Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 29 de setembro de 2020 Páx. 37628

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2020 pola que se modifican os prazos de xustificación establecidos no artigo 25.2 da Resolución do 31 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecemento aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN607E).

O 18 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecementos aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020.

O artigo 25.2 da Resolución do 31 de decembro de 2019 establecía os seguintes prazos de xustificación:

«2. Os prazos de xustificación das axudas son os seguintes:

a) Períodos de emisión de facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos executados:

Primeira anualidade

Desde a data de presentación da solicitude ata o 30 de setembro de 2020

Segunda anualidade

Desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021

b) Prazos de presentación de documentación:

Primeira anualidade

Ata o 9 de outubro de 2020

Segunda anualidade

Ata o 8 de outubro de 2021

O 17 de setembro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 9 de setembro de 2020 pola que se adxudican as axudas da Resolución do 31 de decembro de 2019 para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecemento. Tendo en conta a data da resolución de concesión destas axudas, os prazos de xustificación e execución dos gastos/pagamentos da anualidade 2020 establecidos no citado artigo 25.2 da convocatoria quedan moi reducidos, polo que se considera necesario ampliar estes prazos para viabilizar os procesos de execución e xustificación das axudas concedidas para o ano 2020.

En consecuencia, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación do artigo 25.2 da Resolución do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecemento aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020

O artigo 25.2 da citada resolución queda redactado do seguinte xeito:

«2. Os prazos de xustificación das axudas son os seguintes:

a) Períodos de emisión de facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos executados:

Primeira anualidade

Desde a data de presentación da solicitude ata o 16 de decembro de 2020

Segunda anualidade

Desde o 17 de decembro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021

b) Prazos de presentación de documentación:

Primeira anualidade

Ata o 22 de decembro de 2020

Segunda anualidade

Ata o 8 de outubro de 2021

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación