Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 2 de outubro de 2020 Páx. 38196

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 167/2020, do 17 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de actualización do proxecto do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525 en Dozón (PO/12/132.01), de clave PO/19/027.01, no concello de Dozón (Pontevedra).

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 167, do 4 de setembro de 2019, publicouse o Anuncio do 26 de agosto de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de actualización do proxecto do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525 en Dozón (PO/12/132.01), de clave: PO/19/027.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 15 de xullo de 2020 apróbase o expediente de información pública e posteriormente o 20 de agosto de 2020 o proxecto de trazado de actualización do proxecto do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525 en Dozón (PO/12/132.01), de clave: PO/19/027.01.

Este proxecto de trazado ten por obxecto a definición da solución adoptada para o ramal de enlace entre a AG-53 e a N-525 en Dozón; o cal parte da estrada N-525 na contorna do punto quilométrico 275, onde se proxecta unha ampliación do carril de vehículos lentos existente e cruza, desde este punto, a autovía AG-53 a través dun paso inferior existente no punto quilométrico 59+410 da autovía, para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa citada autovía pola súa marxe dereita en sentido Ourense.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de setembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de trazado de actualización do proxecto do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525 en Dozón (PO/12/132.01), de clave PO/19/027.01.

Santiago de Compostela, dezasete de setembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade