Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 29 de setembro de 2020 Páx. 37642

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2020 pola que se modifica a Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020.

O 13 de febreiro de 2020, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria publicou a Resolución do 30 de decembro de 2019 (DOG núm. 30, do 13 de febreiro de 2020) pola que establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020.

No artigo 21 da convocatoria establécese que as entidades beneficiarias terán ata o 1 de outubro para presentar a documentación xustificativa da subvención nas anualidades 2020 e 2021 e ata o 31 de marzo na anualidade 2022. Tendo en conta que a resolución destas axudas non se produciu no prazo indicado no artigo 17 das bases reguladoras, motivada polo elevado número de solicitudes e o longo proceso de avaliación e resolución, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación da primeira e da terceira anualidade.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o 1 de novembro de 2020 (incluído) o prazo para executar e xustificar estas axudas na primeira anualidade, e ata o 30 de xuño de 2022 (incluído) o prazo para executar e xustificar estas axudas na terceira anualidade.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria