Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 22 de setembro de 2020 Páx. 36877

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 17 de setembro de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 5 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CO300A).

A Orde do 5 de xuño de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 120, do 19 de xuño, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CO300A).

No artigo 1.2 da convocatoria e artigo 2.1 do anexo I das bases reguladoras establécese que as devanditas subvencións serán financiadas co crédito correspondente á aplicación orzamentaria seguinte dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2020:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

09.30.751A.781.1. Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais.

2.000.000

No artigo 1.3 da orde tamén se sinala que se poderán incrementar as contías previstas en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións dada a existencia de remanentes de crédito incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Financiamento

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Orde do 5 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CO300A).

2. O incremento da dotación será de 60.916,47 euros con cargo á mesma aplicación orzamentaria, 09.30.751A.781.1, Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020. Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria da aplicación 09.30.751A.781.1 prevista para esta orde de axuda ascenderá a 2.060.916,47 euros.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2020

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación