O día 22 de setembro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas ao fomento de actividades de creación-produción ou investigación con fins expositivos na área das artes plásticas e visuais e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT403E).
No artigo 19.1 da devandita orde establécese que o prazo para que as persoas beneficiarias das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 15 de novembro de 2020; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.
Tendo en conta o longo proceso de tramitación e resolución debido ás circunstancias especiais derivadas da pandemia da COVID-19, xunto coa complexidade da acreditación e avaliación dos proxectos e co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.
Visto o anterior,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 11 de setembro de 2020
Modifícase o artigo 19.1 da Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas ao fomento de actividades de creación-produción ou investigación con fins expositivos na área das artes plásticas e visuais e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT403E), que queda redactado como segue:
«Artigo 19. Prazo, xustificación e pagamento das axudas
1. As persoas beneficiarias das axudas terán ata o 1 de decembro de 2020 para acreditar e xustificar os proxectos subvencionados; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción».
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2020
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade