Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 25 de setembro de 2020 Páx. 37289

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2020 pola que se acorda a inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras das concesións de actividade dos parques de cultivo de moluscos localizados no Carril, Vilagarcía de Arousa.

O Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA), no artigo 4, e a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, no artigo 38.1, establecen que todas as explotacións de animais deben estar rexistradas na comunidade autónoma na que se sitúen, e que os seus datos básicos serán incluídos nun rexistro nacional.

O Real decreto 1614/2008, do 3 de outubro, relativo os requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, así como a prevención e o control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos, establece no seu artigo 4.1 que todas as explotacións de acuicultura estarán debidamente rexistradas pola autoridade competente.

En aplicación dos citados artigos as concesións de actividade dos parques de cultivo de moluscos bivalvos localizados no Carril, Vilagarcía de Arousa deben inscribirse no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, pola Consellería do Mar, para o que se procederá ao seu envorcado e inscrición.

En relación coa tramitación é de aplicación o disposto nos artigos 45 e 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En atención ao exposto, esta conselleira do Mar,

RESOLVE:

Primeiro. A inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras das concesións de actividade dos parques de cultivo de moluscos localizadas no Carril, Vilagarcía de Arousa, que dispoñan dunha concesión de actividade en vigor na data da publicación desta resolución.

Segundo. Unha vez inscritos os parques de cultivo, nun prazo máximo de seis (6) meses, notificarase ás persoas titulares os datos rexistrais, co código de identificación asignado a cada explotación e unha clave de acceso á oficina virtual da Consellería do Mar a través da cal poderán consultar os datos rexistrais.

Terceiro. De ser o caso, os titulares dos parques de cultivo deberán facilitar a esta consellería os datos que sexan necesario emendar para unha correcta inscrición no rexistro, no prazo máximo de dez (10) días desde o seguinte a notificación da súa inscrición.

No caso de incumprimento da obriga indicada no parágrafo anterior, será de aplicación o réxime de infraccións e sancións aplicable de acordo co establecido na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

Cuarto. Publicar no Diario Oficial de Galicia esta resolución.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, segundo o establecido nos artigos 8 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 8.9.2017; DOG núm. 180, do 21 de setembro)
Mercedes Rodríguez Moreda
Directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica