Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 27 de outubro de 2020 Páx. 42658

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 16 de outubro de 2020 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade Terras de Pontevedra.

O artigo 135 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, recoñece aos concellos de Galicia o dereito a asociarse en mancomunidades para a execución ou prestación, en común, de obras, servizos e actividades da súa competencia.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiu á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Unha vez examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– O Pleno da Mancomunidade Terras de Pontevedra aproba a iniciativa de modificación dos estatutos na súa sesión do 26 de novembro de 2019.

– O referido acordo someteuse á información pública durante o prazo dun mes no Boletín Oficial da Provincia núm. 242, do 18 de decembro de 2019, período no cal non se presentou ningunha alegación.

– Con data do 17 de xaneiro de 2020 emitiu informe a Deputación Provincial de Pontevedra. Con data do 20 de xaneiro de 2020 emitiu informe a Dirección Xeral de Administración Local.

– Os plenos de todas as entidades locais integrantes da mancomunidade (Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, A Lama e Campo Lameiro) aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación de tal modificación.

– O contido da modificación afecta os artigos 1, 2, 6, 8, 9, 16 e o anexo I dos estatutos.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar a nova redacción dos artigos 1, 2, 6, 8, 9, 16 e o anexo I dos estatutos da Mancomunidade Terras de Pontevedra.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO

Modificación dos estatutos da Mancomunidade Terras de Pontevedra

Artigo 1. Constitución e ámbito territorial

1. De conformidade co previsto no artigo 44 da vixente Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e no artigo 135 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, constitúese unha mancomunidade voluntaria.

2. Constitúen o ámbito territorial da mancomunidade os termos municipais de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, A Lama e Campo Lameiro, todos eles da provincia de Pontevedra.

3. A Mancomunidade terá plena personalidade e capacidade xurídica e rexerase polos presentes estatutos, polas mencionadas leis e polos seus regulamentos e normas complementarias, tanto da lexislación estatal como da autonómica.

Artigo 2. Denominación e sede

A mancomunidade denominarase Mancomunidade Terras de Pontevedra e a súa sede radicará no concello da corporación da cal sexa membro o seu presidente.

Artigo 6. Do Pleno da Mancomunidade

1. O Pleno da Mancomunidade, órgano supremo de goberno e administración desta, estará integrado por trece membros, que representan: tres, o concello de Pontevedra; dous, a cada un dos concellos de Marín e Poio, e un, a cada un dos concellos de Vilaboa, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Barro e A Lama.

2. Os representantes dos concellos e, de ser o caso, os respectivos suplentes serán elixidos polo Pleno da corporación respectiva en cada mandato. Cada concello elixirá titulares e suplentes. Estes últimos actuarán para os casos de vacante, ausencia ou enfermidade dos titulares.

3. Son atribucións do Pleno da mancomunidade as previstas no artigo 123 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local.

4. O Pleno, a Presidencia e a Vicepresidencia da mancomunidade renovaranse coa mesma periodicidade ca as corporacións locais, proceso que se levará a cabo dentro do mes seguinte ao da correspondente constitución das novas corporacións.

Artigo 8. Do presidente e do vicepresidente

1. O presidente e o vicepresidente serán elixidos polo Pleno da mancomunidade de entre os seus membros, en sesión extraordinaria, sen que poidan pertencer ao mesmo municipio. Para ser elixido será necesario posuír a condición de alcalde e obter un número de votos non inferior á metade máis un do número legal de votos do Pleno da mancomunidade.

2. A moción de censura ao presidente rexerase polo disposto na lexislación electoral xeral.

3. Ao presidente, dentro do ámbito competencial da mancomunidade, correspóndenlle as atribucións asignadas ao alcalde no artigo 124 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e as que o artigo 127 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, atribúe á Xunta de Goberno nos municipios de gran poboación. En especial, correspóndenlle as seguintes atribucións:

a) A representación legal da mancomunidade.

b) Todas as relacionadas co réxime de sesións.

c) A publicación de acordos, execución e suspensión de acordos.

d) A xestión orzamentaria.

e) A ordenación de pagamentos.

f) A rendición e publicación de contas.

g) Todas as relativas á contratación.

h) Todas aquelas de natureza análoga que non sexan asumidas directamente polo Pleno.

4. O vicepresidente substitúe o presidente, coas mesmas facultades, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 9. Do secretario, interventor e tesoureiro

1. O cargo de secretario, interventor e tesoureiro serán exercidos por calquera dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional que exerzan o cargo no municipios mancomunados. Serán designados por unanimidade dos asistentes ao Pleno da mancomunidade. No caso de non conseguir unanimidade, serán desempeñados polo secretario, interventor e tesoureiro do concello da Presidencia da mancomunidade.

2. En canto non se produza a designación, seguirán actuando como tales os da Comisión Xestora.

3. Son funcións do secretario, interventor e tesoureiro:

a) A da secretaría, comprensiva da fe pública e do asesoramento legal, nos termos dos artigos 2 e 3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional.

b) A dirección dos servizos de control e fiscalización económico-financeira e orzamentaria e de contabilidade.

c) A tesouraría e recadación correspóndenlle ao tesoureiro.

Artigo 16. Do cadro de persoal e dos postos de traballo

1. Para o desenvolvemento das funcións, o Pleno da mancomunidade aprobará anualmente, a través do orzamento, o cadro de persoal, que ten que comprender todos os postos de traballo reservados a funcionarios, persoal laboral e eventual, de acordo coas normas reguladoras do persoal e servizos dos entes locais.

2. O Pleno da mancomunidade determinará, de ser o caso, o modo de provisión e alcance da dedicación dos postos de traballo que se compartan con algún concello mancomunado.

3. Mentres a mancomunidade non teña persoal propio funcionará co persoal dos concellos mancomunados que voluntariamente acepten prestar servizos extraordinarios nela. A Presidencia resolverá sobre as retribucións e gratificacións que percibirá este persoal.

4. A Mancomunidade poderá, se o considera oportuno, nomear un xerente, cuxo réxime se axustará ao seguinte:

a) O xerente será nomeado e, se for o caso, cesado libremente polo presidente da mancomunidade en calquera momento.

b) O xerente terá a consideración de órgano directivo.

c) O nomeamento deberá efectuarse entre funcionarios de carreira ou persoal laboral ao servizo dos entes públicos ou profesionais do sector privado. Os profesionais do sector privado deberán acreditar unha experiencia de 5 anos no ámbito do turismo ou no ámbito de postos de dirección de empresas. En todo caso, a titulación mínima requirida será a de licenciatura, diplomatura ou grao.

d) A determinación e modificación das condicións retributivas do xerente será establecida polo Pleno da mancomunidade.

e) A selección da xerente realizarase atendendo a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade.

f) Se o xerente ten a consideración de funcionario público de carreira, formalizará un documento de toma de posesión do cargo. Se o xerente non ten a consideración de funcionario de carreira, formalizará un contrato laboral de alta dirección, coas peculiaridades recollidas nestes estatutos e na lexislación administrativa sobre órganos directivos.

g) As funcións do xerente serán as que determine o presidente e, en todo caso, as seguintes:

1. Dirixir e supervisar as actividades da mancomunidade.

2. Desenvolver a xestión económica conforme o orzamento vixente.

3. Impulsar a súa actividade dentro das directrices emanadas dos restantes órganos dela.

4. Subscribir a documentación da mancomunidade necesaria para a execución de acordos e resolucións e conformar as certificacións, liquidacións e recepcións de obras, servizos, subministracións e contratos en xeral, así como os gastos derivados do seu funcionamento, sen prexuízo das aprobacións que correspondan aos órganos da mancomunidade.

5. Elaborar propostas de disposicións, acordos e convenios.

6. Avaliación dos servizos da súa competencia.

7. Asumir e exercer aquelas competencias que lle delegue o presidente da mancomunidade mediante resolución deste, que será publicada no BOP, sen prexuízo de que produza efectos desde a data dela, salvo que se dispoña outra cousa na resolución de delegación. A estes efectos son delegables no xerente aquelas competencias que o son nos municipios de gran poboación nos concelleiros e/ou directores xerais.

ANEXO I

Distribución de achegas obrigatorias

Concello

Poboación INE 2018

Achega %

Pontevedra

82.802

55,43 %

Marín

24.362

16,31 %

Poio

17.018

11,39 %

Ponte Caldelas

5.491

3,68 %

Vilaboa

5.954

3,99 %

Cerdedo-Cotobade

5.815

3,89 %

Barro

3.716

2,49 %

A Lama

2.430

1,63 %

Campo Lameiro

1.806

1,21 %

Sumas

149.394

100 %