Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 30 de outubro de 2020 Páx. 43174

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 19 de outubro de 2020 pola que se convocan os premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2019/20 (código de procedemento ED311F).

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, mediante a Orde ECD/1611/2015, do 29 de xullo, creou e regulou os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, Danza e Artes Plásticas e Deseño, conforme o establecido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Así mesmo, no artigo nove, a citada orde establece que poderá concorrer aos premios nacionais o alumnado que resultase merecedor do premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais convocado na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen nesa norma.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos académicos e artísticos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico as ensinanzas artísticas profesionais na Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 29 de xuño),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto convocar premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais para o alumnado que finalizou os estudos profesionais de Música, os estudos profesionais de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño no curso 2019/20 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED311F).

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderanse conceder ata seis premios extraordinarios, coa seguinte distribución: 3 premios na modalidade de Música, 1 na modalidade de Danza e 2 na modalidade de Artes Plásticas e Deseño. Non se poderá conceder máis dun premio por especialidade na modalidade de Música ou por familia profesional na modalidade de Artes Plásticas e Deseño.

2. A dotación para os premios será de 5.100 € con cargo á partida orzamentaria 10.20.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2020, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía e que non poderá exceder os 850 euros por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lles correspondan.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario, ademais da dotación económica, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción e farao constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais poderán concorrer, logo da inscrición, ao correspondente premio nacional.

5. Estes premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de ensinanzas artísticas profesionais.

Artigo 3. Requisitos de participación

1. Poderá optar aos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

Modalidade A: Música.

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Música, no curso 2019/20, en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Música da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que o/a alumno/a ingresase en sexto curso, a nota media estará referida unicamente ás materias do devandito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá facelo unicamente como candidato ou candidata de xeito individual, e realizará a interpretación como solista con acompañamento da agrupación que precise, se é o caso. Ademais, deberá presentar unha copia dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MP4, en soporte DVD, na cal o/a aspirante interprete tres pezas (obras ou fragmento da obra) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música, cunha duración máxima de 15 minutos, entre as tres pezas. O/a alumno/a deberá especificar os títulos e autores das pezas que interpreta tanto na solicitude como no soporte, e respectará a orde de interpretación. Así mesmo, deberá xuntar un breve currículo con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).

Modalidade B: Danza.

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Danza, no curso 2019/20, en centros públicos ou privados autorizados das ensinanzas profesionais de Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Danza. A estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que o/a alumno/a ingresase en sexto curso, a nota media estará referida unicamente ás materias de devandito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar unha copia dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MP4, en soporte DVD, na cal o/a aspirante interprete, co acompañamento que precise se é o caso, dúas obras da especialidade, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza, cunha duración máxima de 10 minutos entre as dúas obras. O/a alumno/a deberá especificar os títulos e autores das pezas que interpreta tanto na solicitude como no soporte, e respectará a orde de interpretación. Cando se trate dunha gravación cuxa interpretación sexa en conxunto, deberase indicar dentro do grupo a persoa candidata. Así mesmo, deberá xuntar un breve currículo con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).

Modalidade C: Artes Plásticas e Deseño.

a) Ter finalizado un ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2019/20, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado. A nota media final obterase da media aritmética das cualificacións dos módulos que teñan expresión numérica, sen que se teñan en conta nese cálculo as cualificacións de «apto», «exento» ou «validado». No cálculo da nota media non se incluirá a cualificación do proxecto integrado ou proxecto final.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MP4 e cun tamaño máximo de 20MB, e un breve currículo con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).

2. Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da devandita lei e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Prazo e forma de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/das solicitantes.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Opcionalmente poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude a que se fai referencia no artigo 4 desta orde entregarase, se é o caso, a seguinte documentación:

1. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final das distintas modalidades, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público en que estea o expediente académico.

2. Documentación en soporte informático, segundo corresponda ás respectivas modalidades:

a) Unha copia de vídeo en formato AVI ou MP4 en soporte DVD (ensinanzas profesionais de Música e Danza).

b) Memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MP4 (tamaño máximo 20MB).

3. Listaxe dos méritos que se desexen alegar relacionados coa modalidade correspondente, onde conste expresamente a actividade, o organismo convocante e o número de horas (anexo II da solicitude).

4. Acreditación dos méritos alegados mediante documento ou copia, onde conste expresamente a actividade, o organismo convocante e o número de horas, no caso de tratarse de cursos de formación relacionados coa modalidade a que opte o/a aspirante.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica superar os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Procedemento dos centros educativos

Os centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e os privados autorizados proporcionarán ao alumnado solicitante a certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 3 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público en que se atope o expediente académico.

Artigo 10. Emenda e mellora da solicitude

1. A relación provisional de alumnado admitido ou excluído farase pública nos dez (10) días naturais posteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, os/as interesados/as disporán dun prazo de dez (10) días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, consideraranse como desistidos/as da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da citada lei.

3. O prazo máximo para publicar a relación definitiva será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. A publicación das relacións provisional e definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase consonte o establecido no artigo 16 desta orde.

Artigo 11. Xurado de selección

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección formado por:

a) Modalidade de Música:

Presidente/a: a persoa responsable da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, ou persoa en quen delegue.

Vogais: tres vogais especialistas no ámbito da música.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

b) Modalidade de Danza:

Presidente/a: a persoa responsable da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, ou persoa en quen delegue.

Vogais: tres vogais especialistas no ámbito da danza.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

c) Modalidade de Artes Plásticas e Deseño:

Presidente/a: a persoa responsable da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, ou persoa en quen delegue.

Vogais: tres vogais especialistas no ámbito das artes plásticas e do deseño.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos criterios que se establecen a seguir para cada modalidade.

2. Modalidades de Música. A gravación presentada e os méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios: 100 puntos.

a) Nivel técnico: ata 30 puntos.

1º. Dominio da técnica instrumental: ata 10 puntos.

Utilizar o esforzo muscular e a respiración adecuados ás exixencias da execución instrumental. O xurado valorará o dominio da persoa aspirante na técnica interpretativa acorde ao repertorio presentado.

2º. Dificultade e variedade do repertorio presentado: ata 10 puntos.

Interpretar obras das distintas épocas e estilos adecuadas ao nivel das ensinanzas profesionais de música. O xurado valorará a dificultade do repertorio presentado polo/a aspirante.

3º. Corrección na execución: ata 10 puntos.

Mostrar o dominio na execución das obras sen desligar os aspectos técnicos dos musicais. Para tal fin, o xurado comprobará a capacidade da persoa aspirante de relacionar os coñecementos técnicos e teóricos necesarios para acadar unha interpretación adecuada.

b) Calidade artística: ata 40 puntos.

1º. Calidade e equilibrio sonoro: ata 15 puntos.

Demostrar sensibilidade auditiva no uso das posibilidades sonoras do instrumento.

O xurado valorará a sensibilidade da persoa aspirante respecto das características propias do instrumento.

2º. Aplicación de elementos expresivos axustados ao estilo das obras: ata 15 puntos.

Demostrar a autonomía necesaria para abordar a interpretación dentro das marxes de flexibilidade que permita o texto musical. Para tal fin, o xurado terá en conta o concepto persoal, estilístico e a liberdade de interpretación dentro da fidelidade á partitura.

3º. Interpretación de memoria: ata 6 puntos.

Interpretar de memoria as obras do repertorio presentado pola persoa aspirante.

O xurado valorará o dominio e a comprensión que posúe das obras, así como a capacidade de concentración sobre o seu resultado sonoro.

4º. Presenza escénica: ata 4 puntos.

Amosar capacidade comunicativa e calidade artística durante a execución do programa presentado.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que poidan ser considerados pola súa vinculación cos estudos cursados: ata 30 puntos.

1º. Cursos superados como alumno/a activo/a sobre a especialidade instrumental/vocal de 10 ou máis horas: 0,1 puntos por cada hora.

As persoas candidatas deberán indicar o número total de horas en cada un dos cursos de formación que presenten.

Nos cursos de formación superados polas persoas candidatas só se computarán as horas completas.

2º. Por participación en actuacións:

a) En agrupacións de cámara (ata 10 integrantes): 0,5 puntos por actuación.

b) Individuais (concertos a solo, recitais con acompañamento de piano ou como solista con orquestra/banda): 1,5 puntos por actuación.

Computarase unha actuación por programa de concerto interpretado, aínda que este fose desenvolvido en diferentes auditorios.

Non se valorarán as interpretacións musicais que formen parte dun curso de formación ao cal asistiu a persoa candidata.

Non se computarán as actuacións musicais que tivesen lugar no mesmo centro onde a persoa candidata estaba cursando nese momento as súas ensinanzas musicais.

Respecto das actuacións musicais achegadas como mérito que requiran acompañamento instrumental, o xurado valorará a pertinencia de incluíla na epígrafe de actuación individual ou colectiva, segundo proceda, en vista do programa dese concerto.

3º. Por premios obtidos:

a) 1º premio de ámbito autonómico: 1,5 puntos.

Non se valorarán os premios outorgados nos conservatorios ou escolas de música, agás o premio fin de grao.

b) 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

3. Modalidades de Danza. A gravación presentada e os méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios: 100 puntos.

a) Nivel técnico: ata 30 puntos.

1º. Dominio da técnica dancística: ata 10 puntos.

Demostrar o grao de madureza e capacidade técnica do/da aspirante respecto da colocación do corpo, o desenvolvemento muscular, a coordinación de todos os movementos, o dominio do equilibrio e control do corpo, a precisión e definición dos desprazamentos, a utilización do espazo e a respiración do movemento.

2º. Dificultade e variedade do repertorio presentado: ata 10 puntos.

Demostrar a capacidade interpretativa e a súa identificación co estilo da obra interpretada. Deste xeito, o xurado valorará a madureza interpretativa fronte á variedade de obras e estilos.

3º. Corrección na interpretación: ata 10 puntos.

Demostrar o desenvolvemento máximo da capacidade de movemento, o traballo muscular, a precisión e colocación do corpo, a coordinación dos brazos e das pernas, e a sincronización de impulsos, pernas, brazos, torso e música.

b) Calidade artística: ata 40 puntos.

1º. Aplicación de elementos expresivos axustados ao carácter das obras: ata 20 puntos.

Observar a capacidade artística, sensibilidade, musicalidade e comunicación expresiva.

Amosar unha sensibilidade corporal e musical para a obtención dunha interpretación expresiva sen perder o estilo e porte necesarios.

Terase en conta a execución correcta das obras en relación coa expresión artística, co sentido formal, sentido do estilo musical e coa capacidade para imprimir carácter á obra.

2º. Movemento e dominio do espazo escénico: ata 20 puntos.

Utilizar de forma adecuada o espazo en cada unha das coreografías e demostrar a utilización correcta do espazo, tanto en solitario como en parella ou en grupo.

Coordinar e a súa función no movemento en relación coa intención expresiva.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que poidan ser considerados pola súa vinculación cos estudos cursados: ata 30 puntos.

1º. Cursos superados de 10 ou máis horas: 0,1 puntos por cada hora.

As persoas candidatas deberán indicar o número total de horas en cada un dos cursos de formación que presenten.

Nos cursos de formación superados polas persoas candidatas só se computarán as horas completas.

2º. Por participación en actuacións:

a) Actuacións colectivas: 0,5 puntos por actuación.

b) Actuacións individuais: 1,5 puntos por actuación.

Computarase unha actuación dancística por programa interpretado, aínda que esta fose desenvolvida en diferentes auditorios.

Non se valorarán as interpretacións dancísticas que formen parte dun curso de formación ao que asistiu a persoa candidata.

Non se computarán as actuacións dancísticas que tiveran lugar no mesmo centro onde a persoa candidata estaba cursando nese momento as súas ensinanzas de danza.

3º. Por premios obtidos:

a) Por un 1º premio de ámbito autonómico: 1,5 puntos. Non se valorarán os premios outorgados nos conservatorios ou escolas de danza, agás o premio fin de grao.

b) Por un 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

4. Modalidade de Artes Plásticas e Deseño. O proxecto integrado ou proxecto final e os outros méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios: 100 puntos.

a) Nivel técnico: ata 30 puntos.

1º. Calidade da presentación e execución: ata 15 puntos.

Concreción na exposición dos obxectivos do proxecto integrado, declarados na memoria/exposición de motivos, en relación cos requirimentos dun suposto cliente, do/s usuario/s, do público obxectivo e/ou a finalidade do devandito proxecto integrado e a súa coherencia coas condicións do ámbito cultural, social e económico a que vai destinado ou no que se pretende a súa utilización, uso e/ou difusión.

2º. Grao de dificultade do proxecto: ata 15 puntos.

Dificultade existente entre os obxectivos observados no ordinal anterior e os materiais, os medios técnicos, os procedementos, as instalacións, as máquinas e ferramentas empregadas na realización do proxecto integrado. Claridade, corrección técnica, pulcritude e orde na exposición das diferentes partes e/ou documentos que compoñen o proxecto integrado.

b) Calidade artística: ata 40 puntos.

1º. Creatividade: ata 20 puntos.

A constancia e/ou xustificación da linguaxe estética proposta e empregada na concepción, proxección e realización do proxecto integrado. A orixinalidade e significación, en termos de valor estético e artístico engadido, amosadas na concreción das propostas estéticas e formais e o resultado global observado.

2º. Adecuación do grafismo/tipografía/ilustracións á temática: ata 20 puntos.

A orixinalidade e significación, en termos de valor estético e artístico engadido, amosadas na concreción das propostas estéticas e formais e o resultado global observado. A concordancia entre os recursos estéticos (forma, tamaño, escala, cor, textura, materiais, grafismo, tipografía, ilustracións, etc.) empregados e a proposta estética observada na ordinal anterior.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que puidesen ser considerados pola súa vinculación cos estudos cursados: ata 30 puntos.

1º. Cursos superados de 10 ou máis horas: 0,1 puntos por cada hora.

As persoas candidatas deberán indicar o número total de horas en cada un dos cursos de formación que presenten.

Nos cursos de formación superados polas persoas candidatas só se computarán as horas completas.

2º. Por participación en exposicións:

a) Exposicións colectivas: 1 punto por exposición.

b) Exposicións individuais: 2 puntos por exposición.

Computarase unha exposición por programa presentado, aínda que teñan lugar en diferentes lugares.

Non se valorarán as exposicións que formen parte dun curso de formación a que asistiu a persoa candidata.

Non se computarán as exposicións que tivesen lugar no mesmo centro onde a persoa candidata estaba a cursar nese momento as súas ensinanzas artísticas.

3º. Por premios obtidos:

a) Por un 1º premio de ámbito autonómico: 1 punto. Non se valorarán os premios outorgados nos centro educativos onde estudou a persoa candidata as ensinanzas.

b) Por un 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

5. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 13. Puntuacións provisionais

1. O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas na forma establecida no artigo 16 desta orde.

2. O alumnado ou, se é o caso, os seus representantes legais poderán presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez (10) días a partir do seguinte ao da súa publicación, e achegar a documentación que corresponda preferiblemente por vía electrónica accedendo á carpeta cidadá. Opcionalmente, poderase presentar a reclamación ou emenda de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no devandito artigo.

3. No caso de que se opte por presentar a reclamación ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que esta sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de ser certificada e remitida ao Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial, Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, edificio administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 3º andar, 15781 Santiago de Compostela. Poderase adiantar por correo electrónico ao enderezo xsere@edu.xunta.gal

Artigo 14. Resolución definitiva

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos/das aspirantes publicaranse consonte o establecido no artigo 16 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

2. As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das cualificacións definitivas.

3. A persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional elevará a proposta feita polo xurado de selección ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, que emitirá a correspondente resolución de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de catro (4) meses, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

5. O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polas persoas candidatas a través do portal educativo da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.gal

6. Contra a resolución poderase presentar recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

7. Poderase adiantar por correo electrónico ao enderezo xsere@edu.xunta.gal

Artigo 15. Obrigas dos/das gañadores/as

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No modelo normalizado ED311F que figura como anexo I, o alumnado debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. O/a beneficiario/a ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, poderá utilizarse a declaración responsable incluída no anexo I desta orde ou certificado de estar ao día das súas obrigas tributarias. De transcorreren máis de seis (6) meses desde a presentación da declaración, o beneficiario ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 16. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a relación provisional e definitiva do alumnado admitido e excluído e as cualificacións provisionais e definitivas obtidas polos candidatos e candidatas. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade https://www.edu.xunta.gal

Artigo 17. Modificación da adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para adoptar os actos e as medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file