Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 19 de outubro de 2020 Páx. 41750

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial da Coruña, de exposición pública do proxecto de avaliación ambiental ordinaria para aprobación dun proxecto de ordenación en Codesoso (Sobrado dos Monxes).

No Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña estase tramitando unha solicitude de aprobación do proxecto de ordenación do monte veciñal de San Miguel de Codesoso, por solicitude da comunidade de Codesoso, propietaria do monte.

A superficie afectada é toda a superficie do monte veciñal en man común (346,18 ha, de acordo co proxecto de ordenación). O monte atópase na parroquia de Codesoso, no municipio de Sobrado dos Monxes.

O procedemento está regulado pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e polo Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e tamén lle é de aplicación a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, que no seu anexo I (proxectos sometidos a avaliación ambiental ordinaria) cita:

«Grupo 9: outros proxectos.

a) Os seguintes proxectos cando se desenvolvan en espazos naturais protexidos, Rede Natura 2000 e áreas protexidas por instrumentos internacionais, segundo a regulación da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade:

2º. Proxectos para destinar áreas incultas ou áreas seminaturais á explotación agrícola ou aproveitamento forestal madeireiro que impliquen a ocupación dunha superficie maior de 10 ha».

De acordo co disposto no artigo 36 desa mesma lei, comunícase a exposición pública do proxecto, durante un prazo de trinta días, para que calquera persoa ou entidade poida consultalo e, se for o caso, presentar alegacións a el, como paso previo ao seu envío á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que, como órgano ambiental, continuará a tramitación de avaliación de impacto ambiental ordinaria e formulará a declaración de impacto ambiental que terá a natureza de informe preceptivo e determinante, e determinará se procede ou non, para os efectos ambientais, a realización do proxecto e, se for o caso, as condicións en que pode desenvolverse, as medidas correctoras e as medidas compensatorias.

A autoridade forestal é a competente para autorizar a solicitude do proxecto de ordenación do monte veciñal.

Desde o día seguinte á publicación deste anuncio, o proxecto está dispoñible para a súa consulta en horario de atención ao público no Servizo de Montes desta xefatura territorial, rúa Vicente Ferrer, 2, planta sexta norte da Coruña, e no portal web da Consellería do Medio Rural:

http://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/anuncios.

Por mor das medidas de prevención sanitaria vixentes na actualidade, será necesario solicitar cita previa para a consulta presencial no correo electrónico:

servizo.montes.coruna@xunta.gal ou chamando ao teléfono 981 18 46 71 (Servizo de Montes da Coruña).

A Coruña, 1 de outubro de 2020

Mónica López López
Xefa territorial da Coruña