Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 2 de outubro de 2020 Páx. 38191

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 17 de setembro de 2020 polo que se aproba o acordo acadado o 3 de agosto de 2020, entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Xustiza, sobre a modificación das retribucións do posto de xestor/a procesual secretarios/as de xulgados de paz (IV-D), para os efectos de retribuír, nun punto adicional, o desempeño das funcións de secretaría nos xulgados de paz.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de setembro de 2020, aprobou o acordo acadado o 3 de agosto de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Xustiza sobre a modificación das retribucións do posto de xestor/a procesual secretarios/as xulgados de paz (IV-D), para os efectos de retribuír, nun punto adicional, o desempeño das funcións de secretaría nos xulgados de paz.

Para xeral coñecemento procédese á publicación do referido acordo, polo que

RESOLVO:

Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 17 de setembro de 2020 que a seguir se transcribe:

«Aprobar o acordo acadado o 3 de agosto de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Xustiza sobre a modificación das retribucións do posto de xestor/a procesual secretarios/as xulgados de paz (IV-D), para os efectos de retribuír, nun punto adicional, o desempeño das funcións de secretaría nos xulgados de paz.

Acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Xustiza sobre a modificación das retribucións do posto de xestor/a procesual secretarios/as xulgados de paz (IV-D), para os efectos de retribuír, nun punto adicional, o desempeño das funcións de secretaría nos xulgados de paz.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020

Reunidos:

Pola Xunta de Galicia:

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez.

Polas organizacións sindicais:

Por SPJ-USO, Julio Bouza Bouza.

Por STAJ, Enrique Araújo Martínez.

Por AXG-CUT, Pablo Valeiras Ríos.

Por UGT, Manuel González Carvajal.

Por CIG, Xesús Humberto Sánchez Costa.

Por CC.OO., Constantino Novoa Blanco.

EXPOÑEN:

Mediante o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro (BOE núm. 303, do 17 de decembro), traspasáronse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos que, dentro do territorio de Galicia, desempeñaba a Administración do Estado sobre o persoal ao servizo da Administración de xustiza.

O réxime retributivo do persoal ao servizo da Administración de xustiza está regulado no título VI do libro VI da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial (LOPX), que diferencia conceptos salariais de determinación estatal (soldo, trienios, complemento xeral do posto, complemento de garda) e conceptos salariais de determinación autonómica (complemento específico, a produtividade e gratificacións por servizos extraordinarios).

O Real decreto 1033/2007, do 20 de xullo, polo que se determinan os postos tipo das unidades que integran as oficinas xudiciais e outros servizos non xurisdicionais e as súas correspondentes valoracións, para efectos do complemento xeral de posto dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, supón un cambio no réxime retributivo do persoal ao servizo da Administración de xustiza, e aínda que derroga o Real decreto 1909/2000, do 24 de novembro, polo que se fixa o complemento de destino dos funcionarios dos corpos de médicos forenses, técnicos facultativos do Instituto de Toxicoloxía, oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza, técnicos especialistas, auxiliares de laboratorio do Instituto de Toxicoloxía e axentes de laboratorio a extinguir do Instituto de Toxicoloxía, mantén a súa aplicación transitoria ao establecer no punto 1 da disposición transitoria única que continuaría vixente mentres non se produzan os procesos de acoplamento e nomeamento dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza incluídos no seu ámbito de aplicación, para desempeñar postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo aprobadas conforme o disposto na Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro.

Posteriormente, o Tribunal Supremo anula e deixa sen efecto o devandito punto 1 da disposición transitoria única na súa Sentenza do 17 de xullo de 2009 ditada pola Sección Sétima da Sala do Contencioso-Administrativo no recurso número 164/2007, ao entender que é contrario a dereito.

Con data do 15 de febreiro de 2017, a Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza dita a Sentenza 72/2017, no recurso de apelación 294/2016, que reafirma a tese da sentenza do Tribunal Supremo e conclúe a existencia dun dobre sistema retributivo, en aplicación do cal se recoñece o dereito da persoa recorrente á percepción de 1 punto adicional en concepto de complemento xeral do posto por tratarse de persoal funcionario do corpo de oficiais que desempeña unha secretaría de xulgado de paz con nomeamento expedido para o efecto.

En vista do exposto, debido ás reiteradas sentenzas en que se lle recoñece o dereito á percepción deste punto adicional en concepto de complemento xeral do posto ao persoal que ocupa o posto de xestor/a procesual secretarios/a xulgados de paz (IV-D) e que desempeña funcións de secretario/a nos xulgados de paz, e xa que a Comunidade Autónoma non ten competencia para fixar a contía deste complemento, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais representativas do persoal ao servizo da Administración de xustiza, no marco da Mesa Sectorial de Negociación deste colectivo, negociaron a modificación das retribucións do posto de xestor/a procesual secretarios/as xulgados de paz (IV-D) e chegaron ao seguinte

ACORDO:

1. Modificar as retribucións asignadas ao posto de xestor/a procesual secretarios/as xulgados de paz (IV-D) para os efectos de retribuír, nun punto adicional (28,62 € mensuais), o desempeño das funcións de secretaría nos xulgados de paz por parte do persoal que ocupe o devandito posto.

2. Este punto adicional percibirase en 12 mensualidades e seranlle de aplicación as actualizacións previstas nas leis de orzamentos xerais do Estado para as retribucións complementarias do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

3. A percepción deste punto adicional manterase mentres non se produzan os procesos de integración dos funcionarios nas relacións de postos de traballo aprobadas conforme o disposto na Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

4. A presente modificación afectará aquel persoal que, nos cinco anos anteriores á data e entrada en vigor deste acordo, ocupase o posto de xestor/a procesual secretarios/as xulgados de paz (IV-D) nun xulgado de paz da Comunidade Autónoma de Galicia e desempeñase as funcións de secretaría.

Para o pagamento dos atrasos terase en conta o valor do punto establecido para cada anualidade, e será proporcional ao tempo de servizos efectivamente prestados no posto.

5. O exposto neste acordo non lle será de aplicación ao persoal que percibise a liquidación correspondente en virtude de execución de resolución xudicial firme ou por calquera outra causa.

6. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Sinaturas:

Pola Xunta de Galicia:

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez.

Polas organizacións sindicais:

Por SPJ-USO, Julio Bouza Bouza.

Por STAJ, Enrique Araújo Martínez.

Por AXG-CUT, Pablo Valeiras Ríos.

Por UGT, Manuel González Carvajal.

Por CIG, Xesús Humberto Sánchez Costa.

Por CC.OO., Constantino Novoa Blanco».

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza