Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 2 de outubro de 2020 Páx. 38215

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se realiza a adxudicación definitiva dos destinos provisionais para o curso académico 2020/21 entre o persoal docente pertencente aos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, a aquelas persoas que resultan desprazadas por falta de horario, ao persoal ao cal se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso ao servizo activo.

De acordo co establecido no artigo 37.d) da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destinos provisionais (Diario Oficial de Galicia núm. 113, do 14 de xuño) e o punto oitavo da Resolución do 17 de xuño de 2020 pola que se convoca o concurso de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2020/21 entre o persoal docente pertencente aos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (Diario Oficial de Galicia núm. 127 do 29 de xuño), a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

RESOLVE:

Primeiro. Adxudicar definitivamente os destinos provisionais obtidos para o curso 2020/21 que figuran no anexo desta resolución ao profesorado referido anteriormente.

Esta resolución farase pública no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal e no Diario Oficial de Galicia.

Esta adxudicación definitiva terá efectividade do día seguinte ao da súa publicación no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal, sen prexuízo de que a toma de posesión se efectuará conforme o disposto no artigo 41 da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destinos provisionais.

Segundo. De conformidade co disposto no citado artigo 41 da Orde do 7 de xuño de 2018, o persoal adxudicatario tomará posesión no centro educativo de destino e, co obxecto de que todo o persoal adxudicatario participe na aplicación das medidas adoptadas polos respectivos centros con base no protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 para o curso 2020/21, a toma de posesión terá efectos do 22 de setembro de 2020.

Sen prexuízo do anterior, o persoal funcionario de carreira e o persoal interino con nomeamento de interino ata o 15 de setembro de 2020 tomarán posesión con efectividade do día 16 de setembro de 2020, agás nos seguintes supostos:

– Persoal interino do corpo 592 de escolas oficiais de idiomas ao cal se lle prorrogou o nomeamento do curso anterior ata o 18 de setembro de 2020: tomará posesión con efectividade do 19 de setembro de 2020.

– Comisións de servizo do profesorado que proceda de fóra da Comunidade Autónoma que poderían ter efectividade do 1 de setembro de 2020.

– Profesorado procedente do estranxeiro que podería ter efectividade do 1 de setembro do 2020.

Terceiro. Os nomeamentos serán remitidos ao seu enderezo de correo electrónico.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes, ante a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente, no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo que sexa competente, de conformidade coa Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos