Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 6 de outubro de 2020 Páx. 38486

I. Disposicións xerais

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 5 de outubro de 2020 pola que se regula o procedemento e se aproba e se dá publicidade ao modelo de comunicación de prórroga de expedientes relativos a procedementos de suspensión e redución de xornada por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción vinculadas ao COVID-19 que estiveran vixentes na data de entrada en vigor do Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego (código de procedemento TR820Z).

A aprobación do Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego, recolle a innovadora posibilidade, en virtude do disposto no punto 4º do seu artigo terceiro, de que os expedientes de regulación temporal de emprego, por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción vinculadas ao COVID-19 e que estivesen vixentes na data de entrada en vigor do mencionado real decreto lei se poidan ver prorrogados, na aplicación das súas medidas suspensivas e/ou de redución de xornada, máis alá da data de remate establecida na comunicación final á autoridade laboral, que inicialmente fixesen as empresas, sempre e cando o expediente, con tal prórroga, finalice durante a vixencia do decreto lei, e se chegue a un acordo entre a parte empresarial e a traballadora.

Así, co obxecto de dar cobertura á tramitación do procedemento establecido no citado artigo 3 do Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, da comunicación de prórroga á autoridade laboral receptora da comunicación final do expediente inicial, faise necesario articular un procedemento electrónico para esta comunicación.

O proxecto de orde foi obxecto de informe por parte dos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica, avaliación e reforma administrativa.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento e aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado (TR820Z) para a súa tramitación por medios electrónicos, sobre a comunicación da prórroga do procedementos de suspensión e redución de xornada por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción vinculadas ao COVID-19 que estean vixentes na data de entrada en vigor do Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego.

Artigo 2. Forma e prazo de presentación

1. A comunicación da prórroga deberá facerse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa comunicación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

2. O prazo de presentación da comunicación comezará o mesmo día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación unha copia do acordo de prórroga.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Documento acreditativo da personalidade da persoa comunicante, consistente no NIF no caso de persoas xurídicas e DNI ou NIE no caso de traballadores/as autónomos/as con persoas traballadoras contratadas.

– DNI ou NIE da persoa representante, e NIF da entidade representante.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file