Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 23 de outubro de 2020 Páx. 42267

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 19 de outubro de 2020 pola que se acorda ampliar o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 28 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento IN317A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 114, do 12 de xuño de 2020, e se modifica o artigo 21 das bases reguladoras.

O 12 de xuño de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 28 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento IN317A).

No artigo 21 das bases reguladoras da antedita orde, establécese que para cobrar a subvención concedida, as persoas beneficiarias deberán presentar unha solicitude de pagamento acompañada da documentación sinalada no mesmo artigo, tendo de prazo máximo ata o 26 de outubro de 2020 (inclusive). O elevado número de solicitudes presentadas, así como a complexidade a hora de comprobar os requisitos establecidos na orde relativos á actuación e gastos subvencionables, motivou un dilatado proceso de avaliación das actuacións e resolución dos respectivos expedientes. Co fin de garantir a maior eficacia posible das referidas subvencións e dado que non se causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

Por canto antecede, en virtude do disposto no artigo 23.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en exercicio das competencias atribuídas no artigo 4 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, do Consello da Xunta, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

ACORDO:

Primeiro. Ampliar ata o 4 de decembro do 2020 (inclusive) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da citada Orde do 28 de maio de 2020 para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia.

Segundo. Modificar o apartado 1 do artigo 21 da Orde do 28 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2020, quedando a redacción da seguinte maneira:

«Para cobrar a subvención concedida, as persoas beneficiarias deberán presentar electronicamente unha solicitude de pagamento mediante o modelo normalizado do anexo IV asinada polo responsable legal da entidade ou por persoa con poderes suficientes para iso, consonte o indicado no artigo 9.3, punto A.2, destas bases reguladoras, e acompañada da documentación sinalada nas seguintes epígrafes. O prazo máximo para presentar a xustificación será o 4 de decembro de 2020 (inclusive)».

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2020

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación