– Identificar e asesorar, desde a mellor evidencia científica dispoñible, medidas organizativas e de xestión educativa que favorezan o ensino inclusivo e de calidade nos distintos escenarios epidemiolóxicos posibles.

– Promover a redacción de informes, relatorios e estudos que acheguen bases científicas sólidas para a mellora continua e adaptación ás circunstancias emerxentes da resposta educativa no marco da emerxencia sanitaria polo COVID-19, tanto a curto como a medio e longo prazo.

– Propor e avaliar medidas educativas, organizativas e de xestión que favorezan a mellor resposta posible desde criterios de inclusión, equidade e calidade, tendo en conta as particularidades e especificidades dos diferentes centros educativos.

O Comité, no exercicio das súas funcións, poderá presentar, analizar e avaliar relatorios xurdidos no seu seo ou ben procedentes doutros grupos de traballo expertos pola súa delegación.

Artigo 5. Funcionamento

1. O Comité Educativo de Persoas Expertas poderá aprobar as súas propias normas de funcionamento e réxime interno para o mellor exercicio das súas funcións, nas cales se preverá a utilización preferente das tecnoloxías da información como ferramenta para a axilización do seu funcionamento.

2. O Comité reunirase por requirimento da Presidencia coa periodicidade que a situación epidemiolóxica o demande.

3. De cada reunión redactará acta a persoa que exerza as funcións de secretaría, na cal se especificarán os asistentes, a orde do día da reunión e os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

4. Sen prexuízo do anterior, o funcionamento do comité axustarase ao establecido nos artigos 16 ao 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nos artigos 15 ao 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Disposición adicional primeira. Non incremento do gasto

A constitución e o funcionamento do órgano colexiado previsto nesta orde non suporán en ningún caso un incremento do gasto público e non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A pertenza a este órgano e a asistencia ás reunións non terá carácter retribuído.

Disposición adicional segunda. Confidencialidade

Os membros do comité e toda aquela persoa que participe nel están obrigados a respectar o dereito á intimidade e á confidencialidade da información que, se é o caso, poidan coñecer no desempeño da súa actividade, de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e co Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE.

Disposición adicional terceira. Presenza equilibrada de mulleres e homes

Na composición do comité atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes na medida do posible. A comunicación que se realice para a designación de representantes lembrará a importancia social de tender a este obxectivo de igualdade.

Disposición adicional cuarta. Constitución

A sesión constitutiva do Comité Educativo de Persoas Expertas terá lugar no prazo máximo dunha semana a partir da entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade