Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 23 de outubro de 2020 Páx. 42256

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 22 de outubro de 2020 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros dependentes da Xunta de Galicia durante a folga indefinida convocada polas centrais sindicais, Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.), no sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo, que comeza o día 26 de outubro de 2020.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño).

Os representantes das centrais sindicais, Confederación Intersindical Galega (CIG) a Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) comunicaron á Consellería de Emprego e Igualdade a convocatoria da folga que terá lugar de xeito indefinido a partir das 00:00 horas do día 26 de outubro de 2020 e afectará a todas as empresas do sector da limpeza que prestan servizos na provincia de Lugo e a todos os centros de traballo nos que son adxudicatarias dos servizos de limpeza e, en consecuencia, a todos os/as traballadores/as que prestan servizos para estas, salvo que non apliquen o Convenio colectivo de limpeza da provincia de Lugo.

A este respecto, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece que, cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá adoptar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.

Deste xeito, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican nesta orde.

A xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfacen dereitos e intereses dos cidadáns vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo, de acordo cos seguintes criterios:

a) Proporcionalidade entre os sacrificios que se impoñan aos folguistas e os que padezan os usuarios dos servizos.

b) Equilibrio entre os dereitos e intereses dos traballadores en folga e dos cidadáns afectados.

c) Suficiencia na realización do traballo necesario que permita a cobertura mínima do servizo, aínda sen alcanzar os niveis normais de prestación.

Tendo en conta o anterior e con carácter xeral, cómpre ter presente que neste caso nos atopamos ante unhas circunstancias extraordinarias e graves que obrigan a afastarnos dos servizos mínimos fixados en anteriores convocatorias de folga. Referímonos á situación de emerxencia sanitaria en que nos atopamos como consecuencia da pandemia provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 que causa o COVID-19.

Así, o artigo 43.1 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, mentres que o número 2 dese artigo sinala que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas. Pois ben, os servizos mínimos que se deben fixar para esta convocatoria de folga deben ser tales que permitan o cumprimento efectivo das medidas preventivas fixadas polos diferentes instrumentos regulatorios aprobados polas autoridades, pois con iso non só se protexe a saúde dos usuarios dos servizos públicos senón toda a poboación en xeral, como medidas para evitar a propagación da pandemia. Dentro destes instrumentos cómpre ter en conta, con carácter xeral e de xeito aplicable a todos os centros abertos ao público, a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade (DOG núm. 115, do 13 de xuño de 2020), que recolle medidas especificas de hixiene e prevención para establecementos e locais con apertura ao público, que obrigan a intensificar os labores de limpeza. Así, no punto 2.2 do anexo do referido acordo, sinálase:

Medidas de hixiene exixibles aos establecementos e locais con apertura ao público.

1. Os establecementos e locais que abran ao público realizarán, polo menos unha vez ao día, unha limpeza e desinfección das instalacións, con especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuentes, conforme o establecido na letra a) do número 2.1.

2. Revisarase frecuentemente o funcionamento e a limpeza de sanitarios, billas e pomos de porta dos aseos nos establecementos e locais con apertura ao público.

Neste contexto, e de xeito máis concreto, en canto aos edificios xudiciais, ademais das medidas de hixiene individual, resultan imprescindibles o mantemento da limpeza e desinfección e ventilación dos xulgados, tendo en conta ademais que se reforzaron os servizos de limpeza na quenda de mañá pola situación excepcional de emerxencia sanitaria, razón pola cal resulta necesario fixar o 100 % dos servizos mínimos do persoal de limpeza.

Respecto da Oficina de Turismo de Lugo, propóñense os servizos mínimos indispensables para garantir a salubridade e as condicións de hixiene mínimas, coa limpeza de baños e retirada de lixo, xa que é un lugar de grande afluencia de público.

Polo que se refire aos centros de ensino non universitario, cómpre ter presente, como se sinalou máis arriba, que os servizos mínimos que se deben fixar para esta convocatoria de folga deben ser tales que permitan o cumprimento efectivo das medidas preventivas fixadas polos diferentes instrumentos regulatorios aprobados polas autoridades.

Entre eses instrumentos regulatorios, no ámbito educativo cómpre salientar a Orde comunicada do ministro de Sanidade do 27 de agosto de 2020 (publicada no DOG do 28 de agosto de 2020 como anexo á Orde da Consellería de Sanidade do 28 de agosto de 2020) e as instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consello Interterritorial do Sistema nacional de saúde pública (DOG núm. 174 bis, do 28 de agosto de 2020) ou a Resolución conxunta do 22 de setembro de 2020, das consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Sanidade, pola que se aproba a actualización do «Protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021», así como os protocolos de «prevención da transmisión da Covid-19 no alumnado con necesidades educativas especiais para o ámbito educativo» e o de «prevención da transmisión da Covid-19 nos comedores dos centros educativos non universitarios».

Neste contexto resultan tamén imprescindibles o mantemento da limpeza, desinfección e ventilación dos centros, razón pola que resulta necesario fixar como servizos mínimos do 100 % do persoal de limpeza. Das normas e instrucións antes mencionadas recollemos algunhas da medidas que xustifican tales servizos mínimos:

«4. Medidas xerais de limpeza nos centros.

(...)

4.1.1. Limpeza polo menos unha vez ao día, reforzándoa naqueles espazos que o precisen en función da intensidade de uso, como no caso dos aseos onde será de polo menos dúas veces ao día.

4.1.2. Terase especial atención nas zonas de uso común e nas superficies de contacto máis frecuentes como pomos de portas, mesas, mobles, pasamáns, teléfonos, perchas e outros elementos de similares características, así como de billas, elementos das cisternas e outros dos aseos.

4.1.3. Durante a xornada lectiva unha persoa do servizo de limpeza realizará unha limpeza de superficies de uso frecuente e no caso dos aseos de polo menos dúas veces na xornada. En todo caso nos aseos existirán xaboneiras ou material de desinfección para ser utilizado polos usuarios voluntariamente.

(...)

4.1.8. Deberá vixiarse a limpeza de papeleiras, (todas con bolsa interior e protexidas con tapa), de xeito que queden limpas e cos materiais recollidos, co fin de evitar calquera contacto accidental».

Todas as circunstancias antes apuntadas son as que levan a establecer os servizos mínimos concretados na presente orde no 100 % do persoal, tentando deste xeito compatibilizar o contido esencial dos dereitos en conflito.

Pola súa banda, nos centros dependentes da Consellería de Emprego e Igualdade fixase o 100 % dos servizos mínimos tendo en conta as seguintes xustificacións:

Nos centros de formación de emprego lévanse a cabo actividades formativas con alumnado que participa nos cursos todos os días, en horario de mañá permanecendo no centro unha media de 5 a 6 horas. Nestes centros na actualidade hai unha importante afluencia de persoas, así no Centro Integrado de Formación Profesional de Lugo asisten 80 persoas, no Centro de Formación Ocupacional de Viveiro 32 persoas e na Unidade de Acción Formativa de Monforte de Lemos non hai ninguén no centro porque no día de hoxe se suspenderon as actividades formativas, iso non obsta a que, unha vez que se reinicie a actividade, cómpre manter o servizo ao 100 %.

Polo que respecta ás oficinas de emprego tamén necesitan a prestación do servizo de limpeza coa suficiente frecuencia como para manter limpas as instalacións tendo en conta que son oficinas de atención ao público diariamente de xeito presencial. Nestes centros o tránsito de persoas é continuo e ademais hai que ter en conta que os trámites a realizar nestas, tales como a orientación laboral, que requiren a permanencia dos usuarios no centro durante máis de 30 minutos, as demandas de emprego, e ao que hai que sumar o das persoas que acoden ao SEPE a facer trámites en relación coas prestacións por desemprego.

No edificio da Xefatura Territorial de Sanidade, sito na rúa Montevideo, realizan o seu traballo, entre outras unidades, o Servizo de Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, servizo esencial que desenvolve funcións en materia de saúde pública e ademais é o único laboratorio de toda a Comunidade Autónoma que leva a cabo análises de diferentes mostras, restos orgánicos e outros.

Como consecuencia do exposto, é fundamental a prestación do servizo de limpeza, xa que logo, de non facerse, provocaría unha gran acumulación de lixo con restos, entre outros, orgánicos de moluscos, carnes, vísceras, peixe e leite, cos efectos que podería levar consigo (entre outros) o risco para a saúde dos traballadores do edificio.

No mesmo edificio desenvolven o seu traballo tamén a Inspección de Servizos Sanitarios, servizo que ten relación coa prestación de asistencia sanitaria no sentido de que o persoal inspector colabora no control as diferentes situacións de IT, coa pertinente observación ao paciente, polo que é obvio que, ao ter relación coas saúde das persoas, debe recollerse a designación de servizos mínimos.

Polo anterior, e dado que o cadro de persoal é de seis traballadores, propóñense como servizos mínimos o 100 % dos efectivos.

Polo que se refire aos centros dependentes da Consellería de Política Social cómpre ter presente que o servizo público de asistencia social non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

A paralización dos servizos de limpeza pode provocar nos centros e unidades afectadas graves problemas de salubridade, con consecuencias imprevisibles se non se mantén o mínimo de actividade que garanta a prestación dos servizos públicos nos ditos centros e unidades, polo que se establecen os servizos esenciais para a comunidade ao abeiro do Decreto 155/1988, do 9 de xuño.

Se as que acabamos de dicir son razóns que sosteñen a necesidade de fixar servizos mínimos ante calquera convocatoria de folga no ámbito dos centros e unidades da Consellería de Política Social, neste caso atopámonos ante unhas circunstancias extraordinarias e graves que obrigan a afastarnos dos servizos mínimos fixados en anteriores convocatorias de folga. Referímonos á situación de emerxencia sanitaria en que nos atopamos como consecuencia da pandemia internacional provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 que causa o COVID-19.

Por maior abastanza, resulta necesario ter en conta que as persoas que viven nunha residencia de maiores e centros sociosanitarios se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade ante a infección por COVID-19 por varios motivos:

• Habitualmente presentan patoloxía de base (sobre todo cardiovascular e respiratoria) ou co-morbilidades.

• Adoitan ser persoas de idade avanzada.

• Teñen contacto estreito con outras persoas (os seus coidadores e outros convivintes).

• Adoitan pasar moito tempo en contornas pechadas e con poboación igualmente vulnerable.

• Ademais, trátase dun colectivo no que a sintomatoloxía da enfermidade pode quedar enmascarada.

Dentro das medidas de control e prevención en relación coa infección polo VIRUS SARS-CoV-2, a autoridade sanitaria establece a intensificación da limpeza e desinfección dos centros, indicando que se establecerán programas intensificados de limpeza.

Nas actividades grupais que se realizan nos centros sociocomunitarios e espazos para a xuventude deberanse estremar as medidas de hixiene e prevención, tanto por parte das persoas usuarias como do/s traballadores/as dos centros, de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias en cada momento. Os utensilios e mobiliario utilizado nestas actividades, ou nos espazos de encontro, requirirán dunha correcta limpeza dos espazos empregados, previa ao uso por parte doutro usuario/a.

Todo o persoal cuxa presenza se cuantifica como esencial para o mantemento dos servizos mínimos é absolutamente necesario e indispensable, xa que a limpeza constitúe unha das esixencias máis relevantes na loita contra a pandemia, polo que se fai necesario un reforzo desta.

Polo que respecta aos centros dependentes da Consellería do Medio Rural, polo que respecta á Xefatura Territorial de Lugo fíxase o 100 % en todos os casos, debido á atención ao público que diariamente se fai en todas as dependencias e ao protocolo COVID imposto neste ano 2020, que levou a que nalgúns casos tivo que reforzarse a limpeza con máis horas, o que resulta indispensable na situación de pandemia actual.

No Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentairas, ben que noutras convocatorias de folga se establecía unha persoa, respecto do total de catro que levan a cabo as tarefas de limpeza, coa situación sanitaria da COVID-19 cómpre incrementar a 2 persoas diarias.

Finalmente, no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal «Pedro Murias», dependente de AGACAL, ao tratarse dun centro que non está a prestar servizo de residencia, considérase suficiente a limpeza en días alternos de luns a venres.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, en virtude das facultades que me confire o artigo 1 do Decreto 233/2012, do 5 de decembro, polo que se determina a organización, funcións e competencias da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, e oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. A convocatoria de folga indefinida efectuada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) a Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) que terá lugar a partir das 00:00 horas do día 26 de outubro de 2020 e que afectará a todas as empresas do sector da limpeza que prestan servizos na provincia de Lugo e a todos os centros de traballo nos que son adxudicatarias dos servizos de limpeza e, en consecuencia, a todos os/as traballadores/as que prestan servizos para estas, salvo que non apliquen o Convenio colectivo de limpeza da provincia de Lugo, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen na presente orde.

2. Terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan no anexo á presente orde.

Artigo 2

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada polos empregadores e notificada ao persoal designado.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO

– Servizos mínimos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Centro

Total

Servizos mínimos

Posto

Quenda

Audiencia Provincial Lugo

3

100 %

Limpador/a

2 quenda de tarde/1 quenda de mañá

Xulgado da Fonsagrada

1

100 %

Limpador/a

Quenda de mañá

Xulgado de Becerreá

2

100 %

Limpador/a

1 quenda de mañá/1 quenda de tarde

Xulgado de Chantada

2

100 %

Limpador/a

1 quenda de mañá/1 quenda de tarde

Xulgados de Lugo

8

100 %

Limpador/a

3 quenda de mañá/5 quenda de tarde

Xulgados de Mondoñedo

2

100 %

Limpador/a

1 quenda de mañá/1 quenda de tarde

Xulgados de Monforte

2

100 %

Limpador/a

1 quenda de mañá/1 quenda de tarde

Xulgado de Sarria

2

100 %

Limpador/a

1 quenda de mañá/1 quenda de tarde

Xulgados de Villalba

2

100 %

Limpador/a

1 quenda de mañá/1 quenda de tarde

Xulgados de Viveiro

2

100 %

Limpador/a

1 quenda de mañá/1 quenda de tarde

Xulgado de Paz de Ribadeo

1

100 %

Limpador/a

Quenda de tarde

Oficina Turismo Lugo (r/ do Miño 12, baixo, Lugo)

4 horas diarias

2 horas diarias

Limpador/a

Xornada partida

– Servizos mínimos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Centro

Total

Servizos mínimos

Posto

Quenda

Complexo Ambiental O Veral - O Veral, s/n - 27231 Lugo

1

1

Limpador/a

Tarde

IGVS-APLU - Avda. Ramón Ferreiro, 28 - 27071 Lugo

2

1

Limpador/a 

Tarde

– Servizos mínimos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Centro

Total

Servizos mínimos

Posto

A Biblioteca Nodal

2

100 %

Limpador/a

O Arquivo de Lugo

2

100 %

Limpador/a

Museo do Castro de Viladonga

1

100 %

Limpador/a

Complexo do Poboado do Cebreiro

1

100 %

Limpador/a

Monumento de Santa Eulalia de Bóveda

1

100 %

Limpador/a

Centros educativos non universitarios de titularidade pública ou privada afectados pola folga indefinida convocada no sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo: 100 % do persoal que presta estes servizos.

– Servizos mínimos de la Consellería de Emprego e Igualdade.

Centro

Total

Servizos mínimos

Posto

Quenda

Centro formación profesional ocupacional Lugo

3

3

Limpador/a

Tarde

Centro formación profesional ocupacional de Viveiro

1

1

Limpador/a

Tarde

Unidade de acción formativa de Monforte

1

1

Limpador/a

Tarde (unha vez se reinicie a actividade)

Oficina de emprego de Becerreá

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Oficina de emprego de Burela

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Oficina de emprego de Chantada

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Oficina de emprego de Lugo norte

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Oficina de emprego de Lugo sur

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Oficina de emprego de Mondoñedo

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Oficina de emprego de Monforte de Lemos

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Oficina de emprego de Ribadeo

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Oficina de emprego de Sarria

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Oficina de emprego de Vilalba

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Oficina de emprego de Viveiro

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá
tarde

Smac Lugo

1

1

Limpador/a

1 h. reforzo pola mañá

– Consellería de Sanidade.

Centro

Total

Servizos mínimos

Posto

Quenda

Edificio Xefatura Territorial Sanidade

6

3

Limpador/a

Tarde

– Consellería de Política Social.

Centro

Total

Servizos minimos

Posto

Quenda

Residencia de maiores
As Gándaras

11

5 / 2

Limpador/a

Mañá luns a sábado/mañá domingo

3 / 2

Limpador/a

Tarde luns a sábado/tarde domingo

Capd Sarria

7

3 / 2

Limpador/a

Mañá luns a venres/mañá sábado e domingo

2

Limpador/a

Tarde luns a domingo

Residencia de maiores de Monforte de Lemos

4

2

Limpador/a

Mañá luns a domingo

1

Limpador/a

Tarde luns a domingo

Centro sociocomunitario
A Milagrosa de Lugo

2

1

Limpador/a

Mañá luns a venres

1

Limpador/a

Tarde luns a venres

Centro sociocomunitario Ribadeo

2

1

Limpador/a

Mañá luns a venres

Centro sociocomunitario Vilalba

1

1

Limpador/a

Mañá/tarde luns a venres

Centro sociocomunitario Mondoñedo

1

1

Limpador/a

Mañá luns a venres

Residencia de maiores
A Milagrosa

1

1

Limpador/a

Tarde sábados, domingos e festivos

Residencia de maiores de Burela

1

1

Limpador/a

Mañá luns a venres

Sección cualificación e valoración de discapacidades Lugo

3

1

Limpador/a

Mañá luns a venres

2

Limpador/a

Tarde luns a venres

Centro Santo Anxo de Rábade

3

1

Limpador/a

Mañá luns a domingo

1

Limpador/a

Tarde luns a domingo

Espacio xove de Chantada

1

1

Limpador/a

Mañá luns a venres

Casa do mar de Burela

2

1

Limpador/a

Mañá

Casa do mar de Celeiro

2

1

Limpador/a

Mañá

– Consellería do Medio Rural.

Centro

Total

Servizos mínimos

Posto

Quenda

Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (DXGAIA)

4

2

Limpador/a

Tarde

CFEA PEDRO MURIAS (AGACAL)

1

1 (días alternos de luns
a venres)

Limpador/a

Mañá

Oficinas agrarias comarcais

100 %

Limpador/a

– Consellería do Mar.

Centro

Total

Servizos mínimos

Posto

Quenda

Edificio Celeiro-Viveiro

1

1 (luns e xoves)

Limpador/a

Tarde