O 22 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN414D).
No artigo 4 da orde mencionada prevese un crédito de 1.300.000 € para o financiamento destas axudas, con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.733A.480.10 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.
No mesmo artigo prevese que se poderá ampliar o crédito destinado a esta convocatoria nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Dado que o importe inicial establecido na Orde do 26 de decembro de 2019 non é suficiente para o pagamento de todas as solicitudes e que o prazo de solicitudes non remata ata o 30 de novembro de 2020, cómpre ampliar o importe do crédito destinado ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida orde, coa finalidade de conceder a subvención ao maior número de beneficiarios posible.
Segundo o establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Por todo o exposto, no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único
Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN414D), por un importe de 300.000 €, con cargo á partida orzamentaria 09.20.733A.480.10. Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a un millón seiscentos mil euros (1.600.000 €).
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2020
Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación