Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 27 de outubro de 2020 Páx. 42683

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 26 de outubro de 2020 pola que se establecen as condicións dunha emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de cento cincuenta millóns de euros.

Con base no artigo 37.3 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para formalizar operacións de endebedamento mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado.

Así mesmo, no artigo 33 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a Comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, á cal lle corresponderá, así mesmo, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. A dita facultade correspóndelle na actualidade ao conselleiro de Facenda e Administración Pública en virtude do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Mediante o Acordo do Consello de Ministros, do 28 de xullo de 2020, outorgouse a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas. Así mesmo, o 20 de outubro de 2020, mediante resolución do director xeral do Tesouro e Política Financeira concedéuselle autorización específica da Secretaría Xeral do Tesouro e Financiamento Internacional, para cumprir o establecido na Resolución do 4 de xullo de 2017, de prudencia financeira.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único

Autorízase unha emisión de débeda da Comunidade Autónoma de Galicia (a emisora) por un importe nominal de 150 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións sénior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia (as «Obrigacións»), representadas mediante anotacións en conta, ao abeiro do artigo 59 e seguintes do Real decreto lexislativo 4/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que se autoriza terá as características que se detallan a continuación:

Importe nominal da emisión: cento cincuenta (150) millóns de euros.

Modalidade: obrigacións.

Procedemento de emisión: colocación privada, non asegurada.

Divisa: euro.

Data de emisión e desembolso: 27 de outubro de 2020.

Data de vencemento: 31 de outubro de 2025.

Prezo de emisión por obrigación: 100,831% do importe nominal de cada obrigación.

Importe nominal de cada obrigación: mil (1.000) euros.

Desembolso: o desembolso da emisión das obrigacións será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso.

Cupón: tipo de xuro nominal fixo do 0,00 %, base Act/Act ICMA, non axustado.

Convención de día hábil: cando unha data de pagamento teña a consideración de día inhábil no sistema TARGET 2 de pagamentos europeo, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigacións efectuarase no día hábil seguinte segundo o calendario do dito sistema, agás que isto implique trasladalo ao mes seguinte, caso en que se producirá o inmediato día hábil anterior. O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia dese posible axuste.

Nos casos en que, segundo a lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención efectuada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.

Representación das obrigacións: as obrigacións están representadas mediante anotacións en conta rexistradas a través do Sistema de Rexistro, Compensación e Liquidación do Mercado de Renda Fixa AIAF, xestionado pola Sociedad de Gestión de los Sistemas de Registro, Compensación y Liquidación de Valores, S.A. (Iberclear).

Negociación dos valores: Mercado de Renda Fixa AIAF.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización das obrigacións: as obrigacións serán amortizadas na súa totalidade á par, na data de vencemento, o 31 de outubro de 2025.

Pagamento de amortización: o pagamento da amortización da débeda será realizado polo Banco de España consonte o establecido no Convenio marco do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.

Lei aplicable: as obrigacións e todas as cuestións que deriven ou garden relación coas obrigacións rexeranse e interpretaranse de conformidade coas leis españolas.

Xurisdición: os xuíces e tribunais da cidade de Santiago de Compostela teñen xurisdición exclusiva para resolver calquera disputa que xurda ou estea relacionada coas obrigacións.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública