Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 21 de outubro de 2020 Páx. 41923

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se habilita o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas de interinidades e substitucións dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes desta consellería (código de procedemento ED003A).

O punto décimo do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado no Diario Oficial de Galicia do 11 de xullo de 2017 por Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 28 de xuño de 2017, establece a posibilidade de que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoque procedementos para elaborar as listas de interinidades e substitucións no caso de que, unha vez realizado chamamento a todas as persoas que constan nas relacións mencionadas no punto segundo do mesmo texto refundido, continuase resultando necesario cubrir necesidades de profesorado.

Deste xeito e en previsión das necesidades de profesorado que poidan derivar da situación provocada polas circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia xerada pola COVID-19, esta consellería convocou no pasado mes de xuño diversos procedementos para a elaboración de listas de interinidades e substitucións dos corpos de mestres, de profesorado de ensino secundario, de profesorado técnico de formación profesional, de profesorado de escolas oficiais de idiomas, de profesorado de música e artes escénicas e de profesorado de artes plásticas e deseño.

Así mesmo, e no marco do concurso de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2020/21, incrementáronse as prazas necesarias para atender as necesidades derivadas das medidas implantadas como consecuencia da aplicación do Protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21.

Logo da adxudicación dos destinos provisionais para este curso 2020/21, así como dos chamamentos xa realizados para a cobertura de substitucións que se produciron desde o inicio deste curso, todo fai prever que as necesidades de substitucións se van incrementar con respecto a anos anteriores e que será necesario adoptar medidas que permitan garantir dispoñer dos efectivos suficientes para poder atender as necesidades de profesorado que poidan xurdir durante o presente curso.

O Real decreto lei 31/2020, do 29 de setembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria (Boletín Oficial del Estado núm. 259, do 30 de setembro), establece a exención temporal do requisito da formación pedagóxica e didáctica de posgrao, ou equivalente, para o nomeamento de persoal funcionario, cando non sexa posible nomear candidatos que estean en posesión do dito máster. Esta exención temporal queda limitada ata a finalización do curso académico en que as autoridades correspondentes determinen que deixaron de concorrer as circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia xerada pola COVID-19.

Asemade, para axilizar o máximo posible a elaboración das listas de interinidades e substitucións, negociouse na Mesa sectorial docente non universitaria a incorporación dunha disposición transitoria ao Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias. Esta addenda ao acordo de interinos publicouse no Diario Oficial de Galicia do día 16 de outubro de 2020 e aplícase nesta convocatoria.

Polo exposto, procede habilitar o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas de interinidades e substitucións dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto habilitar o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas de interinidades e substitucións dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en previsión das necesidades de profesorado que poidan derivar da situación provocada polas circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia xerada pola COVID-19 (código de procedemento ED003A).

Segunda. Requisitos

Para seren admitidas nas listas, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de finalización do prazo de presentación da/s solicitude/s, os requisitos que para cada unha das listas se establezan na resolución de convocatoria que será publicada no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal/).

Terceira. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As titulacións exixidas como requisito específico para o acceso ás listas de cobertura de interinidades e substitucións, así como as funcións que desenvolve este persoal, presupoñen que as persoas aspirantes posúen capacidade técnica suficiente para o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, no sentido do que establece o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, como xustificación da obrigatoriedade de presentar as solicitudes exclusivamente por medios electrónicos.

2. O prazo para formular solicitudes será de cinco (5) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal/).

3. Documentación que se presenta necesaria para a tramitación do procedemento.

Con carácter xeral, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación e aqueloutra que, de ser o caso, poida ser requirida pola resolución de convocatoria correspondente:

a) Certificación académica persoal, en que consten as puntuacións obtidas en todas as disciplinas e cursos exixidos para a obtención do título alegado, coa especificación de que se pagaron as taxas para a expedición do título coa indicación expresa da nota media.

A nota media da certificación académica persoal deberá estar calculada conforme o disposto no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro (Boletín Oficial del Estado núm. 224, do 18 de setembro). No caso de que non se remita a certificación académica persoal en que consten as puntuacións obtidas en todas as disciplinas e cursos exixidos para a obtención do título alegado, con indicación expresa da nota media e, na súa falta, se presente copia do título ou da certificación do pagamento dos dereitos de expedición, conforme o Real decreto 1002/2010, do 5 de agosto (Boletín Oficial del Estado núm. 190, do 6 de agosto), considerarase que a persoa aspirante obtivo a nota media de aprobado.

Para os efectos de valoración do expediente académico do título alegado, o persoal aspirante que obteña o título no estranxeiro presentará certificación expedida pola Administración educativa do país en que obtivo o título que indique a nota media deducida das cualificacións obtidas en toda a carreira e exprese, ademais, a cualificación máxima e mínima que se pode obter, de acordo co sistema académico correspondente, para os efectos de determinar a súa equivalencia coas cualificacións españolas, e a declaración de equivalencia da nota media obtida na web da ANECA, asinada pola persoa interesada.

b) As persoas graduadas en educación primaria que obtiveran unha mención nunha universidade distinta da que obtiveron o título, e aleguen esta mención para a súa inclusión nas listas de interinidades ou substitucións deberán achegar certificación académica oficial expedida pola universidade acreditativa da obtención da mención.

c) Para todos os corpos agás o de mestres (597), título profesional de especialización didáctica, o certificado de cualificación pedagóxica ou o certificado de aptitude pedagóxica.

Cando en substitución do máster universitario que habilita para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas ou, cando sexa o caso, da formación equivalente, se alegue docencia efectiva, con anterioridade ao 1 de outubro de 2009, ou cando sexa o caso, con anterioridade ao 1 de setembro de 2014, durante dous cursos completos ou doce meses continuos ou descontinuos, en ensinanzas regradas dos niveis e ensinanzas cuxas especialidades se regulan no Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro, non será necesario presentar ningunha documentación se a docencia se impartiu en centros públicos dependentes desta Consellería de Cultura, Educación e Universidade e os servizos prestados constan na aplicación informática de persoal. Nestes supostos a certificación será expedida e incorporada de oficio ao expediente correspondente pola Subdirección Xeral de Recursos Humanos.

Noutro caso, xustificarase do seguinte xeito:

– Se se trata dun centro público, mediante certificación na cal conste a data de inicio e fin, nivel do ensino impartido e especialidade, expedida pola secretaría do centro, co visto e prace da dirección e o contrato ou nomeamento expedido polo organismo correspondente.

– Se se trata dun centro privado debidamente autorizado, mediante certificación, en que conste a data de inicio e fin, nivel do ensino impartido e da materia, expedida pola dirección do centro, co visto e prace dos servizos de inspección educativa correspondente, ou copia dos contratos de traballo xunto con certificado da vida laboral.

d) Persoal aspirante que solicite exención ou bonificación das taxas:

– Xustificación de ser membro de familia numerosa de categoría xeral ou especial, só no caso de non estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Xustificación de ter un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, só no caso de non estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Taxas administrativas devindicadas pola tramitación da solicitude (código 300301).

Non será necesario achegar aqueles documentos académicos que se presenten a partir da primeira convocatoria para a elaboración de listas de interinidades e substitucións que se realice logo da habilitación deste procedemento. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Títulos oficiais universitarios que dean acceso á función docente e que consten no Rexistro Central do Ministerio de Educación, agás os de mestre/a de ensino primario, diplomatura en profesorado de educación xeral básica, mestre/a ou grao de mestre/a en educación primaria e as titulacións de licenciatura ou enxeñaría en que se requira unha especialidade para formar parte das listas para cubrir interinidades ou substitucións.

c) Consulta da inexistencia de antecedentes penais por delitos sexuais.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Acreditación da condición de familia numerosa só no caso de estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditación da condición de discapacidade só no caso de estar recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estar inscrito/a como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data da convocatoria das probas selectivas nas cales solicite a súa participación e non estar percibindo prestación ou subsidio por desemprego.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Quinta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal.

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexta. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2020

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

missing image file
missing image file
missing image file