Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 15 de outubro de 2020 Páx. 39953

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 171/2020, do 1 de outubro, polo que se crea a especialidade en dietética dentro da categoría estatutaria de técnico/a especialista do Servizo Galego de Saúde.

A Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, establece no artigo 15.1 que cada servizo de saúde establecerá, modificará ou suprimirá as categorías do seu persoal estatutario de acordo coas previsións contidas no propio Estatuto marco.

No Servizo Galego de Saúde veñen funcionando unidades encargadas do deseño e control das dietas e dos alimentos subministrados, co fin principal de garantir a súa calidade e a súa adaptación aos distintos procesos patolóxicos.

Para a súa correcta xestión operativa resulta adecuada a incorporación de persoal profesional formado especificamente para esas funcións. O colectivo de persoal que se axusta a estes requirimentos é o que acredita o título de técnico/a superior en Dietética establecido polo Real decreto 536/1995, do 7 abril, polo que se establece o título de técnico superior en Dietética e as correspondentes ensinanzas mínimas.

Preténdese así incorporar persoal técnico especialista que, baixo a supervisión correspondente, colabore na elaboración de dietas adaptadas ás necesidades dos/das pacientes e no control da calidade destas e dos alimentos subministrados, así como na organización e xestión da correspondente unidade, sen prexuízo de que concorra no desempeño desas funcións con outras categorías.

A creación da especialidade de dietética responde á necesidade de promover a incorporación de profesionais do ámbito sanitario, con formación específica, aos cadros de persoal das institucións sanitarias.

O presente decreto dítase en desenvolvemento da citada Lei 55/2003, do 16 de decembro, e do Real decreto 184/2015, do 13 de marzo, polo que se regula o catálogo homoxéneo de equivalencias das categorías profesionais do persoal estatutario dos servizos de saúde e o procedemento da súa actualización.

A tramitación desta norma adecuouse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e foi obxecto de publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia para os efectos do previsto no artigo 9.c) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Así mesmo, o proxecto foi sometido a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero, informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, informe da dirección xeral competente en materia de función pública e da Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade.

Así mesmo, o texto do decreto adecúase aos principios de boa regulación descritos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Este decreto dítase tras a preceptiva negociación na Mesa Sectorial e co voto favorable de todas as organizacións sindicais representadas nela: CIG, CC.OO., CSI.F, SATSE e UGT.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de outubro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten por obxecto a creación da especialidade en dietética dentro da categoría estatutaria de técnico/a especialista do Servizo Galego de Saúde, e regular o seu réxime xurídico, réxime de acceso, funcións e dotación de cadro de persoal.

2. A regulación contida neste decreto resulta de aplicación ao persoal estatutario que preste servizos nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Creación da especialidade en dietética

Créase no Servizo Galego de Saúde, dentro da categoría estatutaria de técnico/a especialista (persoal sanitario de formación profesional), a especialidade en dietética, cuxo título foi establecido polo Real decreto 536/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico superior en Dietética e as correspondentes ensinanzas mínimas.

Artigo 3. Acceso

1. Para acceder á especialidade en dietética, como persoal estatutario fixo ou temporal, será indispensable estar en posesión do título de técnico/a superior en Dietética (formación profesional da familia sanitaria). Entenderase cumprido este requisito cando se posúa calquera outro título declarado equivalente, nos termos previstos na normativa de ordenación xeral da formación profesional.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá posuírse o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

2. A superación das probas de selección, convocadas en execución dunha oferta pública de emprego, será requisito para acceder á condición de persoal estatutario fixo da especialidade.

3. A selección de persoal temporal efectuarase polo procedemento establecido logo da negociación na Mesa Sectorial.

Artigo 4. Réxime xurídico

A relación do persoal desta especialidade co Servizo Galego de Saúde rexerase pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde; pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e pola normativa de desenvolvemento aplicable ao persoal estatutario deste organismo autónomo.

Artigo 5. Funcións

1. Corresponde ao persoal técnico especialista en Dietética exercer, baixo a dirección da institución sanitaria e a supervisión que esta dispoña, as funcións inherentes ao conxunto de aptitudes e capacidades que derivan da titulación de técnico/a superior en Dietética. En particular, desenvolverá principalmente as seguintes funcións:

a) Organizar e xestionar, ao seu nivel, a área de traballo asignada na unidade.

b) Elaborar e supervisar dietas adaptadas ás necesidades dos/das pacientes, segundo as correspondentes especificacións facultativas.

c) Controlar e supervisar a composición cualitativa dos alimentos.

d) Supervisar a conservación, manipulación e transformación dos alimentos.

e) Realizar o seguimento e estudar a aceptación das dietas polos/as pacientes.

f) Todas aqueloutras funcións a que habilite o seu currículo formativo no seu ámbito funcional.

2. As devanditas funcións desenvolveranse sen menoscabo da competencia, capacidade de supervisión, responsabilidade e autonomía do persoal profesional doutras categorías que actúan no ámbito da dietética.

Artigo 6. Cadro de persoal

Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da consellería con competencias en materia de sanidade, planificar as necesidades e determinar o número de efectivos de persoal da nova especialidade que poden prestar servizos con carácter estrutural.

A dotación de prazas farase efectiva mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal de técnico/a especialista, coas limitacións e de conformidade coas previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

Disposición adicional única. Valoración de servizos prestados

Os servizos prestados a partir da data de obtención do título de técnico/a superior en Dietética, en desenvolvemento con carácter fundamental das funcións propias desa especialidade e debidamente certificados, terán a consideración de prestados na dita especialidade nos procesos de selección, para persoal temporal ou fixo, que se formalicen para o acceso a ela.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no ámbito da organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de outubro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade