Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 23 de setembro de 2020 Páx. 37014

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifican os prazos de resolución e de xustificación da Resolución de 7 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (Diario Oficial de Galicia número 98, do 22 de maio) (código de procedemento SI437A).

Mediante a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 7 de maio de 2020 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse as axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, para o ano 2020 (DOG núm. 98, do 22 de maio) (código de procedemento SI437A).

O artigo 15.2 da Resolución do 7 de maio de 2020 establece que o prazo para resolver e notificar será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación de dita resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

Pola súa vez, o artigo 18.1 da Resolución do 7 de maio de 2020 establece que para a xustificación das axudas concedidas, da liña 1, as entidades beneficiarias presentarán, con data límite do 11 de outubro de 2020 a documentación que se indica no número 2.

Tendo en conta o axustado do prazo e as problemáticas xurdidas pola crise sanitaria do COVID-19 e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar os artigos 15.2 e 18.1, ampliando os prazos de resolución e xustificación respectivamente, ata unhas datas que permitan a mellor xustificación por parte das entidades beneficiarias.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o punto 2 do artigo 15 (resolución e notificación) da Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 7 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocaron as axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, para o ano 2020 (código de procedemento SI437A) (DOG núm. 98, do 22.5.2020), que queda redactado como segue:

«O prazo para resolver e notificar será cinco meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada. Na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás cales quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención».

Artigo 2

Modifícase o punto 1 do artigo 18 (prazo e xustificación da subvención) da Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 7 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocaron as axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, para o ano 2020 (DOG núm. 98, do 22 de maio) (código de procedemento SI437A), que queda redactado como segue:

«1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da actuación subvencionada coas seguintes datas límite: 30 de outubro de 2020, para a liña 1, e data límite do 11 de decembro de 2020, para a liña 2 . De acordo co sinalado no artigo 9 desta resolución, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2020

A secretaria xeral da Igualdade
Disposición transitoria primeira do Decreto 110/2020, do 6 de setembro
(DOG núm. 181, do 7 de setembro)
P.D. (Resolución do 8.6.2020; DOG núm. 111, do 9 de xuño)
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa