Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 27 de outubro de 2020 Páx. 42664

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 26 de outubro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para contribuír a sufragar os custos de alugamento dos establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan as subvencións para o ano 2020 (código de procedemento PR471B).

O Consello Interterritorial de Saúde acordou, o 14 de agosto, unha serie de medidas sanitarias que o mesmo día foron declaradas como actuacións coordinadas en saúde pública polo Ministerio de Sanidade, para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19, de acordo co establecido no artigo 65 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde.

Concretamente no eido do lecer nocturno, a Orde do 14 de agosto, comunicada polo Ministerio de Sanidade, indica que «os locais de lecer con horario maioritariamente nocturno (bares de copas, discotecas e salas de baile) constitúen actualmente a orixe dos abrochos epidémicos con maior número de casos asociados (media de 31 casos identificados por brote) pero, ademais, os abrochos son a orixe dunha gran parte da transmisión comunitaria actual e de casos en varias comunidades autónomas, debido a que afectan grupos grandes de poboación, dificilmente identificables, con orixes xeográficas moi diversas e que, polas grandes dificultades de localización que xeran, impiden a aplicación temperá e eficaz das medidas de control. A pesar das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias autonómicas para restrinxir ou limitar a actividade destes locais de lecer, seguíronse rexistrando abrochos asociados a este sector da actividade. Neste senso, a propia natureza da actividade que se desenvolve no interior destes locais dificulta enormemente a implementación práctica doutras medidas como o distanciamento interpersoal».

En virtude do anterior, a Consellería de Sanidade ditou a Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Na dita orde especifica que os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno permanecerán pechados. Tamén aclara o que se entende por establecementos de lecer nocturno, para os efectos exclusivamente do establecido nesta orde, que serían as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

Para os efectos de contribuír a minimizar o impacto económico e social derivado desta medida de peche dos establecementos de lecer nocturno, procede aprobar as bases reguladoras e convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, garantindo os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos e establecementos abertos ao público, conforme o establecido na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, que mantén a reserva para o Estado das competencias relativas á seguridade pública e a facultade de ditar normas que regulen os espectáculos taurinos.

A Xunta de Galicia exerce estas competencias a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, de conformidade co disposto no artigo 4 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e 28.2.C do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva.

Por todo isto, no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións para contribuír a sufragar os gastos de alugamento dos establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, durante o período en que permaneceron pechados en aplicación da Orde do 15 de agosto de 2020, da Consellería de Sanidade, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

2. Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas e xurídicas que exerzan, a título de arrendatario, a explotación económica dun establecemento de lecer nocturno, que sexan titulares dun contrato de alugamento, e resulten afectados pola paralización desta como consecuencia das medidas adoptadas para a prevención e contención da evolución do brote de COVID-19.

Para estes efectos, entenderanse por establecementos de lecer nocturno as discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, de conformidade coa definición que destes establecementos se prevé no punto III.2.7 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Asemade, incluiranse as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, de conformidade coa definición deste establecemento contida no apartado III.2.4.5 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, e todos aqueles que non teñan o seu título habilitante adaptado ás tipoloxías anteriores pero que poidan ser asimilables tendo en conta a actividade que desenvolvan, consonte o disposto nas definicións especificadas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro.

Para estes efectos, os establecementos que aínda teñan a consideración de café-concerto, café-teatro, café-cantante e tablao flamenco estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como cafés-espectáculo.

Do mesmo xeito, os establecementos que aínda teñan a consideración de cafés categoría especial e karaokes estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como pub.

A denominación e o código de procedemento correspondente a estas axudas é PR471B Axudas alugamento establecementos lecer nocturno.

3. Esta convocatoria tramítase ao amparo do disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuro en préstamos destinados a apoiar a economía no contexto actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal I), notificado o 27 de marzo de 2020 á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión do 2 de abril de 2020 (C (2020) 2154 final, sobre axuda estatal SA.56851 (2020/N), declarou as axudas amparadas no dito marco compatibles co mercado interior.

4. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Os beneficiarios das axudas deben reunir os seguintes requisitos:

a) Seren titulares do alugamento dun establecemento de lecer nocturno que se atope pechado como consecuencia directa da aplicación da Orde da Consellería de Sanidade do 15 de agosto de 2020, con excepción da zona de terrazas, consonte o disposto na Orde da Consellería de Sanidade do 10 de setembro de 2020.

b) Que os seus contratos de alugamento estean en vigor desde o mes de xaneiro de 2020 e permanezan vixentes durante o ano posterior á data en que se permita a reapertura dos ditos establecementos, co compromiso de mantemento da actividade durante o dito prazo.

c) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

d) Non tratarse de empresas ou autónomos que estivesen en crise o 31 de decembro de 2019.

Artigo 3. Crédito e importe máximo da subvención

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.25.212A 470.0 ata un importe máximo de 2.200.000 euros, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Solicitude

1. A solicitude de subvención presentarase electronicamente consonte o modelo que figura como anexo I destas bases e de conformidade co disposto no artigo anterior.

2. No modelo de solicitude a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que vai manter a actividade do establecemento durante un ano contado desde a reapertura do establecemento.

b) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

c) Declaración responsable do conxunto de axudas solicitadas con esta mesma finalidade.

d) Declaración responsable de que o contrato de alugamento está en vigor na actualidade e permanecerá en vigor durante un ano contado desde a reapertura do establecemento.

e) Declaración responsable de que o establecemento cumpre os requisitos do artigo 2, letra a).

f) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

3. A dita solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do documento acreditativo da titularidade da explotación económica do establecemento de lecer nocturno.

b) Copia do título habilitante do correspondente concello (licenza, comunicación previa ou declaración responsable) que acredite a condición do establecemento como de lecer nocturno.

c) Copia do contrato de alugamento do establecemento en que figure como arrendatario o titular da explotación económica do establecemento.

d) Copia da documentación acreditativa da representatividade que exerce no suposto de tratarse de persoas xurídicas.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 6. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido por sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou, se é o caso, NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social, certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma e certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Defectos na solicitude e outra documentación

1. O defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desisten da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior poderá requirir ás entidades solicitantes para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da solicitude ou para a súa tramitación e resolución.

Artigo 9. Instrución e resolución

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias por parte do órgano instrutor, que será a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados a unha comisión para que efectúe a repartición de acordo co establecido no artigo 10 destas bases reguladoras.

2. A comisión estará composta polas seguintes persoas membros:

Presidente: a persoa titular da Subdirección Xeral de Xogo e Espectáculos Públicos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Secretario: a persoa titular do Servizo de Espectáculos Públicos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Vogais: dous funcionarios da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

No suposto de ausencia, imposibilidade ou incapacidade de calquera das persoas membros da comisión, estas poderán ser substituídas por funcionarios da propia Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, a comisión poderá solicitar os informes técnicos que considere oportunos.

3. Unha vez que a comisión realice a repartición das solicitudes presentadas de conformidade co establecido no artigo 10, do que quedará constancia en acta motivada, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior elevará proposta á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, que resolverá.

4. A resolución notificaráselles a todas as persoas interesadas, segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Asemade, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

5. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, perante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

6. A repartición das subvencións realizarase entre todas as solicitudes admitidas.

O prazo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de quince días contados desde que a comisión reciba a totalidade de solicitudes admitidas.

Artigo 10. Contía da subvención

I. Importes de máis de 7.500 euros de alugueiro mensual co límite máximo de 20.000 euros de axuda por solicitude.

II. Importes entre 5.000 e 7.500 euros de alugueiro mensual co límite máximo de 10.000 euros de axuda por solicitude.

III. Importes entre 2.500 e 5.000 euros de alugueiro mensual co límite máximo de 5.000 euros de axuda por solicitude.

IV. Importes de menos de 2.500 euros de alugueiro mensual co límite máximo de 2.500 euros de axuda por solicitude.

O crédito correspondente a cada tramo é o seguinte:

I. 440.000 euros.

II. 440.000 euros.

III. 660.000 euros.

IV. 660.000 euros.

Dentro de cada tramo repartirase o crédito de xeito lineal correspondendo a mesma contía a cada unha das solicitudes admitidas, comezando polo primeiro tramo. Se nalgún dos tramos superiores sobra crédito para repartir, este aumentará a contía do crédito dos tramos inferiores e, se sobra crédito do tramo IV, a contía sobrante repartirase de novo proporcionalmente entre os tramos que esgotasen o crédito.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Aceptación

1. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

2. As persoas beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

3. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, o correcto destino da subvención.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado. En especial, declarará por escrito calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos custos subvencionables que, en aplicación dos marcos nacionais temporais I e II ou en aplicación do Marco temporal comunitario, recibise durante o exercicio fiscal en curso.

e) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

– Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

– Incumprimento da obriga de xustificar a subvención nos termos establecidos no artigo 14 desta orde.

– En todo caso, será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere o custo final xustificado.

– Incumprimento da obriga de manter a actividade durante un ano posterior ao momento en que se permita a apertura total dos establecementos.

– Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

1. A xustificación da subvención realizarase mediante a presentación dos xustificantes acreditativos do pagamento dos alugueiros correspondentes aos meses de xaneiro a novembro de 2020, ambos incluídos, ou a documentación acreditativa do aprazamento do pagamento concedido polo arrendador, así como a presentación de declaración responsable de non tratarse de empresas ou autónomos que estivesen en crise o 31 de decembro de 2019.

2. Esta xustificación deberase presentar dentro do prazo dos 10 días naturais seguintes á recepción da notificación de resolución.

3. O pagamento da subvención requirirá que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa exixida no punto 1 deste artigo. O pago realizarase mediante transferencia bancaria ao número de conta facilitado polo solicitante na súa solicitude.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario; deberán cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

1. De conformidade co previsto no Marco nacional temporal, as axudas concedidas ao amparo desta orde son compatibles con calquera outra que, tendo o mesmo fin, puidese ser outorgada por calquera outra entidade pública ou privada.

2. Cando a axuda concedida ao amparo desta orde se acumule con outra axuda compatible relativa aos mesmos gastos subvencionables, outorgada pola mesma ou outra autoridade competente, conforme este mesmo réxime (Marco nacional temporal), respectaranse os importes de axuda máxima establecida na Comunicación da Comisión (C (2020) 1863) e modificacións posteriores.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 16 desta convocatoria.

Artigo 18. Perda do dereito ao cobramento da subvención

Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable, constitúen causas de perda do dereito ao cobramento da subvención, total ou parcial, as seguintes:

a) Non presentar toda a documentación xustificativa no tempo e na forma exixibles ou a súa presentación insuficiente ou incompleta.

b) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

c) Calquera outra causa que poña de manifesto que a persoa solicitante non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016,do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título Ida citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8 a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

b) Nos teléfonos 981 54 64 16, 981 54 64 99.

c) No enderezo electrónico espectaculos.sc@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e entidades adscritas e co Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Turismo

missing image file
missing image file