Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 8 de outubro de 2020 Páx. 38792

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

COMUNICACIÓN do 7 de outubro de 2020 pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia da reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia.

Vista a certificación do Parlamento de Galicia do seis de outubro de dous mil vinte e resultando que este aprobou a reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia, en virtude das facultades que me confiren o Estatuto de autonomía de Galicia e a Lei de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ORDENO:

A publicación da reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de outubro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Acordo do Pleno do Parlamento de Galicia, do 6 de outubro de 2020,
polo que se modifica o Regulamento do Parlamento de Galicia

Exposición de motivos

A actual e excepcional situación de emerxencia sanitaria derivada do COVID-19 exixe unha resposta normativa ante a eventual imposibilidade ou dificultade de que a Cámara galega desenvolva as súas funcións e celebre as súas sesións con normalidade. Na actualidade, o Regulamento do Parlamento prevé o voto delegado e telemático dos deputados e deputadas para os supostos de embarazo, maternidade ou paternidade, polo que, por razóns de seguridade xurídica, se fai necesario regular e dar solución a situacións excepcionais que impidan o funcionamento do réxime presencial das sesións dos órganos parlamentarios, engadindo a situación de risco na saúde como causa que permita delegar o voto ou exercelo telematicamente.

Respecto das posibilidades de funcionamento da Cámara no caso de imposibilidade de presenza física dos deputados e deputadas nesta situación de pandemia, deben tomarse en conta normas aplicables a esta cuestión como o Estatuto de autonomía de Galicia (artigo 12), cando dispón que o Regulamento precisará o número mínimo de deputados para a formación de grupos parlamentarios, a intervención destes no proceso lexislativo e as funcións da Xunta de Portavoces. Os grupos parlamentarios participarán en todas as comisións en proporción ao número dos seus membros.

O Regulamento do Parlamento de Galicia prevé, no seu artigo 84, o seguinte:

«1. Os acordos serán válidos unha vez aprobados pola maioría simple dos membros presentes do órgano correspondente, sen prexuízo das maiorías especiais que establecen o Estatuto de Galicia, as demais leis de Galicia e mais este regulamento.

2. Computaranse como presentes nunha votación as deputadas e os deputados da Cámara que malia estaren ausentes fosen autorizados expresamente pola Mesa do Parlamento para participaren na devandita votación a través dos mecanismos previstos neste regulamento.

3. O voto das deputadas e dos deputados é persoal e indelegable, agás nos casos de embarazo, maternidade ou paternidade que, por impedir o desenvolvemento da función parlamentaria e unha vez avaliadas as especiais circunstancias, se consideren abondo xustificados. A Mesa do Parlamento, mediante resolución motivada, poderá autorizar que a deputada ou o deputado poida participar nas votacións a través dos sistemas de voto delegado ou voto telemático.

4. O voto delegado: as deputadas e os deputados poderán delegar o seu voto noutra deputada ou deputado do seu mesmo grupo parlamentario. Para tal efecto, a deputada ou o deputado dirixirá escrito á Mesa do Parlamento, en que se farán constar o nome da deputada ou do deputado que delega o seu voto, o nome da deputada ou do deputado que recibe a delegación e o período de duración da delegación ou os debates e as votacións en que debe exercese. Deberá constar, así mesmo, mediante sinatura, o coñecemento da ou do portavoz do grupo parlamentario correspondente. A delegación non se entenderá prorrogada tacitamente.

5. O voto telemático: as deputadas e os deputados poderán exercer o seu voto telematicamente. Para tal efecto, dirixirán escrito á Mesa do Parlamento, en que se fará constar o seu nome, as votacións ou o período de tempo durante o cal poderán emitir o seu voto a través deste procedemento.

6. Ningunha deputada nin deputado poderá tomar parte, directamente ou mediante delegación, nas votacións sobre resolucións que afecten o seu estatuto de deputados.»

Pola súa banda, o Pleno do Tribunal Constitucional, na súa Sentenza 19/2019, do 12 de febreiro de 2019, en relación coa impugnación de disposicións autonómicas 492-2018, formulada polo Goberno da Nación, pronunciouse sobre os criterios xerais de funcionamento persoal das cámaras parlamentarias que non impiden a súa excepción por motivos epidemiolóxicos excepcionais como ocorre da práctica parlamentaria comparada.

Artigo único. Modificación do artigo 84 do Regulamento do Parlamento de Galicia

Engádese ao artigo 84 do Regulamento do Parlamento de Galicia un novo número 7, que queda redactado nos termos seguintes:

«A Mesa, de acordo coa Xunta de Portavoces, poderá habilitar excepcionalmente e por tempo determinado a presenza, o voto delegado, sistemas de videoconferencia ou calquera outro sistema técnico viable e adecuado que garanta, para todos os efectos regulamentarios, a asistencia e participación nas sesións e nos debates e o exercicio do dereito de voto por quen non puider asistir ás sesións de forma xustificada por atoparse Galicia nunha situación de afectación grave da saúde da poboación declarada polas autoridades sanitarias públicas competentes que lle imposibilite a presenza física na sesión correspondente por comprometer a saúde das persoas.»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente reforma regulamentaria entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2020

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente