Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 13 de outubro de 2020 Páx. 39549

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 2 de outubro de 2020 pola que se establecen os domingos e festivos en que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2021.

A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia (DOG do 28 de decembro), modificada pola Lei 1/2013, do 13 de febreiro (DOG do 14 de febreiro), determina no artigo 5 que os domingos e días festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, de dez ao ano.

O artigo 6 do mesmo texto legal sinala que os domingos e festivos de apertura serán determinados para cada período anual mediante orde da consellería que posúa as competencias en materia de comercio, que se publicará no Diario Oficial de Galicia antes do 15 de outubro do ano anterior ao da súa aplicación, logo da consulta ás asociacións de consumidores máis representativas con implantación en toda a comunidade, ao Consello Galego de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de Galicia e ás demais organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas de Galicia.

Con independencia do establecido no parágrafo anterior e co obxectivo de protexer os intereses comerciais nos diferentes concellos, despois de seren publicadas no Diario Oficial de Galicia as datas a que fai referencia este artigo, calquera concello poderá solicitar da consellería competente en materia de comercio a modificación de dúas datas para o seu termo municipal. Esta solicitude deberá ser motivada e realizarse antes do 15 de novembro, tendo que se presentar acompañada dos informes emitidos pola cámara de comercio, industria e navegación da zona e polas organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas. A consellería resolverá no prazo de quince días, contados desde a presentación da solicitude. De transcorrer o devandito prazo sen resolución expresa, considerarase estimada a petición. Con anterioridade ao 15 de decembro serán publicados no Diario Oficial de Galicia os cambios que se aprobasen.

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten competencia en materia de comercio, de acordo co disposto no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG do 25 de xaneiro de 2018).

En aplicación dos citados preceptos, logo de consulta efectuada aos axentes socioeconómicos determinados pola lei, e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores, procédese á fixación dos 10 domingos e festivos que, para os efectos do exercicio da actividade comercial, terán a condición de hábiles durante o ano 2021.

Polo tanto, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Os domingos e festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público durante o ano 2021 son:

3 de xaneiro

10 de xaneiro

1 de abril

31 de outubro

28 de novembro

5 de decembro

8 de decembro

12 de decembro

19 de decembro

26 de decembro

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación