Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 16 de outubro de 2020 Páx. 40132

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución de 6 de outubro de 2020 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT404B).

BDNS (Identif.): 527526.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas, dedicadas profesionalmente á actividade de creación e produción no ámbito audiovisual galego, que leven a cabo algunha das actividades descritas como subvencionables.

Só poderán participar nesta convocatoria aquelas persoas físicas (autónomas) ou xurídicas que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual. En canto á participación de entidades produtoras, será preciso que a empresa estea dada de alta no IAE na epígrafe 96.1.1. Só se poderá presentar unha única solicitude por obra para cada un dos festivais de cinema que se describen na base seguinte.

Segundo. Finalidade

A promoción e difusión do cinema a través da participación de filmes galegos en festivais e mostras de cinema de prestixio nacional e internacional que se celebren fóra de Galicia, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT404B).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT404B).

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 40.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 2020.11.A1.432B.470.0, código de proxecto 2015-00003.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes para os eventos xa celebrados serán dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Para os celebrados con posterioridade á publicación da presente convocatoria, será dun mes contado desde que se produza a comunicación oficial, por parte do festival, da selección da obra, e en calquera caso non poderá exceder o 15 de novembro de 2020.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais