Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 13 de outubro de 2020 Páx. 39542

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 1 de outubro de 2020 pola que se establecen as condicións para a repartición do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2020 entre os concellos resultantes dun proceso de fusión.

O impulso de medidas incentivadoras da xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos dos municipios galegos é un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia, que ten como finalidade contribuír a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as súas necesidades á vez que se reducen os custos que a prestación destes servizos traslada á carga impositiva que soporta a veciñanza. Como unha das medidas máis eficaces para acadar estes obxectivos, a Xunta de Galicia pretende promover e apoiar os proxectos de fusión municipal que inicien os concellos da nosa comunidade autónoma.

O artigo 13.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia dispón que a Xunta de Galicia establecerá unha serie de medidas de fomento para as fusións de municipios ou para a incorporación doutros, que supoñen, entre outras, tanto o dereito ao incremento da porcentaxe de participación que corresponde no Fondo de Cooperación Local coma a adopción de medidas de fomento para que se fusionen os concellos, que poden ser aplicadas tamén aos concellos fusionados nos últimos 5 anos.

Nesta liña, a Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 (DOG núm. 246, do 27 de decembro), establece no Fondo de Cooperación Local para o ano 2020 un fondo adicional con destino exclusivo e finalista aos concellos fusionados.

Concretamente, é o artigo 57 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, o que establece os conceptos de distribución dos novos recursos que se integran no fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local e inclúe, entre outras, unha dotación para os concellos resultantes dun proceso de fusión.

A repartición do fondo adicional correspondente aos municipios resultantes dun proceso de fusión previsto no Fondo de Cooperación Local para 2020 realizarase nas condicións que estableza a consellería competente en materia de Administración local.

Resulta, pois, preciso establecer e determinar as condicións de repartición do citado fondo adicional e do fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local do ano 2020 e considerar como criterio determinante a participación en procesos de fusión ou de incorporación voluntaria a outros concellos.

O artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, que resulta de aplicación de conformidade co disposto na disposición transitoria terceira do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, establece que o órgano encargado da xestión das competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia en materia de Administración local é a Dirección Xeral de Administración Local.

Segundo o artigo 1.a.2 do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, este é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de Administración local.

Polo exposto e de conformidade co establecido no punto catro do artigo 57 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, do orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo é o órgano competente para a determinación das condicións de repartición para os municipios resultantes dun proceso de fusión do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2020.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Por medio desta orde regúlanse as condicións de participación no Fondo de Cooperación Local do ano 2020 dos municipios resultantes dun proceso de fusión para a repartición do fondo adicional.

2. O Fondo de Cooperación Local para o ano 2020 ten un fondo adicional cunha dotación de 1.800.000 euros destinados na súa totalidade ao cumprimento do sinalado no artigo 13.Un, alíneas a) e f), da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

Serán beneficiarios do fondo adicional os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia resultantes dun proceso de fusión municipal.

Artigo 3. Destino

As achegas procedentes deste fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local terán carácter non finalista e poderán ser aplicadas polos concellos ao financiamento de programas de gasto de natureza produtiva ou xeradora de emprego, obras ou servizos, gastos de persoal, gastos correntes en bens e servizos, amortización de débeda ou calquera outro gasto ou investimento acorde coas competencias municipais.

Artigo 4. Distribución

1. O fondo adicional de 1.800.000 euros dotado na aplicación orzamentaria 21.01.811B.460.1 será distribuído entre os municipios fusionados en función da súa antigüidade, e correspóndelles, segundo o caso, un 71 % do importe ás entidades locais fusionadas nos cinco últimos anos e un 29 % ás fusionadas entre os dez e os cinco últimos anos contados desde a publicación desta orde.

2. A Dirección Xeral de Administración Local comunicará á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos os concellos que participarán no Fondo de Cooperación Local por estes conceptos no prazo de tres días desde a publicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo