Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39883

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2020, da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de promoción pública para o expediente PO2015/020 en Cambeses, no concello de Vigo.

De acordo co que se establece no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, en sesión do 24 de setembro de 2020,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de adxudicatarios/as para 33 vivendas de promoción pública, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

– Número de vivendas: 33.

– Localización das vivendas: r/ Ignacio Groba, núm. 19, no concello de Vigo.

– Superficies útiles aproximadas e tipoloxía de vivendas:

Nº vivendas

Nº dormitorios

Sup. media útil

2

2

72,24 m²

25

3

83,9 m²

4

4

107,74 m²

2 vivendas adaptadas para mobilidade reducida

3

90,44 m²

Cada vivenda leva vinculada unha praza de garaxe e un rocho.

– Composición familiar para cada vivenda:

Tipoloxía das vivendas

Nº de membros

2 dormitorios

1 , 2 e 3 membros

3 dormitorios

4 membros

4 dormitorios

5 ou máis membros

Reserva: v. adaptada mobilidade reducida

Sen límite de membros

Segundo. Cualificación das vivendas

As vivendas foron cualificadas provisionalmente pola Resolución do xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en Pontevedra do 26 de marzo de 2019 como vivendas de promoción pública.

Terceiro. Réxime de adxudicación das vivendas

As vivendas adxudicaranse en propiedade ou arrendamento. Será obrigatoria a adxudicación en réxime de arrendamento cando os ingresos ponderados dos solicitantes, computados os da totalidade dos membros da unidade familiar ou convivencial en que estea integrado, non superen 1,5 veces o Iprem.

Cuarto. Condicións xerais dos/das beneficiarios/as

Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter expedida a credencial de inscrición ou a solicitude de inscrición presentada no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vigo á data desta resolución de inicio, e que estean anotados para as vivendas de protección oficial de promoción pública (sección I).

2. Ter ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o Iprem.

3. Residir ou traballar no concello onde se localizan as vivendas, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

4. Carecer de vivenda en calidade de propietario/a, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:

a) Excepcionalmente, poderán acceder a unha vivenda protexida as persoas que sexan propietarias doutra vivenda cando estea suxeita a expediente de expropiación forzosa, as persoas separadas ou divorciadas que se atopen ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias e que fosen privadas do uso da vivenda por sentenza ou convenio regulador e as que ocupen aloxamentos provisionais como consecuencia de actuacións de emerxencia ou remodelacións urbanas que impliquen a perda da súa vivenda ou calquera outra situación excepcional declarada polo organismo competente en materia de vivenda (artigo 64.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).

b) Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertar ao IGVS a dita vivenda a efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007.

c) A tenza doutra vivendas respecto da cal non se posúa a súa plena propiedade e dispoñibilidade en calidade de dono, sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 30.000 € (Resolución do 23 de febreiro de 2015 do Instituto Galego da Vivenda e Solo).

Quinto. Condicións xerais de carácter económico

1. Réxime de compravenda.

a) O valor das vivendas de promoción pública serán elaborados con base no 100 % do módulo aplicable a cada metro cadrado de superficie útil das vivendas, segundo a área xeográfica en que estean situadas, vixente no momento da cualificación definitiva da promoción.

Neste procedemento de adxudicación os estudos económicos iniciais destas vivendas conservarán a súa validez ata que cumpran cinco anos, que se contarán desde a data de cualificación definitiva.

Do sexto ao décimo quinto ano, ambos inclusive, os estudos económicos, serán elaborados aplicando o 80 %, e do décimo sexto ao trixésimo ano, o 70 % do valor do módulo aplicable segundo a zona territorial determinada na cualificación definitiva, vixente no momento da transmisión (artigo 21 do Decreto 253/2007).

b) Os prezos de venda fixaranse en atención ao valor da vivenda e aos ingresos ponderados dos adxudicatarios, e serán os seguintes:

I. Para os/as adxudicatarios/as con ingresos familiares ponderados comprendidos entre 2 veces o Iprem e 2,5 veces o Iprem: o 70 % do valor da vivenda segundo o estudio económico. Se existisen rochos e garaxes vinculados o prezo destes será, respectivamente, o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

II. Para os/as adxudicatarios/as con ingresos familiares ponderados comprendidos entre 1,5 veces o Iprem e 2 veces o Iprem: o 60 % do valor da vivenda segundo o estudio económico. Se existisen rochos e garaxes vinculados o prezo destes será, respectivamente, o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

III. Para os/as adxudicatarios/as con ingresos familiares ponderados ata 1,5 veces o Iprem: o 50 % do valor da vivenda segundo o estudo económico. De existir rochos e garaxes vinculados, o prezo destes será, respectivamente, o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

c) As vivendas venderanse aprazando a totalidade do prezo, que producirá un xuro máximo anual do 5 % e devolverase en 30 anos en cotas mensuais, integradas por capital e xuros.

Cando no momento da adxudicación definitiva do grupo efectuada pola Comisión Provincial de Vivenda o tipo de xuro anteriormente establecido fose superior ao fixado polo Consello de Ministros para os convenios que subscriba o Ministerio de Fomento coas entidades prestamistas para o financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo, entenderase que este último será o tipo de xuro aplicable.

d) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de compravenda, logo de pagamento por parte do adxudicatario dos gastos e impostos que procedan.

2. Réxime de arrendamento.

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de sete anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibido en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, previo pagamento por parte do adxudicatario da fianza correspondente.

Sexto. Procedemento de adxudicación

De acordo co Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, antes mencionado, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre as persoas inscritas ou con solicitude de inscrición presentada no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia ata a data desta resolución de inicio para o concello de Vigo.

Do sorteo resultará unha lista de adxudicatarios provisionais, cuxa orde de confección virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo.

O feito de resultar adxudicatario provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicataria definitiva, en tanto non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.

Sétimo. Reservas

1. De conformidade co establecido no artigo 74 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, artigo 34 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS, e no artigo 22.2.e) do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, faise a seguinte reserva:

Reserva de 2 vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida de carácter permanente.

Clasificaranse os integrantes desta reserva coa seguinte orde de preferencia:

1º. Os que precisen cadeira de rodas para os seus desprazamentos ou dependan absolutamente de dous bastóns para deambular.

2º. Os que acrediten unha enfermidade ou discapacidade permanente que, polo seu desenvolvemento, poida chegar a impedir desprazarse sen axuda ou que afecte notoriamente a súa mobilidade.

Consonte o disposto no artigo 23.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, anteriormente nomeado, realizárase un sorteo diferenciado para aquelas persoas que declaren reunir os requisitos establecidos na normativa reguladora deste colectivo específico.

2. As vivendas asignadas á reserva previstas no punto 1 que queden sen adxudicar por inexistencia de solicitudes non pasarán a formar parte do número de vivendas adxudicables na cota xeral.

Oitavo. Lotes

De acordo co previsto no artigo 22.2.h) do mencionado Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, establécense lotes segundo o número de dormitorios das vivendas, realizándose un sorteo diferenciado para cada un deles, atendendo a seguinte orde:

Primeiro lote: vivendas de 4 dormitorios para unidades familiares ou convivenciais de 5 ou máis membros.

Segundo lote: vivendas de 3 dormitorios para unidades familiares ou convivenciais de 4 membros.

Terceiro lote: vivendas de 2 dormitorios para unidades familiares ou convivenciais de 1, 2 ou 3 membros.

Do sorteo de cada lote resultará unha lista de preadxudicatarios/as provisionais e de espera, cuxa orde de confección virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo.

Noveno. Número de solicitantes que integrara a lista de espera

• Todos os demandantes inscritos ou con solicitude de inscrición presentada para a reserva de vivendas adaptadas a persoas con mobilidade reducida.

• 20 para o lote de 2 dormitorios.

• 60 para o lote de 3 dormitorios.

• 20 para o lote de 4 dormitorios.

Décimo. Publicidade

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento,a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias en espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Vigo, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional os/as solicitantes que se consideren prexudicados no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación, para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

Décimo primeiro. Asignación de vivendas

A Área Provincial do IGVS procederá, logo do sorteo, á determinación da vivenda que lle corresponde a cada adxudicatario/a. Esta determinación deberá ser notificada a cada adxudicatario/a. Tal notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos:

– Tipo de vivenda.

– Superficie útil.

– Réxime de adxudicación.

– Prezo de venda ou renda.

Cada unidade familiar ou convivencial só participa no sorteo dunha única tipoloxía de vivenda, atendendo aos criterios de superficie que se establecen no artigo 10.IV do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

Os/as adxudicatarios/as definitivos/as disporán dun prazo de quince días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación, e, no caso de aceptar, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.

Décimo segundo. Procedemento na realización do sorteo

Participarán no sorteo da reserva de vivendas adaptadas a persoas con mobilidade reducida ou de cada lote de vivendas, todos os demandantes inscritos ou con solicitude de inscrición presentada que reúnan as características específicas exixidas.

A orde de realización do sorteo será a seguinte:

– Primeiro-reserva de vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

– Segundo-lote de vivendas de 4 dormitorios.

– Terceiro-lote de vivendas de 3 dormitorios.

– Cuarto-lote de vivendas de 2 dormitorios.

Décimo terceiro. Data do sorteo

O sorteo será público e celebrarase ante notario ás 10.00 horas do día 22 de outubro de 2020 en Vigo, no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, na praza da Estrela, Concepción Arenal, núm. 8.

Pontevedra, 24 de setembro de 2020

José Manuel González González
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra