Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 5 de outubro de 2020 Páx. 38359

I. Disposicións xerais

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 2 de outubro de 2020 pola que se regula o procedemento e se aproba e dá publicidade do modelo de solicitude de declaración de empresa dependente ou integrante da cadea de valor das empresas dos códigos do CNAE 09 previstos no anexo do Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego (código de procedemento administrativo TR820Y).

Co obxecto de dar resposta á canalización telemática de solicitudes reguladas no Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego, en concreto no recollido na disposición adicional primeira relativa a empresas pertencentes a sectores cunha elevada taxa de cobertura e cunha reducida taxa de recuperación de actividade, que teñan expedientes de regulación temporal de emprego prorrogados automaticamente ata o 31 de xaneiro de 2021, faise necesario articular un procedemento electrónico de presentación de solicitudes por parte das ditas empresas, para que a autoridade laboral galega poida cumprir co establecido no dito real decreto de constatar ou non a condición de empresa integrante da cadea de valor ou dependente indirectamente, nos termos definidos na dita disposición adicional.

A solicitude de declaración deberá ser presentada entre os días 5 e 19 de outubro de 2020 ante a autoridade laboral competente e segundo o procedemento establecido no referido real decreto lei.

Sobre o proxecto de orde emitiron informe os órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica, avaliación e reforma administrativa.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento e aprobar e dar publicidade do modelo normalizado (código de procedemento administrativo TR820Y), para a súa tramitación por medios electrónicos, sobre a solicitude de declaración pola autoridade laboral (autonómica ou provincial) de que teñen a condición de empresas integrantes da cadea de valor ou dependentes indirectamente, nos termos referidos no Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego.

Poderán realizar esta solicitude todas aquelas empresas con expedientes de regulación temporal de emprego baseados no artigo 22 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, que estean prorrogados automaticamente ata o 31 de xaneiro de 2021 e que consideren que cumpren co establecido na disposición adicional primeira do Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro.

Artigo 2. Forma e prazo de presentación

1. A solicitude de declaración de empresa dependente ou integrante da cadea de valor realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365.

2. O prazo de presentación de solicitude de declaración estenderase desde o día da publicación no DOG ata o 19 de outubro de 2020.

Artigo 3. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Informe ou memoria explicativa de que concorren as circunstancias para ser empresa integrante da cadea de valor ou empresa dependente indirectamente dunha empresa do anexo do real decreto Lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego.

b) Documentación acreditativa das circunstancias que se citan no informe ou memoria.

c) Documentación acreditativa da comunicación ás persoas traballadoras de que se vai presentar a solicitude e do traslado do informe e documentación acreditativa, no caso de existir, á representación destas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Documento acreditativo da personalidade da persoa solicitante, consistente no NIF no caso de persoas xurídicas, e DNI ou NIE no caso de traballadores/as autónomos/as con persoas traballadoras contratadas.

– DNI ou NIF da persoa representante, e NIF da entidade representante.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file