Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 13 de outubro de 2020 Páx. 39545

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 6 de outubro de 2020 pola que se modifica a Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia.

Mediante a Orde do 19 de decembro de 2019 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 11, do 17 de xaneiro), que foi modificada pola Orde do 28 de maio de 2020 para ampliar a dotación económica da liña competitiva (DOG núm. 105, do 1 de xuño).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto segundo o previsto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e de acordo co establecido no Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de outubro de 2019, en que se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

No artigo 31 da orde establécese o 31 de outubro de 2020 como data límite do prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas. Tendo en conta o número de proxectos subvencionados e a complexidade do proceso de tramitación e de contratación nas entidades locais beneficiarias, moi exixido no contexto da pandemia causada pola Covid-19 pola suspensión dos prazos administrativos decretados na fase de confinamento xeral, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 22 de novembro de 2020 para facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal «o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros».

Con base en todo o anterior, de acordo coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia que, na súa disposición transitoria segunda determina a subsistencia da estrutura e das funcións dos órganos superiores e de dirección ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida no decreto, e co disposto na Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 31.1 da Orde do 19 de decembro de 2019, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a conta xustificativa ata o 22 de novembro de 2020».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo