Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 28 de setembro de 2020 Páx. 37455

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2020/21 (código de procedemento MR207A).

O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo, o CFEA de Sergude (Boqueixón), o CFEA de Lourizán (Pontevedra) e o CFEA de Becerreá, adscritos á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dispoñen de residencias de estudantes que prestan un servizo complementario ao desenvolvemento educativo da poboación do medio rural e facilitan a asistencia ás clases dos ciclos de formación profesional agraria de grao medio e grao superior que se están a impartir neles. As ditas residencias permiten ao alumnado cursar estes estudos cando non se imparten cerca do seu domicilio habitual e dispoñer dun servizo de comedor.

De cara ao próximo curso académico 2020/21 é preciso establecer unhas bases que regulen o procedemento de adxudicación de prazas de residencia entre o alumnado dos centros, e convocalo para este curso.

O Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación das familias marítimo-pesqueira e agroforestal, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería (DOG nº 176, do 16 de setembro), recolle nos seus artigos 3 e 4 os supostos de feito e os suxeitos obrigados dos ditos prezos públicos.

O Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos (DOG nº 102, do 30 de maio de 2020) establece no seu artigo 11 as funcións da Agacal en materia de formación. Entre estas figura a de programar a formación agraria, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, tanto das persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras como das súas asociacións e agrupacións, así como daquelas persoas que queiran acceder no futuro á titularidade ou xerencia de calquera explotación agraria ou forestal, así como a función de coordinación dos centros de formación e experimentación agraria.

De acordo co exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria (CFEA) da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e convocalas para o curso académico 2020/21 nos CFEA Pedro Murias de Ribadeo, de Sergude, Guísamo e Becerreá (código de procedemento MR207A).

O número de prazas ofertadas é o que se indica a continuación:

CFEA

Nº total de prazas en réxime de

pensión completa

Nº total de prazas de comedor
(só xantar)-para curso completo

CFEA de Lourizán (Pontevedra)

32

28

CFEA de Sergude (A Coruña)

52

0

CFEA Pedro Murias (Ribadeo)

0

20

CFEA de Becerreá (Lugo)

0

22

No caso de non utilizar o total de prazas ofertadas en pensión completa, as vacantes que se produzan poderán acumularse ás prazas de comedor para o curso completo.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Para poder acceder ás prazas de residencia reguladas nesta resolución, as persoas interesadas deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ser cidadás de calquera país da Unión Europea ou estranxeiros/as que acrediten a residencia ou estean dentro dun programa de cooperación internacional.

b) Ter feitos os 18 anos de idade o día de comezo do uso da residencia no caso das prazas en pensión completa do CFEA de Lourizán, ou ter feitos os 16 anos de idade no ano da convocatoria no caso das prazas en pensión completa que se ofertan no CFEA de Sergude.

O alumnado de 2º curso dos ciclos formativos do CFEA de Lourizán que no curso 2019/20 tivese adxudicada unha praza en pensión completa conservaraa no curso 2020/21 aínda que non cumpra co requisito de idade.

c) Estar matriculado nun ciclo de formación regrada do centro durante o curso escolar.

Artigo 3. Tipos de prazas

As prazas que se ofertan nesta convocatoria son de dous tipos:

a) Residencia en pensión completa.

A modalidade de residencia en pensión completa inclúe o uso dun cuarto e aseo compartidos e o dereito a almorzo, xantar e cea.

As persoas que teñan asignada unha praza en pensión completa na residencia poderán facer uso dela todos os días lectivos do centro que non sexan vésperas de festivo. O horario de funcionamento destas residencias será de luns ás 8.00 horas ata o venres ás 15.00 horas.

b) Comedor para o curso completo.

A modalidade de comedor para o curso completo dá dereito a xantar na sala de comedor durante todo o curso de luns a venres, todos os días lectivos do centro en que se oferte o servizo. A oferta do servizo variará dun centro a outro en función da organización da actividade lectiva.

Artigo 4. Prezos públicos

1. As persoas beneficiarias das prazas recollidas no artigo 1 estarán suxeitas aos prezos públicos previstos no Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor (DOG nº 176, do 16 de setembro).

2. No caso das prazas de residencia en pensión completa, o primeiro pagamento realizarase 2 días despois da adxudicación definitiva das prazas.

3. No taboleiro de anuncios de cada CFEA publicarase un calendario co número de días en que o centro permanecerá aberto en cada trimestre escolar, indicando os días en que se ofrece pensión completa e os días en que só se ofrece o xantar.

4. As persoas beneficiarias das prazas de residencia en pensión completa poderán realizar, antes de comezar o trimestre, o pagamento total dos servizos que poden recibir nese período. O importe do pagamento trimestral calcularase empregando os prezos/persoa/día para os servizos de pensión completa por período inferior a un curso escolar, e de xantar por bono semanal de cinco días e/ou de xantar diario non regular, en función dos días en que se ofreza o servizo en cada centro.

5. As persoas beneficiarias de prazas de comedor durante todo o curso deberán realizar o pagamento antes do inicio do servizo. A dirección de cada centro decidirá a forma de realizar estes pagamentos, que poderán acumularse por períodos de tempo, segundo as necesidades organizativas da residencia. O importe dos pagamentos que se establezan para cada período calcularanse empregando os prezos/persoa para os servizos de xantar por bono semanal de cinco días e/ou de xantar diario non regular.

6. O alumnado con praza na residencia ou no comedor que se incorpore á Formación en Centros de Traballo (FCT) poderá seguir usando a residencia ata o remate da formación na empresa. No caso de non utilizar os servizos de residencia durante o terceiro trimestre do curso escolar, como consecuencia de realizar a dita FCT fóra do centro, a persoa interesada deberá presentar a renuncia e a praza quedará dispoñible para a adxudicación polo sistema previsto no artigo 9.

Artigo 5. Presentación de solicitudes, lugar, prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentalas directamente nas secretarías dos CFEA.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación das solicitudes será 5 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

5. As persoas que no curso académico anterior tivesen praza de residencia conservarana para o seguinte curso dun ciclo formativo, logo da presentación da correspondente solicitude, de acordo co prazo establecido no punto 4, e sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos académicos para o curso e non sexan repetidores/as deste.

6. En todo caso, de ser preciso valorar as solicitudes para poder obter a correspondente puntuación, deberán entregar cuberta a declaración que consta no anexo I. Debe constar a puntuación de cada criterio que se vaia valorar, as persoas que conviven no domicilio familiar e as circunstancias que poidan presentarse, e deban terse en conta no caso de empate.

A comisión de valoración só asignará puntuación ás persoas solicitantes se na declaración aparecen cubertos os datos precisos para cada criterio. De non ser así, asignaránselles 0 puntos.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación :

– Anexo II. Comprobación dos datos doutras persoas que compoñen a unidade familiar, de ser o caso.

2. Unha vez publicada a proposta de adxudicación provisional, no prazo de 5 días hábiles, as persoas interesadas en obter unha praza deberán entregar o anexo III desta resolución acompañado da seguinte documentación complementaria que xustifique a puntuación obtida:

a) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso. A data da súa expedición será posterior á da entrada en vigor da convocatoria.

b) Documentación acreditativa da condición de orfandade, se é o caso.

c) Documentación acreditativa dos estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitaria que estean cursando os irmáns ou as irmás das persoas solicitantes, de ser o caso.

d) Contrato de alugamento ou matrícula nunha residencia de estudantes ou establecemento de similares características dos irmáns ou as irmás das persoas solicitantes que estean cursando estudos fora da súa residencia habitual, de ser o caso.

e) Certificación académica na cal figuren as notas correspondentes ao curso escolar inmediatamente anterior a esta convocatoria para aquelas persoas solicitantes que procedan doutro centro formativo.

f) Título de familia numerosa, no caso de ser expedido por outra comunidade autónoma.

g) Documentación acreditativa do grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar, no caso de ser expedido por outra comunidade autónoma.

3. A documentación complementaria poderá presentarse por calquera dos medios recollidos no artigo 5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

De non entregarse a dita documentación, a puntuación non será tida en conta para a adxudicación definitiva, e poderá quedar sen praza na residencia tras unha nova baremación das circunstancias xustificadas se a puntuación non alcanza o corte que estará determinado polo número de prazas convocado.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

c) DNI ou NIE do resto das persoas da unidade familiar, de ser o caso.

d) Declaración do IRPF tanto da persoa solicitante como dos demais membros que compoñen a unidade familiar obrigados a declarar (anexo I, no caso do solicitante, e anexo II, para os demais membros que compoñen a unidade familiar).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Título de familia numerosa no caso de ser expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

b) Grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % da persoa solicitante e de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar cando sexa expedida pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de adxudicación de prazas

1. Cando o número de persoas solicitantes de prazas en pensión completa ou comedor para o curso completo sexa inferior ao número de prazas ofertadas, estas serán adxudicadas a todas persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nesta resolución. En caso contrario, procederase á adxudicación de prazas aos alumnos de 1º curso segundo os criterios establecidos nos puntos 2.1, 2.2 e 2.3 deste artigo.

2. En primeiro lugar, valoraranse as solicitudes realizadas polo alumnado que se matriculase do ciclo formativo correspondente no mes de xuño, atendendo aos criterios que se detallan a continuación. Unha vez obtida a relación de admitidos ordenada segundo a puntuación, se continúa habendo prazas vacantes, valoraranse as solicitudes correspondentes ás persoas matriculadas en setembro segundo os seguintes criterios:

2.1. Rendemento académico do último curso realizado

a) Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

b) Nota media de notable: 3 puntos.

c) Nota media de ben: 2 puntos.

d) Nota media de suficiente: 1 punto.

2.2. Renda familiar per cápita.

a) O importe da renda familiar per cápita é o coeficiente de dividir a renda da unidade familiar correspondente ao ano inmediato anterior ao do inicio do curso entre todos os membros da dita unidade. Este aspecto acreditarase mediante a declaración do IRPF.

b) Para a determinación da renda familiar sumarase o importe íntegro das retribucións en concepto de rendementos de traballo obtidos durante o ano inmediato anterior ao do inicio do curso por todos os membros da unidade familiar.

c) Considéranse membros computables da unidade familiar: pai, nai, irmáns e irmás solteiros/as menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar, irmáns e irmás de maior idade, cando se trate de persoas diminuídas físicas, psíquicas ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio familiar a través do certificado municipal de empadroamento.

No caso de persoas solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran membros computables o/a cónxuxe ou, de ser o caso, a persoa á que estea unida por análoga relación de convivencia afectiva, así como os descendentes que convivan no mesmo domicilio.

d) No caso de divorcio ou separación legal dos pais non se considerará membro computable quen non conviva coa persoa solicitante.

e) Nos casos en que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar que conta cos medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia, así como a titularidade ou o alugamento da vivenda que constitúe o seu domicilio habitual. No caso contrario, entenderase non probada a independencia, polo que, para o cálculo de renda e patrimonio familiar, se computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire a antedita letra c).

f) Ao cociente da renda familiar computada entre o número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 6.000 euros: 7 puntos.

De 6.000,01 ata 9.500 euros: 5 puntos.

De 9.500,01 ata 13.000 euros: 3 puntos.

De 13.000,01 ata 15.000 euros: 1 punto.

A partir de 15.000,01: 0 puntos.

2.3. Circunstancias familiares.

a) Ás persoas solicitantes que teñan irmás ou irmáns cursando estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual engadiránselles 2 puntos polo primeiro e 1 punto máis por cada un dos seguintes.

b) Ás persoas aspirantes en condición de orfandade, 2 puntos.

c) Ás persoas aspirantes membros de familia numerosa de categoría xeral, 1 punto; de categoría especial, 2 puntos.

d) Ás persoas aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de discapacidade, 2 puntos.

Todas as situacións referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

A puntuación resultante de sumar as anteriores epígrafes será a que determine a orde de adxudicación.

3. No caso de que as persoas solicitantes obtivesen a mesma valoración, terán preferencia, por este orde:

– O alumnado que non repita curso.

– As mulleres fronte aos homes (seguindo criterios de infrarrepresentación).

– As persoas que acrediten ter residencia en Galicia.

– As persoas que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector.

– E, finalmente, terán preferencia os de menor renda familiar.

Cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de valoración, atribuiránselle nel 0 puntos.

Artigo 10. Comisión e procedemento de valoración

1. Corresponderá a unha comisión de valoración constituída para o efecto en cada centro a valoración dos criterios xustificados polas persoas solicitantes para os efectos de atribuírlles a puntuación correspondente.

A comisión de valoración estará composta por:

a) Presidente/a: o/a director/a do centro de formación e experimentación agraria.

b) Secretario/a: o/a xefe/a de internado ou persoa que realice a dita función.

c) Vogais: os/as dous/dúas docentes do CFEA con maior antigüidade.

2. Cando o número de persoas solicitantes sexa inferior ao número de prazas ofertadas, a comisión de valoración estudará o cumprimento dos requisitos para ser beneficiario da correspondente praza e elaborará a proposta de adxudicación provisional con todas as persoas solicitantes que os cumpran.

3. No caso de determinar que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas ofertadas, procederase da seguinte maneira:

a) A comisión de valoración publicará na páxina web da Consellería do Medio Rural no enderezo https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/centros-de-formacion e no taboleiro de anuncios de cada centro a lista de solicitudes e do número de prazas.

b) A comisión de valoración determinará a puntuación que corresponda a cada solicitante polos criterios establecidos neste artigo tendo en conta os datos que constan na solicitude. A falta de presentación do anexo I debidamente cuberto no que ten que ver cos criterios de valoración impedirá valoralos para efectos de determinar a puntuación.

c) A comisión de valoración elaborará e remitirá ao Departamento de Formación da Agacal a proposta de adxudicación provisional de prazas de residencia, segundo a puntuación total obtida polas persoas solicitantes, así como a relación provisional de excluídos debidamente motivada.

Así mesmo, elaborará unha relación de suplentes para cubrir as vacantes que poidan producirse.

4. A resolución de adxudicación provisional, a relación de suplentes e a relación de excluídos/as publicarase na páxina web da Consellería do Medio Rural e no taboleiro de anuncios do centro correspondente. Así mesmo, contra a dita resolución, as persoas interesadas poderán formular reclamación ante a propia comisión no prazo de 10 días hábiles seguintes ao da súa publicación. As reclamacións serán dirixidas ao/á presidente/a da comisión.

5. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación da adxudicación definitiva.

6. Unha vez publicada a proposta de adxudicación provisional, no prazo de 5 días hábiles, as persoas interesadas en obter unha praza deberán entregar toda a documentación complementaria que consta no artigo 6.2.

7. A comisión de valoración elaborará e remitirá ao Departamento de Formación da Agacal a proposta de adxudicación definitiva de prazas de residencia, así como a relación definitiva de excluídos/as e a relación de suplentes.

8. Das reunións realizadas polas comisións a que se refiren os puntos anteriores levantarase unha acta, que será remitida ao Departamento de Formación da Agacal.

Artigo 11. Resolución e notificación

A dirección da Agacal resolverá a adxudicación definitiva de prazas de residencia.

A resolución en que consten as persoas beneficiarias das prazas de residencia e dos suplentes será publicada na páxina web da Consellería do Medio Rural https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/centros-de-formacion e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

No caso de non producirse resolución expresa no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude, esta entenderase desestimada.

Artigo 12. Lista de suplentes

Para a cobertura das prazas de residencia en pensión completa ou comedor que queden vacantes durante o curso, a dirección do respectivo centro residencial acudirá á lista de suplentes, seguindo a orde de puntuación. Se unha vez chamados todos os suplentes aínda quedasen prazas vacantes no internado, aquelas persoas interesadas que reúnan os requisitos para seren beneficiarias dunha praza poderán solicitala á dirección do centro que será quen resolva a adxudicación desta por estrita orde de entrada no correspondente rexistro.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución non porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o presidente da Agacal, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, se o acto for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, se acto non for expreso, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Obrigas dos/das usuarios/as da residencia

Os beneficiarios das prazas de residencia teñen as seguintes obrigas:

1. Deben acreditar, mediante certificado médico oficial, calquera incidencia que afecte o normal desenvolvemento da vida residencial, que presentarán no prazo de 2 días desde a resolución de adxudicación definitiva, mentres tanto, deberán entregar unha declaración responsable sobre o seu estado de saúde segundo o modelo que se lles facilitará no momento da súa incorporación ao centro.

Deben cumprir o establecido nos protocolos para facer fronte ao COVID 19 e/ou as medidas que establezan as autoridades sanitarias en cada momento.

2. Están suxeitos ao réxime interno do centro e deberán respectar as normas de convivencia e horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

3. Deixar os cuartos libres, inescusablemente, o día en que finalice o calendario académico.

Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios da residencia será responsabilidade individual das persoas autoras ou, colectivamente, de quen teña asignadas as dependencias concretas ao seu uso, e terá que aboar o seu custo.

Artigo 15. Renuncias e perda do dereito á praza de residencia

1. O alumnado residente perderá a praza polas seguintes causas:

a) Non incorporarse ao centro residencial na data do inicio do curso escolar indicada polo centro docente, agás nos casos de forza maior, debidamente acreditados logo da súa valoración polo centro.

b) Perda da condición do/da alumno/a no centro docente en que debía cursar os estudos para os cales lle foi concedida a praza.

c) Faltas de asistencia sen xustificar, cando se supere o número de tres días de ausencia continuados ou cinco días alternos ás clases lectivas dentro do período dun mes e logo dun informe previo da dirección do centro.

d) Incumprimento do réxime interno do centro residencial que altere o normal desenvolvemento da convivencia e que dea lugar a sanción disciplinaria.

e) Incumprimento do establecido nos protocolos que se establezan para facer fronte ao COVID 19 e/ou das medidas que establezan as autoridades sanitarias en cada momento.

2. A dirección do CFEA concederalle ao alumnado un prazo de 5 días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que xulgue conveniente.

3. A dirección do centro, á vista das alegacións efectuadas ou transcorrido o prazo concedido para presentalas, resolverá o procedente no prazo de 5 días hábiles.

4. No caso de perda da praza de residencia cubrirase a vacante conforme a lista de suplentes nos termos do artigo 12.

5. No caso de que algún residente decida renunciar á súa praza, debe comunicalo á dirección do centro correspondente por escrito. A praza que quede vacante poderá cubrirse conforme a lista de suplentes nos termos do artigo 12.

Artigo 16. Concorrencia con outras axudas

O desfrute do dereito a ocupar as prazas convocadas nesta resolución é incompatible co desfrute de calquera outra axuda para a mesma finalidade e dentro do mesmo período temporal, procedente de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Disposición adicional primeira. Medidas para a prevención fronte á COVID-19

En función da evolución e das medidas de seguridade adoptadas polas autoridades competentes durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, a Agacal, atendendo a esas medidas, poderá reducir o número de prazas ofertadas no artigo 1 desta resolución en cada un dos centros.

Disposición adicional segunda. Normativa supletoria

En todo o non previsto nesta resolución observarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2020

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file