Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39881

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2020, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez, para o cumprimento da Directiva 2010/75/UE, nas Pontes de García Rodríguez (clave AC/16/248.01).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu número 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 31 de maio de 2018 a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez, para o cumprimento por parte da central térmica da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais, no concello das Pontes de García Rodríguez (clave AC/16/248.01), polo Decreto 65/2018, publicado no Diario Oficial de Galicia do 18 de xuño de 2018.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu regulamento do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG nº 179, do 20 de setembro de 2017, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello das Pontes de García Rodríguez, para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se detallan a seguir, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal das Pontes de García Rodríguez.

Lugar: salón de plenos da Casa Consistorial.

Data: 27 de outubro de 2020, ás once horas da mañá.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello das Pontes de García Rodriguez, e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña (r/ Vicente Ferrer nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Web/Contidos/Aviso/aviso_0185.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados ao levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, se for o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, e poderanse facer acompañar á súa custa, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

A Coruña, 25 de setembro de 2020

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña