Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 2 de outubro de 2020 Páx. 38198

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 10 de setembro de 2020 pola que se establecen os formularios normalizados para a presentación de reclamacións ante a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia (código de procedemento IF322A) e para comparecer ou presentar alegacións ante o dito órgano (código de procedemento IF322B).

A Xunta Arbitral de Transportes de Galicia foi creada e regulada pola Orde do 9 de outubro de 1991, da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, ao abeiro do disposto no capítulo VIII do título I da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres.

A Xunta Arbitral de Transportes de Galicia é un órgano extraxudicial de resolución de conflitos xurdidos durante a execución de contratos de transporte. Así, presentando unha reclamación ante este órgano, ponse en marcha un procedemento arbitral a que son chamadas as dúas partes, que expoñen as súas posicións, e finalmente a Xunta Arbitral decide a través dun laudo arbitral, que ten un valor equivalente ao dunha sentenza xudicial.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, introduce importantes novidades respecto da tramitación electrónica dos procedementos administrativos, que pasa a constituír o xeito ordinario de actuación das administracións públicas, para cumprir co obxectivo de servir mellor aos principios de eficacia, eficiencia, ao aforro de custos, ás obrigas de transparencia e ás garantías dos cidadáns.

Esta lei configura a utilización de medios electrónicos como unha posibilidade para as persoas físicas que así o desexen, pero tamén como unha obriga para as persoas xurídicas e outros colectivos segundo o establecido no seu artigo 14.2, colectivo que o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, amplía aos traballadores autónomos e aos seus representantes.

Por outra banda, a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, exixe aos titulares de autorizacións e habilitacións administrativas para realizar actividades de transporte, relacionarse exclusivamente por medios electrónicos coa Administración.

Dado que a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia non conta cun formulario normalizado específico para a tramitación das reclamacións é necesario habilitar electronicamente este procedemento e establecer os formularios normalizados necesarios para a presentación de reclamacións ante a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia e no procedemento de comparecer ou presentar alegacións ante ese órgano, que estarán accesibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, e no uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto aprobar os formularios normalizados que se van empregar no procedemento de presentación de reclamacións ante a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia e no procedemento de comparecer ou presentar alegacións ante Xunta Arbitral de Transportes de Galicia.

2. Os devanditos procedementos habilitaranse na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia cos seguintes códigos:

a) IF322A. Presentación de reclamacións ante a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia (anexo I).

b) IF322B. Comparecencia ou presentación de alegacións ante a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia (anexo II).

Artigo 2. Forma de presentación

As reclamacións ante a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia e a comparecencia ou presentación de alegacións ante ese órgano por parte das persoas físicas presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, os titulares ou solicitantes das autorizacións e habilitacións reguladas na Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, os traballadores autónomos para os trámites e actividades que realicen no exercicio da súa actividade profesional e as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa documentación presencialmente, requirirase para que a emende mediante a súa presentación por medios electrónicos. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude ou recurso aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das reclamacións, comparecencias ou alegacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as reclamacións ou alegacións en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Pluralidade de persoas reclamantes

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única reclamación segundo o modelo establecido no anexo III. Neste suposto, deberá achegarse xunto coa reclamación (anexo I) o anexo III debidamente cuberto. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, con que figure en primeiro termo.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1. A documentación complementaria que as persoas interesadas queiran xuntar á súa reclamación presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da reclamación ou comparecencia. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. No suposto da pluralidade de persoas reclamantes deberán achegar cuberto o anexo III.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas, en concreto, os documentos identificativos (DNI/NIE para persoas físicas e NIF para persoas xurídicas), tanto da persoa reclamante ou comparecente, coma das súas representantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. Todas as notificacións relativas aos expedientes da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na declaración. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de reclamacións ante a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file